270921 Ruta dos lagos do Circo de Colomers
Enlaces a: wikiloc / fotos / pdf castelán
SITUACIÓN: Val d´Arán (Lleida)
PUNTO DE PARTIDA: Banhs de Tredós (1.750 m)
ACCESO: Desde Salardú por pista 8 km.
HORARIO: 7/8 h DESNIVEL: 520 m DISTANCIA: 16 km
DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Ida e volta / circular
COTA MÍNIMA: Aparcadoiro de Banhs de Tredós (1.750 m)
COTA MÁXIMA: Cimbro entre o Estanh Mort e Gargihs de Jos (2.235 m)
MAPA: Val d´Arán 1:40.000 / Aigüestortes – Vall de Boí 1:25.000 (Editorial Alpina)
SINOPSE: O circo de orixe glaciar de Colomérs, abicado no Val d´Arán, alberga no seu interior unha cincuentena de lagos ou estanys (estanh en aranés). É unha ruta clásica deste val, xa que é relativamente fácil e transcorre por paraxes naturais moi fermosos á parte de pasar xunto a varios lagos de augas azuis rodeados de montañas.
Esta ruta, aínda que é apta para calquera persoa, temos que ter en conta que andaremos por terreo agreste e quebrado onde a rocha dificulta un pouco a progresión.
DESCRICIÓN DA RUTA: Na parte traseira do aparcadoiro de Banhs de Tredós sae un carreiro que vai a través do bosque pola marxe dereita do río d´Aiguamóg. Este carreiro sobe suavemente paralelo á canle do río ata que chega a unha paraxe onde se cruza o río por unha ponte para seguir pola marxe oposta (1.827 m).
Despois da ponte, o carreiro sobe para desembocar na pista pola que seguimos subindo suavemente ao longo do val fluvial ata chegar á paraxe coñecida como Pletiu dera Montanheta (1.857 m). Aquí a pista vadea o río d´Aiguamóg por unha ponte e segue subindo pola outra marxe facendo varios zigzags. O camiño cruza a pista en varias ocasións ata o seu remate (1.965 m).
A partir de aquí, o carreiro continúa subindo, agora con máis pendente, paralelo ao río aínda que algo lonxe del, ata chegar ao lago coñecido como Planhóles dera Lóssa (2.045 m), o carreiro cruza o río por unha ponte e segue paralelo á canle, agora por zona herbosa ata acadar a presa do lago Major de Colomérs (2.115 m).
Cruzamos a presa pasando xunto ao antigo refuxio e continuamos preto do lago cara ao refuxio de Colomérs (2.142 m). Desde o refuxio continua o carreiro bordeando o lago do que axiña nos distanciamos para comezar a subir pola cubeta glaciar entrando así na cunca do lago Estanh Mórt (2.205 m). O camiño segue entre este lago e outro máis pequeno en dirección leste bordeando unhas rochas e acadando o punto máis alto da ruta (2.235 m).
Camiñamos cara ao seguinte lago, chamado Garguilhs de Jos (2.204 m), que bordeamos pola vertente norte ata chegar ao seu desaugue que cruzamos por unha ponte para seguir o carreiro en dirección leste ata outro pequeno lago sen nome . A partir deste pequeno lago, o carreiro baixa suavemente cara ao norte levándonos ao seguinte lago: Estanh de Plan (2.190 m).
O camiño deixa este lago á dereita para seguir baixando pola cubeta glaciar en dirección leste chegando de seguida ao Lac Long (2.178 m). Aparece un punto de información desde o que podemos achegarnos ao lago nun percorrido de ida e volta. Desde a sinal seguimos paralelos a este lago ata superalo, subindo agora por unha bagoada herbosa cara a o cimbro coñecido como Coret deth Clóto (2.190 m).
Ao chegar a este pequeno cimbro, o carreiro baixa pola outra vertente e por esta bagoada pechamos o círculo xunto ao lago Major de Colomérs. Agora toca retornar polo xa coñecido camiño da subida despois de rematar o círculo que nos ofreceu os sete lagos de Colomérs.