100403 Puerto de Cotos - Puerto de los Neveros - La Granja
Enlaces a: wikiloc / fotos / pdf castelán
SITUACIÓN: Rascafría (Madrid) – San Ildefonso (Segovia)
PUNTO DE PARTIDA: Venta Marcelino – Puerto de Cotos (1.830 m)
ACCESO: Dende a estrada M – 601 Madrid – Segovia o porto de Navacerrada. Dende aquí continuar pola C – 604 ata o porto de Cotos ou El Paular.
HORARIO: 5/6 horas DESNIVEIS: 350 m de subida / 830 de baixada
DISTANCIA: 12 km DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Travesía
MAPAS: I.G.N. – 508 – II – 483 – IV
DESCRICIÓN DA RUTA: Saímos dende a Venta Marcelino (1.830 m) subindo pola pista empedrada, que dende o mesmo porto se afasta, pola parte traseira da venta, non sen antes visitar a fonte de Quirós e o fito que sinalaba os límites dos reais Pinares de Valsaín, que deron nome ao porto de Cotos, antes coñecido como El Paular. Ambos fitos atópanse situados xunto a dita venta e o posto da Cruz Vermella, polo que non teremos problemas para localizalos. Algo máis enriba, a pista describe unha curva á dereita rematando o empedrado, e pasamos xunto a Casa del Parque Los Cotos.
Máis adiante atopamos o posto de Control de la Vigilancia del Parque. Cruzamos ao outro lado da valla, que impide o paso a vehículos, e seguimos remontando pola pista desta soleada ladeira, sobre terra e entre pinos. Case ao final do tramo recto e en suave descenso, antes de que a pista faga un xiro á esquerda podemos oír o murmurio da auga que cae do caño da fonte Cubeiro. De seguida se alcanza a curva e o miradoiro de La Gitana. Seguimos a marcha atopándonos cunha construción dun depósito de auga cun engadido no seu tellado a modo de cobertizo. No lado dereito do depósito vemos unhas deterioradas escaleiras de pedra que soben, na súa a parte alta, por sendeiro de montaña, o Camino del Agua. Abandonamos a pista e seguimos polo sendeiro que ven sendo a ruta da Laguna de Peñalara.
Nada máis deixar atrás as escaleiras empedradas, o sendeiro vai en chan sen dificultade ningunha. Un cento de metros máis adiante pasamos unha portiña de madeiros, que deixaremos cerrada. Ao comezo recorremos un tramo curto gañando altura suavemente sobre o piñeiro, pero inmediatamente volve a ser chá seguindo a media ladeira. Cruzamos transversalmente a pista de esquí de La Pradera, e pouco máis adiante saímos do piñeiro. Se miramos cara ao sur temos boas vistas de val do río de La Angostura, encaixado no fondo das abas que caen das Cabezas de Hierro. Tamén chamará a nosa atención unha grande extensión de praderías coñecida como Pradera de los Campamentos, na que aínda podemos ver os restos dalgúns edificios.
O itinerario segue un trazo que bordea os aluvións de pedra de Peñalara e descorre pola ladeira Sureste en dirección nordeste, dando vista ao Valle del Arroyo de la Umbría e máis aló o de Lozoya, mantendo a altura ao largo dun quilómetro. Na metade do recorrido pasaremos xunto a fonte do Cedrón. Ao remate, tras un xiro á esquerda, chegamos ao regato que baixa da Laguna Grande de Peñalara. Alí atoparemos unha caseta de vixilancia do parque (1.940 m) e un cruce con tres ramais. O camiño noso continúa de fronte, cara aos farallóns de rocha que se levantan da Hoya de Peñalara, sen perda posible por un entarimado de pasarelas de madeira que evitan o impacto de miles de pegadas dos visitantes, leva a Laguna Grande de Peñalara.
Tras seguir o entarimado, que alterna chanzos de pedra e terra, a uns 500 metros, chegamos a Laguna Grande de Peñalara, lugar onde imos descansar e gozar das vistas.
Da parte sureste da lagoa sae un sendeiro nesa dirección que empalma despois duns 400 metros co camiño que traíamos ao chegar a caseta. Seguimos o sendeiro PR – 15 onde hai algúns fitos seguindo polos pedreiros sempre en dirección Nordeste, mantendo a altura ata culminar no alto que se ve un enorme fito de pedras amoreadas que nos indica a dirección por onde vai o sendeiro. Baixamos pola esquerda do fito ata unha zona herbosa e húmida que se prolonga cara ao Valle del Alto Lozoya, chamada Hoya de Pepe Hernando, libre dos pedreiros que acabamos de cruzar.
Dende esta zona seguimos o sendeiro habitual, no que non existen balizas nin se distinguen as ¿marcas brancas e marelas?. O sendeiro algo confuso, ten algún fito de pedras. Nada máis baixar a primeira das Hoyas, dende o gran fito anterior, continuamos xunto ao regato que descorre polo medio da pradería seguindo a súa canle pola parte dereita. O camiño vai cara ao leste ata que o regato se cruza na nosa marcha para desaugar cara ao Valle del río de la Angostura. Cruzamos ao outro lado por riba dunhas pedras e viramos ao norte. Seguimos en lixeiro ascenso primeiro, e logo xa un pouco máis costo, remontamos a zona rechán superior.
O panorama que temos agora é diferente do anterior. Desaparecen os chaguazosos e as praderías, substituídas por rochas aplanadas que cobren todo o chan xunto con outras amoreadas e distribuídas sen xeito. Ímolas pasando mentres vemos as Cinco Lagunas de Peñalar, algunha é unha simple poza. O sendeiro pasa entre dúas delas, e na que queda á esquerda da marcha, aínda podemos ver zonas herbosas bordeando a lagoa. Outra situada máis adiante e á dereita, máis grande ca anterior, está bordeada por rochas que lle dan un aspecto desolador. Seguimos a ruta polo itinerario marcado con fitos de pedras, que agora son máis numerosos indicando claramente por onde hai que seguir. Traspasamos unha nova barreira de rochas, sendo o desnivel a superar moi inferior, situándonos nunha nova zona rechán por riba das anteriores. Parece que a gran acumulación de rochas anterior deixa paso a unha zona de mellor andar, que aínda que hai moitas, agora podemos pegar por zonas de terra. A nosa dereita deixamos unha pequena e fermosa lagoa que invita ao descanso.
O carreiro con trazas netamente norte descorre polo centro duns chans e tras deixar a lagoa, atravesa unha explanada de rochas soltas que se cruza sen dificultade. Á nosa esquerda vemos o pico de Los Claveles e despois dunha derradeira e suave ascensión chegamos a parte alta da meseta que vimos atravesando. No alto descubrimos unha ampla zona de praderías, desprovista de arbustos, que se perde en sentido norte flanqueada á esquerda pola aresta de Los Claveles de Peñalara. Atravesamos este chan, sempre cara ao norte, tomando como referencia a parte final da corda que baixa dende eses cortados. Ao final atoparemos a máis grande de todas as lagoas, aínda que de pouca profundidade, que mantén a auga no verán debido ao manancial que existen nun dos seus extremos. É a Laguna de los Pájaros, situada a dous mil metros de altitude e rodeada de praderías turbeiras. Rodeando a lagoa pola parte suroeste atoparemos unha fonte que corre todo o ano.
Despois dunha parada neste fermoso lugar, seguimos a marcha cara ao Puerto de los Neveros. Deixamos detrás a lagoa enfiando a corda novamente cara ao norte, por unha zona case horizontal. De seguida veremos, pola esquerda, La Granja de San Ildefonso, abaixo no val. En case dez minutos acadamos o porto de Los Neveros (2.100 m), comezando a baixada cara a unha bagoada da esquerda dando vista a Segovia. Temos que localizar un gran fito de pedras que hai entre o matos, o sendeiro baixa polo lado dereito do regato de La Chorranca.
Cando chegamos ao piñeiral, atoparemos varias bifurcacións que poden dar lugar a confusión sobre cal debemos seguir. Buscaremos unhas marcas, xa bastante borradas, de cor amarelo nos pinos e seguímolas. O trazo do sendeiro está un pouco perdido, discorrendo por zona inclinada e pedregosa. Na baixada chegamos a unha camposa no medio do piñeiral, El Esquinazo, que se cruza cara ao oeste. Seguimos a parede que cerra a Granja ata a entrada principal da mesma onde remata a travesía.