100402 La Pedriza Anterior - El Yelmo

 Enlaces a: wikiloc / fotos / pdf castelán

 

SITUACIÓN: Parque Regional de la Cuenca Alta del Manzanares

(Manzanares el Real) Madrid

PUNTO DE PARTIDA: El Tranco  

ACCESO: Dende a A – VI desviándose en Collado Villalba pola M – 608 a Manzanares el Real. Un quilómetro antes collemos a estrada, perfectamente sinalizada, ao Centro de Interpretación. Logo polo Collado de Quebrantaherraduras ata a explanada de Canto Cochino.                        

HORARIO: 5/6 horas                     DESNIVEL: 450 m              DISTANCIA: 10 km             

DIFICULTADE: Media                   TIPO DE RUTA: Circular              

MAPA: I.G.N. – 508 – II – IV - La Pedriza 1:25.000 de Alpina. 

SINOPSE: A Pedriza é un lugar privilexiado para a observación e estudo do modelado das rochas graníticas. Aínda que a litoloxía e a estrutura xeolóxica son os principais factores condicionantes do relevo, tamén a influenza do clima foi importante como axente modelador. 

DESCRICIÓN DA RUTA: Cruzamos pola ponte que hai na parte baixa de Canto Cochino á outra beira do río Manzanares. O bosque tupido de galería de amieiros acompaña os nosos primeiros pasos polo sendeiro que baixa paralelo a canle do río, ata dar coa ponte de madeira sobre o rego da Majadilla.

    Despois de cen metros polo sendeiro que segue rego arriba, collemos á dereita un sendeiro que durante 20 minutos faranos subir por un espesa matueira máis alta cas nosas cabezas, no que debemos prestar atención.

    Logo da subida chegamos a un tramo chao, xunto a canle do Barranco de los Huertos, de desiguais marxes: na nosa beira, unha pradería de esprego e tomelo, e na outra forrada polas verticais paredes de granito que chegan ata Peña Sirio, tremendo pelouro. Este ameno tramo dura poucos minutos porque queda interrompido por grandes bloques desprendidos e paredes verticais que colapsan o regato, facendo complicada a tarefa de seguir o curso polo labiríntico Barranco de los Huertos. Ante esta dificultade, subimos polo sendeiro da dereita durante 20 minutos, entre matueiras ata dar cunha alargada pradería chá e franqueada por paredes rochosas.

    Unha das peculiaridades da Pedriza é ir subindo por sucesivas terrazas que se mesturan entre cristeiríos rochosos. Así chegamos ao lugar coñecido como La Gran Cañada. Ignoramos os sendeiros que hai pola ladeira durante 40 minutos, camiñando por prado encharcado ata o regato de Cortecero. Xusto nese momento a parede rochosa da dereita desaparece deixando á vista pasearse polo Hueco del Paredón e máis abaixo o encoro de Santillana. Atopamos as marcas de pintura branca e marela do PR – 1 chamada Senda Maeso.

    A Pedriza é un labirinto de sendeiros que incluso aos máis habituais leva á confusión, polo que debemos fixarnos para seguir ladeira arriba nas marcas marelas e brancas. Gozamos desta subida entre paredes, covas e agullas rochosas, tapizadas de breixos e algún illado carballo, sen extraviarnos durante hora e media de puro xogo como pequerrechos seguindo as marcas, cansos polos tobogans que soben e baixan ata que remata a subida.

    Nese momento, o sendeiro entronca con outro transversal: á dereita as marcas sinalan o Collado de la Dehesilla, e á esquerda sen desviarnos, en menos de 15 minutos chegamos as paredes do Yelmo.

    Subamos ou non, deberemos desandar o camiño ata o cruce de sendeiros e seguir en dirección ao Collado de la Dehesilla. Temos un pequeno tramo chao de case un cuarto de hora, que remata ao acadar á nosa dereita unha aguzada masa rochosa que dificilmente pasa inadvertida, coñecida como El Acebo.

    A partir de aquí o sendeiro comeza a baixar serpeando durante 30 minutos pola ladeira do Hueco de Coberteros, que carece de árbores ata alcanzar o Collado de la Dehesilla.

    Neste lugar deixamos o PR – 1 de marcas brancas e marelas e seguimos o GR – 10 con pinturas branca e roxa, cara á esquerda. Por sendeiro entre breixos e mauteiros chegamos ao regato da Dehesilla xunto ao cal baixaremos franqueados á dereita polos Riscos de los Pinganillos e La Buitreras ata chegar a illada pedra de El Tolmo. Esta pedra é o maior canto rodado desprendido de toda a serra, cuxo orixe sinala a brecha inmediatamente á dereita do risco El Pájaro.

    De novo camiñando polas marcas do GR – 10, para atoparnos co refuxio Giner, xunto ao cal está a fonte de Pedro Acuña.

    A partir do refuxio e despois de cruzar o regato da Majadilla, volver a Canto Cochino é moi fácil, seguindo as marcas de pintura, por un sendeiro moi trillado, ancho e frecuentado que recibe o nome de La Autopista de la Pedriza, sempre co regato e compaña ata Canto Cochino.

 

Publicacións populares deste blog

NOVAS

260914 Madotz - Irañeta

260916 Circular Midí d'Ossau