270922 De Espot ao Estany Negre de Peguera
Enlaces a: wikiloc / fotos / pdf castelán
SITUACIÓN: Parque Nacional d´Aigüestortes i Estany de Sant Maurici
PUNTO DE PARTIDA: Espot (1.350 m)
ACCESO: Desde Vielha pola C-28 que pasa polo porto de La Bonaigua e a C-13. Logo pola LV-5004.
HORARIO: 6/7 h DESNIVEL: 1.100 m DISTANCIA: 16 km
DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Ida e volta
COTA MÍNIMA: Espot (1.350 m)
COTA MÁXIMA: Estany Negre de Peguera (2.368 m)
MAPA: Estany de Sant Maurici – Els Encantats 1:25.000 de Editorial Alpina
DESCRICIÓN DA RUTA: Esta camiñada parte do aparcadoiro de Espot camiñando pola beirarrúa ata o cruce que hai enfronte ao hotel Saurat, onde collemos á esquerda para cruzar o río por unha ponte. Seguimos as rúas ao suroeste cara a o val que se abre de fronte.
Camiñamos uns metros pola estrada que vai á estación de esquí e xusto ao pasar o cámping abandonamos a estrada á altura da ponte de Feners, onde existen uns carteis indicadores.
O camiño segue polo val con o río Peguera á nosa esquerda, seguindo o GR – 11 – 20 que vai ao refuxio J.M. Blanc e ao Estany Negre de Peguera. Cando levamos aproximadamente un quilómetro de andaina, o camiño cruza un rego que baixa pola dereita por unha ponte logo da cal, fai un xiro á dereita deixando de fronte un ramal que vai á Font del Sofre. O camiño comeza a subir sempre seguindo o val de Peguera pasando xunto a unha fervenza antes de entrar no Prat de Platets (1.600 m) onde cruzamos o río de Peguera pola Pont del Salvador.
Camiñamos agora un tramo con o río á nosa dereita ata que aparece unha ponte con troncos de madeira por onde volvemos a cruzar para entrar nas Bordes de Boigots (1.745 m). O camiño, sempre ben claro, pasa por un tramo construído en madeira, pouco antes de chegar á presa do Estany de Lladres onde tamén existe unha fonte.
O camiño segue ladeira arriba pola zona de Pletiu de Trescuro deixando os Estanys de Trescuro abaixo á nosa esquerda.
Camiñamos agora por Les Feixetes que da paso ao Collado de Les Feixetes (2.320 m) e ao Estany Tort de Peguera. Camiñamos polo seu muro oriental vendo o emprazamento idílico do refuxio J.M. Blanc.
Pasamos este refuxio para seguir o carreiro xunto ao lago Tort e de seguida aparece o Estany Negre de Peguera, tamén represado e punto onde damos a volta polo mesmo camiño ata Espot.