260718 De Tuíza a Lindes polos Puertos de Agüeria

 Enlaces a:   Wikiloc   /  fotos  /  pdf castelán

 

SITUACIÓN: Parque Natural de Las Ubiñas – La Mesa - Lena e Quirós (Asturias)

PUNTO DE PARTIDA: Aparcadoiro de Tuíza de Arriba (1.200 m)

ACCESO: Pola autoestrada A-66 coller a saída de Campomanes e desde aquí pola LN-8 que sobe ao porto de La Cubilla.

HORARIO: 6/7 h         DESNIVEL: 600 m de subidas / 900 m de baixadas

DISTANCIA: 15 km     DIFICULTADE: Media/alta         TIPO DE RUTA: Travesía

COTA MÍNIMA: Lindes (920 m)      COTA MÁXIMA: Collado da Braña Valseco (1.725 m)

MAPAS: I.G.N. – 77 – IV – Macizo de las Ubiñas 1:25.000 de Adrados

SINOPSE: A ruta aquí descrita é a travesía normal de Tuíza a Lindes. Si engadimos os cumes do Tapinón é Peña Arpín, non aumentaría a distancia pero si o desnivel, uns cincocentos metros.

    Esta é unha das rutas máis fermosas e completa que se pode facer por esta zona da montaña asturiana. As vistas que nos depara o Collado del Viso, desde o que podemos ver as montañas máis impoñentes do cordal de Peña Ubiña e o paso pola parte inferior dos Puertos de Agüeria, o maior bosque de acivros de Europa, é sinxelamente espectacular. Non serven as palabras, hai que facer esta travesía que a ninguén deixará indiferente.

    Si queremos engadir algún cume a esta travesía temos varios: o primeiro é o Tapinón (2.100 m) ao que se accede facilmente desde a veiga de El Forcau (1.640 m). e antes de chegar ao Valle de Arriba, á dereita queda Peña Arpín (1.683 m).

  • “É moi importante levar auga suficiente xa que non hai fontes seguras nesta travesía”.

DESCRICIÓN DA RUTA: Partimos do aparcadoiro de Tuíza de Arriba collendo o camiño que nos leva ata a parte superior da aldea. Pasamos xunto a unha fonte bebedoiro onde podemos abastecernos de auga e seguir o PR – AS 89 Tuiza – Xomezana. En pendente continua camiñamos pola Mortera de Cebero entre prados en dirección nordeste pasando unha cancela despois do primeiro quilómetro que deixaremos pechada. Seguimos por camiño claro bordeando as abas do Siegalavá, acadando o Collado del Viso (1.525 m) situado entre Peña Foxón e Peña El Castiellu. Neste lugar, é obrigada unha parada para xirarnos e contemplar toda a maxestade dos cumes do cordal de Peña Ubiña así como o Siegalavá e Tapinón que temos á nosa esquerda da marcha.

    A partir do Collado do Viso, suaviza a pendente, deixamos o PR que vai a Xomezana e collemos o carreiro que xira ao norte polas abas da Pena Foxón deixando á nosa dereita a fonte Las Arenas. Agora o carreiro de La Calear, atravesa a braña Foxón e sobe ata a Collada Valverde (1.668 m) onde hai unha lagoa estacional que da paso á veiga El Forcáu. Axiña pasamos esta veiga para entrar na Braña de Valseco (1.680 m), que tamén ten unha lagoa estacional. O carreiro pasa por riba da cova El Oscuro (1.725 m), punto máis alto desta travesía.

    A partir deste lugar comeza unha longa baixada. O camiño xira ao suroeste enfronte ao pico Abedulón ao que podemos subir superando uns trinta metros de desnivel. O camiño que agora baixa facendo varias lazadas ata a fonte de Corros onde cambiamos a orientación cara ao norte e logo cara á lagoa da braña de El Chegu, que podemos ver máis abaixo. Deixamos a lagoa (1.556 m) á nosa esquerda para entrar nunha zona de acivros que da paso ao Valle de Arriba.

    Conectamos con o val do río de La Foz Grande que seguimos por carreiro ben marcado un bo tramo polo paso que se abriu o río entre Peña Arpín e Peña Rueda. Así chegamos a un punto en que cruzamos o río para seguir á esquerda subindo ata El Collau (1.266 m). O seguinte tramo de Las Escolmenas soe estar moi embarrado en épocas de chuvia. Nese caso temos a opción de coller un carreiro pola esquerda que vai pola braña de Manín de Arriba entroncando máis adiante en El Caleru, con o camiño anterior. Agora, sempre en baixada, axiña chegamos á igrexa de Lindes (920 m).

    É posible, que á entrada desta poboación teña aberto o pequeno bar, El Pixoto, onde podemos dar conta dunha merecida cervexa.