250315 Serra de Peña Gradura

 Enlaces a:  Wikiloc  /  fotos  /  pdf castelán

SITUACIÓN: Teverga (Asturias)

PUNTO DE PARTIDA: Casa de Don Pablo (980 m)

ACCESO: Desde o aparcadoiro de Entrago pola estrada que sobe aos Puertos de Marabio.

HORARIO: 5/6 h.             DESNIVÉIS: 535 m de subidas / 1.100 m de baixadas

DISTANCIA: 15 km         DIFICULTADE: Media         TIPO DE RUTA: Travesía

COTA MÍNIMA: Entrago (430 m)                                     COTA MÁXIMA: Pico L´Obiu (1.357 m)

MAPA: I.G.N. – 52 – III

SINOPSE: O Monumento Natural dos Puertos de Marabio constitúen un complexo kárstico de notable entidade, situado a cabalo entre os concellos de Yernes y Tameza, Teverga e Proaza.

Este espazo está delimitado polo pico Caldoveiro ao norte, a serra de Peña Padiella ao leste, a divisoria do río Santibáñez ao sur e a Serra de la Granda polo oeste. A zona atópase incluída parcialmente no Parque Natural de Las Ubiñas – La Mesa.


DESCRICIÓN DA RUTA: Dende a casa de Don Pablo (950 m), camiñamos pola estrada en dirección a Tameza uns metros collendo o antigo Camiño Francés que sae a nosa dereita dirixíndose cara ao norte por riba dunha lomba. Ao comezo o camiño, embarrado en días de choiva, pasa entre fincas cercadas de paredes xunto as cabanas de Gasparín e Cubielles. Máis adiante o camiño convértese en sendeiro pasando polo medio dun pequeno e fermoso bosque de acivros aínda que, nas voltas de Cubielles, retoma o piso empedrado.

Chegamos así ao cimbro de Tambaisna ( 1.220 m) vendo, desde este lugar a lagoa do mesmo nome situada no val de Cadupo. Seguimos á esquerda superando pola ladeira este cara ao cume do Caldoveiru (1.354 m) que nos vai amosar excelentes vistas a pesar da súa modesta altitude. Cara ao norte temos Villabre e Fojó, mentres que, en días despexados a vista alcanza o mar Cantábrico e a cidade de Xixón. Cara ao oeste está o cordal de Pena Manteiga e os cumes principais de Somiedo ao sur; e a serra do Aramo e o macizo de Ubiña sitúanse ao sureste e leste, respectivamente.

Baixamos á veiga de Cadupo pasando xunto a lagoa Tambaisna (1.180 m) lugar onde deixamos este camiño para virar á dereita seguindo carreiros de gando que van polas veigas e brañas da serra de Peña Gradura.

Pouco despois temos unha suave subida pola que entramos na fermosa veiga de El Tórzanu (1.270 m) pechada entre lombas de pedra, onde quedan os restos dunhas casetas, entre elas o Corro de la Señora. Saímos desta braña en dirección sur camiño da seguinte veiga, pasando xunto á pequena lagoa de Fresdeyegua (1.300 m).

Camiñamos deixando a lagoa á nosa esquerda, agora a cabalo entre os concellos de Teverga e Proaza, subindo lixeiramente para saír desta veiga entrando na vertente do Val dos Corros ou Fondiles que bordeamos en chan seguindo un carreiro bastante esvaecido que nos achega aos derrubes da montaña que baixan cara a Banduxu. Pola dereita queda o pico Pelao ou Cualmayor pasando agora á zona do Fondil de La Teixera, onde no fondo hai teixos, bidueiros, acivros e espiños espallados pola campeira. Desde este lugar acometemos a curta e fácil subida ao pico Pelao desde o que baixamos directamente ao Collada El Grandizu (1.210 m), situada ao oeste do anterior val. Por curto e tendido camiño chegamos ao cume do L´Oubiu (1.357 m) que é o pico máis alto da serra de Peña Gradura, con moi boas vistas cara aos Puertos de Marabio, Peña Sobia, Ubiña e tamén poboacións como Santa María de Trespena, Las Ventas, Bustiello, Bermiego e Banduxo, entres outras.

Agora toca baixar e facémolo pola ladeira sur, tendo como referencia a fermosa Veiga La Chalga con a súa lagoa que deixamos á nosa esquerda. Pasamos polo alto do Cunquín (1.100 m) para acadar o Cantu Pandiella (1.100 m) onde collemos o Camín Real que ven de Banduxu, baixando por cómodos zigzags, que seguimos cara ao oeste camiño a Marabio ata chegar á pista que baixa da capela de Sta. Ana (1.000 m).

Unha vez na pista, seguimos baixando en dirección a Gradura pasando enseguida a camiño empedrado. Este camiño con moita arborada baixa paralelo as penas ata a aldea de Gradura situada a 700 m de altitude.

Descendemos polas empinadas rúas de Gradura ata a parte baixa do lugar saíndo del polo camiño vello que nos vai levar á estrada asfaltada que baixa de Marabio. Seguimos un tramo por esta estrada collendo un pequeno atallo que pasa polo barrio de Los Senos, volvendo á estrada xa preto de Entrago onde rematamos esta fermosa camiñada.

Publicacións populares deste blog

NOVAS

260914 Madotz - Irañeta

260916 Circular Midí d'Ossau