250215 Ruta de El Pinganón de La Mornera
SITUACIÓN: Aller (Asturias)
PUNTO DE PARTIDA: Mesón de Cuevas (780 m)
ACCESO: Pola estrada AS-112 que sobe ao porto de San Isidro
HORARIO: 6 h DESNIVEL: 700 m DISTANCIA: 16 km
DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Circular
COTA MÍNIMA: Bifurcación no camiño de Felechosa (710 m.)
COTA MÁXIMA: Braña de La Tabierna (1.383 m)
MAPA: I.G.N. – 79 – I
SINOPSE: Esta fermosa camiñada, a partir da Braña de Las Ordaliegas comparte o trazado con o PR – AS – 30, Ruta de Las Brañas Alleranas ata o seu remate na área recreativa de Las Moyás. Esta ruta discorre por territorios nos que abundan os pastos de altura, as cabanas de pedra, a auga e bosques fértiles e fermosos.
As brañas que dan nome á ruta, son lugares situados na montaña onde os vaqueiros subían o gando a pacer no verán e están compostas por pequenas cabanas e currais.
DESCRICIÓN DA RUTA: Saímos do aparcadoiro do Mesón de Cuevas (780 m) camiñando cincocentos metros pola beira da estrada en dirección a Felechosa. Unha vez chegado á área recreativa de Las Moyás, onde existe unha fonte, collemos o cómodo camiño que vai a Felechosa pasando xunto a unha piscifactoría, logo da cal aparece unha bifurcación onde abandonamos o camiño de Felechosa para coller o ramal da dereita que é o que debemos seguir (710 m), punto máis baixo deste percorrido.
Este camiño segue a traza do rego Cuervo pasando xunto as cabanas de El Cerrio primeiro de La Calavera despois. Seguen aparecendo numerosas cabanas e prados polo que discorre este camiño sempre en subida. Chegado a un punto onde a pista fai unha curva á esquerda, aparece un carreiro pola dereita que é o que debe seguir a xente que faga a ruta curta.
A ruta longa segue a pista principal que vai xirando ao oeste para seguir baixo as abas do monte Cebarón ata a fonte do mesmo nome onde hai unha bifurcación na que temos que coller o ramal da dereita. Seguimos subindo, agora cara ao leste camiño do outeiro de La Palanca (1.135 m) pasamos a braña de El Brazuelo, que queda á nosa esquerda e comezamos o camiño labrado na rocha que nos leva ao Pinganón de la Mornera.
O camiño avanza pola pena ata saír deste estreito val xunto á fonte de Los Esplones, situada debaixo da braña de La Mornera (1.180 m). Por riba desta braña sitúase a Braña El Otero (1.280 m) á que podemos chegar para enlazar máis adiante con o camiño das brañas.
O rumbo xira cara ao leste e cruza a braña de Las Ordaliegas (1.240 m). A partir de aquí segue ascendendo ata a seguinte braña de La Tabierna (1.383 m) situada nun outeiro no punto máis alto desta camiñada.
Desde aquí, buscamos a foz do rego de Taio, que se cruza por un sinuoso carreiro escondido entre o mato. Neste punto é cando escoitamos o cachón do Pinganón de la Tabierna o que podemos ver desviándonos uns metros do camiño. Retomamos o carreiro para cambiar de vertente aparecendo abaixo un bosque de faias. Temos que ir cara a el collendo un carreiro que baixa en zigzags entre breixos e terreo de pedra solta.
Pouco antes de rematar a baixada atoparemos un cruce sinalizado: á dereita vai cara ao Yanón e Murias. Á esquerda cara ao bosque de Taio. Seguimos cara ao bosque de Taio, un lugar de enorme beleza con faias centenarias, un recuncho con vida e enerxía propia, pasadizo perfecto para o derradeiro tramo da camiñada.
Despois do bosque, aparece o cimbro de Navayoz (1.083 m), onde se xira á esquerda para chegar á Casa Vieya. Desde aquí solo resta a última baixada, con tramos moi pendentes. As fontes e cabanas sucédense continuamente ata chegar á área de Las Moyás, desde onde volvemos pola estrada ata o Mesón de Cuevas.