181117 Requexón de Valdunes

 Enlaces a: wikiloc / fotos / pdf castelán

 

SITUACIÓN: Caso (Asturias) 

PUNTO DE PARTIDA: Barrio de Nozaleda - Orlé (650 m) 

ACCESO: Pola AS – 117 que vai ao porto de Tarna. En Campo Caso collemos a AS – 254 que vai a Infiesto. 

HORARIO:     5/6 horas        DESNIVEL: 950 m                DISTANCIA:  15 km 

DIFICULTADE: Media          TIPO DE RUTA: Circular 

COTA MÍNIMA: Nozaleda (650 m)      COTA MÁXIMA: Requexón de Valdunes (1.570 m) 

MAPA: I.G.N. – 54 – IV 

SINOPSE: O socalcado casarío de Orlé ofrece mostras moi representativas da arquitectura popular, con casas de madeira e pedra rehabilitadas que manteñen a estrutura primitiva.

    O Requexón de Valdunes é unha montaña illada ubicada estratexicamente na zona do Parque Natural de Redes. Forma parte da serra de Cárdenas, encadrándose nunha das zonas máis protexidas o Parque.

DESCRICIÓN DA RUTA: Partimos de Nozaleda cruzando o río Orlé, que deixamos á nosa esquerda collendo de seguida rumbo sur leste por unha pista gandeira en continua subida que discorre entre muros de pedra con abundante vexetación, de abeleiras e castiñeiros primeiro que logo dan paso ao faial.

    Logo dun par de quilómetros, despois de pasar algunha braña, remata a pista atopando varias cancelas, que dan paso a Vegalagos (1.070 m) primeiro e máis arriba a La Vallina (1.100 m), ambas con as súas correspondentes cabanas. Aquí temos dúas opcións:seguir a campeira ou ben, pola esquerda da cancela central, continuar subindo por sendeiro entre faias pegados ao límite da propiedade para acadar o Collau Gallegos (1.385 m).

    Seguimos subindo na mesma dirección, con tendencia á esquerda, ata acadar Cotu Braña (1.474 m). Por esta subida podemos ver a braña Los Foyancos, Colláu e Vega Llagos. Seguimos en suave ascenso a modesta crista con rumbo norte, entre faias e mato para desembocar en Collau Braña (1.528 m) xa moi preto do cume.

    Os derradeiros pasos son por monte baixo, bordeando o abismo da cara norte chegando así ao cume. Dada a súa solitaria ubicación, este cume ofrece panorámicas nos 360º. Polo norte a braña Conforcos e a Foz de Melordaña, a braña de Valloseru, Peña Ordaliega, Cuetón de las Traviesas e Los Tornos de Pandemules. Polo leste o Campigüeños, a Carrasca, Tiatordos, Luengu e Zorru. Polo surleste temos a Senda, o Torres e moitos máis.

    A baixada facémola preto da aresta rumbo oeste, baixamos por carreiro sen complicacións ata unha campeira  para seguir ata o nacemento do rego Troncau preto do Collado Capiella. Neste lugar xiramos en dirección nordeste baixando polo val collendo o carreiro que ven de Pendones.

    O carreiro intérnase no bosque chegando a unhas cabanas. Logo de pasar estas temos á dereita a fermosa Foz de Melordaña, e un pouco máis abaixo as cabanas de Conforcos cun rechamante refuxio de cazadores.

    Seguimos polo val do río Orlé chegando de seguida á braña Acebal e xa por moi bo camiño chegamos o punto de partida.

 

Publicacións populares deste blog

NOVAS

260914 Madotz - Irañeta

260916 Circular Midí d'Ossau