160814 Torrecerredo (2 días)
Enlaces a: wikiloc / fotos / pdf castelán
SITUACIÓN: Macizo Central de Picos de Europa (Cabrales) Asturias
PUNTO DE PARTIDA: Poncebos (220 m)
ACCESO: De Oviedo a Cangas de Onís e Arenas de Cabrales. De aquí tomar a estrada a dereita que sube a Poncebos, onde deixámo-lo coche
HORARIO: 18/20 horas DESNIVEL: DISTANCIA: 26 km
DIFICULTADE: Alta TIPO DE RUTA: Travesía
MAPAS: Miguel A. Adrados (Macizo Central y Oriental de Picos de Europa) - I.G.N. – 55 - IV
COTA MÍNIMA: Poncebos (220 m) COTA MÁXIMA: Torrecerredo (2.648 m)
SINOPSE: Esta é a ruta tradicional que antano se usaba para a aproximación á Vega de Urriellu. Ten un desnivel duns 1.700 m e o tempo normal para cubrir este percorrido é de unhas 5 ou 6 horas, dependendo da forma física de cada quen. O grao de dificultade pode considerarse medio/alto recorrendo este traxecto a antiga lingua glaciar que había entre Urriellu e Poncebos
Ata a posta en marcha do teleférico de Fuente Dé e posteriormente aberto o camiño entre a Terenosa e Urriellu, este era o camiño máis usado para chegar a Urriellu. Como consecuencia dos accidentes que se foron producindo nos anos 70 e posteriores e, dada a dificultade existente para baixar os mortos ou feridos por este camiño a finais dos anos 80 ideouse e planificouse a voadura do camiño entre Terenosa e Urriellu para facilitar os rescates.
Todo isto, unido a pista aberta entre os invernais do Texu e Pandébano que permiten alcanzar facilmente a cota de 1.200 m, neste cimbro, provocou un cambio radical nas costumes de achegarse ao Picu Urriellu. Así e todo, no inverno debe terse en conta que o camiño de Pandébano e moi perigoso por ser unha zona propicia para aludes.
DESCRICIÓN DA RUTA: 1º día: Esta camiñada comeza na ponte La Jaya (220 m) sobre o río Cares, moi preto do comezo da Ruta del Cares. Esta ponte de orixe medieval xa e coñecida desde moi antigo figurando incluso en crónicas da época de Felipe II.
Pasada a ponte chegamos de seguida a outra ponte coñecida como El Zardu ou Jardu (eran antigas estruturas feitas de cañas de avelaira entrelazadas). Temos que ter precaución neste tramo porque as cabras, no seu andar, poden tirar pedras sobre os camiñante.
Axiña comeza unha serie de reviravoltas ata chegar ao Alto del Cuetu Codilla. Ven unha lixeira baixada que nos pon á altura do río no lugar coñecido como Los Puentes.
Así comezamos a subida pola chamada Canal del Tejo ou Texiu. Isto é un camiño que historicamente usaban os habitantes de Bulnes para subir abastecementos á aldea ata que no inverno de 2.001 se inaugurou o funicular.
Mentres camiñamos vamos vendo de lonxe as casas de Bulnes de Arriba ou barrio de El Castillo é polo fondo vai quedando o río. Neste traxecto pasamos unha pequena construción de formigón para canalizar as augas que baixan da montaña en época de choivas, lugar coñecido como La Riega del Texu.
Pouco despois de pasar unha curva moi cerrada con un pequeno teito de rocha sobre as nosas calugas podemos observar á nosa esquerda unhas cruces gravadas nunha rocha xunto ao camiño. Lugar chamado Las Cruces en memoria duns veciños de Bulnes que foron arrastrados ao fondo do río por un alude de neve. Así mesmo, esta zona coñécese como La Voluga de los Muertos.
Seguimos camiñando, agora nun traxecto case horizontal, para comezar novamente a subir un pouco máis e novamente volver case á altura do río, nunha zona de praderías onde vemos os restos dun vello carballo. Lugar chamado Colines de Abajo é á dereita do camiño, moi preto ao carballo podemos ver o pequeno regato que nace entre as herbas na fonte de Colines, con auga fresca e potable.
Continuamos con a camiñada pola beira do río ata chegar a unha encrucillada de camiños cunha ponte á nosa dereita é unha cadra á esquerda, estamos en Colines de Arriba xunto á ponte Jondeyón. Por esta ponte iríamos ao barrio de El Castillo ou Bulnes de Arriba pero non é o caso, este camiño farémolo á volta.
Con o río sempre á nosa dereita chegando así á boca superior do funicular e axiña á entrada de Bulnes de Abajo ou La Villa. Esta atópase a 650 m de altitude, tendo xusto na entrada da aldea á nosa esquerda o cemiterio é, á nosa dereita a igrexa de Bulnes con un frondoso e fermoso tilleiro.
Bulnes, posiblemente de orixe romano, porque en Bulnes de Arriba existiu unha torre de vixilancia (diso o barrio de El Castillo) e tamén paso dos mouros que fuxían de Covadonga a través da Canal de Culiembru, Canal de la Piedrabellida, Amuesa, Bulnes, Pandébano e Áliva, para ser definitivamente aniquilados en terreo cántabro. Está é a agora chamada Ruta de la Reconquista.
Para seguir ao Urriellu por Camburero, temos que cruzar a ponte e xirar á esquerda pasando por diante do Bar Bulnes e da Casa del Chiflón, xusto detrás desta casa polo camiño paralelo ao río saímos do barrio de La Villa.
Na saída, xusto detrás dunha pequena caseta, temos unha fonte que sae por un tubo case a ras do chan, fonte de La Reguina. O río vai quedando á nosa esquerda subindo por prados con sendeiro moi marcado ata chegar á fervenza de Las Mestas. Fermoso salto de auga que no verán está practicamente seco. Cruzamos o regato deixando a fervenza á nosa dereita dirixíndonos cara á esquerda por un costo sendeiro onte temos que utilizar as mans para salvar algún paso, chegando así a unha zona de prados. Neste lugar temos que prestar atención, pois moita xente se extravía, tendo que ir cara á garganta que vemos en fronte onde está a orixe da fervenza. Para iso baixamos do montículo onde nos atopamos entre herbas altas entrando na garganta polo lugar chamado Voluga de Castisierra. A fervenza queda debaixo de nós, á nosa dereita, e agora o camiño xa non ten perda. Camiñamos pola canle do río Balcosín que da nome ao val. Estamos nunha garganta sombría onde debido a súa estreitura non entra a luz, aquí veremos unha antiga cabana que se utilizaba como adega para curar o queixo de Cabrales. Ao pouco tempo a garganta vaise abrindo dando paso a un amplo val dese o cal, se nos fixamos, podemos ver o cume do Picu Urriellu.
Camiñamos ao lado da canle do rego seco, agora as augas van subterráneas. A un lado do camiño, á nosa esquerda, podemos ver un pozo de forma cuadrangular, cavado no chan, que era unha caleira. Os veciños de Bulnes tiraban desde o alto da montaña da nosa esquerda troncos de faia enteiros do monte de La Varera. Metíanos neste pozo e sobre el botaban pedras prendéndolle lume. Os troncos ardían lentamente e desfacían as pedras que se convertían en cal que utilizaban na construción das súas casas.
No remate deste val de orixe glaciar, chegamos a un lugar onde novamente volven a verse as augas do río, pasando entre rochas o lugar chamado Posa la Garganta. Aquí había unha enorme pedra de forma triangular que foi arrancada a comezos de século por un alude que baixou desde Carnizoso arrastrándoa ata o comezo do val de Balcosín. Queda xusto ao pé do camiño por onde pasamos, notándose incluso a marca na pedra onde estaba antigamente pousada. O camiño comeza a estreitarse de novo pasando polo lugar chamado La Garganta chegando a unha rocha por onde baixa a canle do río. Subimos por este lugar, tendo que facer uso das mans, entrando rapidamente no Jou Baju a uns 1.050 m de altitude. Estamos nun pequeno circo glaciar desde o que vemos á nosa dereita a empinada Canal de Camburero.
Para subir a esta canle o máis aconsellable é arrimarse á dereita, xunto as paredes de rocha. No comezo da canle hai unha fonte onde é convinte proverse de auga, porque as dúas fontes seguintes están en mal estado. O sendeiro, de incómodo andar porque está cheo de pedras, lévanos á parte superior desta canle onde se atopa a Majada de Camburero (1.300 m). Aquí aínda podemos ver os restos das antigas cabanas, lugar de pastoreo tradicional por parte dos veciños de Bulnes. Neste lugar existiu un bar e pensión que incluso tiña diante unha boleira. Estivo en servizo uns quince anos ata 1.935, ido da unha imaxe do número de persoas que había no lugar. Aquí pasaron a noite o marqués de Villaviciosa e o Cainejo, cando despois de escalar por primeira vez o Picu Urriellu, ao baixar extraviáronse entre a néboa e pasaron a noite do 5 ao 6 de agosto de 1.904.
Pasada a Majada de Camburero, subimos pola Peña Les Cuestes, á nosa esquerda, ao lado do camiño, existe un pozo que facía as funcións de cova para a maduración dos queixos, coñecida como La Cueva del Friero, estando actualmente abandonada. Se o tempo acompaña, podemos ver a grandiosa silueta do Urriellu, resultando impresionante desde este lugar.
Desde este lugar temos dous recorridos a seguir. Pola dereita e baixo os paredóns do Frailón sobe un camiño moi empinado e de pedras soltas, aconsellable solo no inverno. Pola esquerda, con marcas amarelas, temos outro camiño que se dirixe ao fondo do Jou Lluengo, que é o enorme val que temos enfronte.
Este camiño é unha sucesión de terrazas con lixeiras subidas que nos permiten camiñar sen excesivo esforzo. No remate o camiño pasa por unha estreita garganta (El Canalón) onde existe unha antiga fonte, hoxe fora de uso. O camiño agora case debaixo das paredes do Picu Urriellu, deixa pola dereita a entrada dunha sima que pertence ao sistema de La Torca de Urriellu con máis de 1.000 m de profundidade.
O camiño sae a empalmar con o que ven desde o Collado de Pandébano conducíndonos de inmediato á Vega de Urriellu onde está situado o refuxio Julián Delgado Úbeda debaixo da cara oeste do Urriellu cuns 510 m de parede vertical. Neste lugar temos unha boa fonte.
Fronte ao refuxio de Vega de Urriellu (1.950 m) cruzamos un paso por unha campa e rocha aparecendo un camiño que sobe en diagonal á dereita. Baixamos uns poucos metros e comezamos a cruzar en subida unha zona de rochedo calío con numerosos buratos.
Achegámonos á base do Neverón de Urriellu, cume que iremos deixando á esquerda, ao situarnos na base dun circo rochoso de incómodos pedregais. Aquí o sendeiro cruza á dereita para remontar a ladeira que da entrada ao estreito corredor da Corona del Raso, canal estreita e colgada que abre paso culminando nunha lomba (2.250 m). Seguimos uns metros a divisoria ata entrar á dereita sobre unha ladeira pedregosa na base das agullas do Diente de Urriellu. Saímos máis á dereita sobre uns jous ao pé das Torres Areneras. Baixamos sobre o jou e rodeámolo ata chegar á rampla final que da á Horcada Arenera (2.285 m).
Baixamos á outra vertente e no medio da baixada aparece unha bifurcación. O camiño recto vai cara aos Jous del Agua e o refuxio de Cabrones mentres que o da esquerda, vai cara ao Jou de Cerredo. Seguimos de fronte evitando baixar ao fondo dos jous por camiño marcado con fitos ata que avistamos desde un cimbro o refuxio no fondo do Jou de los Cabrones. Temos que pasar xunto á fonte e logo dunha curta subida chegamos ao refuxio.
2º día: Logo de facer noite no refuxio comezamos a andaina en dirección sur pasando de novo xunto á fonte e atravesando o Jou de los Cabrones. Temos unha pendente canle con pedra solta que nos empoleira nun primeiro cimbro. Á nosa dereita imos deixando o Pico de los Cabrones, a Torre de Labrouche e o Risco Saint Saud para dirixirnos ao Jou de Cerredo.
Evitamos baixar para seguir por camiño moi marcado sen perder altura ata que chegamos a uns grandes bloques de pedra que superamos buscando o sendeiro máis sinxelo. Temos a primeira parede que subimos axudándonos das mans e proseguimos o ascenso con moito coidado pois o precipicio que temos debaixo é inmenso. Unha vez enriba, entendemos porque se debe subir este cume. A grandiosidade e bravura do entorno quedará bastante tempo na nosa memoria.
O camiño de volta é o mesmo ata o refuxio pero desde aquí, seguimos en dirección norte deixando á nosa esquerda os Cuetos del Trave. Existe algún paso onde temos cordas para axudarnos, e así alcanzamos a punto máis alto de La Cuesta del Trave. Nesta baixada comezamos a ver algo de verde e no fondo podemos observar a Majada de Amuesa cara a cal nos diriximos. Sen chegar a ela, no Collado de Cima xiramos á dereita para baixar polos innumerables zigzags da Canal de Amuesa.
Máis abaixo, polos Llanos del Torno, suavízase a pendente ata o barrio de El Castillo ou Bulnes de Arriba. Desde aquí, baixando varias reviravoltas chegamos á ponte Colines, atravesamos o río Tejo e topamos con o camiño de subida. Agora todo en baixada ata Poncebos.