130519 Cogollu de Cebolleu
SITUACIÓN: Cangas de Narcea e Somiedo (Asturias)
PUNTO DE PARTIDA: Genestoso (1.170 m)
ACCESO: Este lugar está situado no remate da estrada local CN – 4 que collemos na subida ao porto de Leitariegos pola AS – 213 á altura de Las Mestas.
HORARIO: 6/7 h DESNIVEL: 920 m de subida/ 1.230 m de baixada
DISTANCIA: 19 km DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Travesía
MAPA: I.G.N. – 76 – IV
SINOPSE: Á parte das vistas que nos depara esta andaina seguindo a liña do cordal, ten tamén como salientable a visita a braña de La Pornacal. É a maior e mellor conservada das brañas de Somiedo, onde seguen as antigas tradicións dos vaqueiros de alzada nun marco de incomparable beleza. Na Pornacal hai 32 cabanas de teito de xesta agrupadas nos barrios de La Prida, El Mediu, El Ríu e El Cabu. Situada na marxe dereita do río Pigüeña, nun pequeno outeiro a 1.170 m de altura dominando os prados de La Requexada. Os teitos teñen engadido unha cadra de pedra de planta rectangular, cuberta a dúas augas con tellas curvas e muros de pedra. Como é característico o teito ten o tellado de ramas secas de xesta ou piornos que se deben cambiar cada quince anos. O interior divídese en habitáculos para o home e os animais.
DESCRICIÓN DA RUTA: En Genestoso (1.170 m) que está situado nun amplo circo temos que dirixirnos á beira oriental da cubeta collendo pola segunda bifurcación unha pista de terra que sobe facendo amplas curvas pola ladeira occidental de Peña Treisa. Imos polo que se chama camiño dos Corros que sobe ao cimbro de Las Tres Lagunas (1.721 m), que é divisoria de Asturias é León.
Cara á vertente meridional expándese un amplo val que se alonga ata o lugar de Orallo (León) mentres que polo lado setentrional podemos ver o cristeirío que vai dende o pico Cogollo ata o Cogollo de Cebolleu, cota máxima deste cordal.
Dirixímonos cara o cume máis preto, o Cabril (1.923 m), que non temos á vista dende o cimbro das Tres Lagunas. Subimos cristeando pola Treisa, antesala do Cabril, o cal xa nos depara unha boa vista cara ao norte tendo debaixo dos nosos pés a braña de Fermillín, asentada na parte superior do val, é máis ao lonxe podemos ver as serras que cerran o val do Pigüeña. Polo poñente asoma o Rabo de Asno, sucado pola antiga Senda de la Culebra que comunicaba o porto de Leitariegos con o Acebo.
Camiñamos en dirección sureste seguindo a liña de vertente de augas pasando o cimbro de La Mochedina (1.825 m) dende a cal subimos ao cume do Cogollo (1.971 m), balcón inmellorable sobre o bosque de Las Sendas, coroado polo Lago Bueno (1.610 m) de visita prohibida ao ser zona restrinxida do Parque. Temos tamén á vista os lugares de Corés e Villar de Vildas, sitio de remate desta travesía.
Pouco despois, seguindo a liña de cumes chegamos ao Cogollo de Cebolleu (2.089 m), cota máxima desta serra.
Baixamos en dirección sureste ata o Collado de Zreizales (1.740 m) pasando xunta á fonte de La Paradona que da lugar ao nacemento do río Pigüeña. Varias cabanas forman a braña de Zreizales por onde pasa o camiño seguindo o río polos Puertos de la Paredona.
Chegamos á Braña Viecha ou Los Cuartos, asentada baixo as paredes das Peñas del Nuncio onde existen varias cabanas de teito redondo. Aquí comeza unha ancha pista que seguimos costa abaixo para un pouco máis tarde dar vista, pola nosa esquerda, a fervenza de El Corralón. De seguida aparecen as primeiras cabanas da braña maior e mellor conservada de Somiedo, La Pornacal o que é parada obrigada.
Pouco nos queda para chegar a Villar de Vildas onde remata esta completa travesía.