110220 Senda do Carteiro - El Toyu - Peña Salón - Senda Vibolina - Camín de Velganza - Puente Vidosa
Enlaces a: wikiloc / fotos / pdf castelán
SITUACIÓN: Ponga (Asturias)
PUNTO DE PARTIDA: Puente Vidosa
ACCESO: Na N-634, a altura de Arriondas, collemos a estrada comarcal que vai a Cangas de Onís e de aquí cara o porto do Pontón. A 20 km. temos Puente Vidosa, onde comeza a rota.
HORARIO: 6/7 horas DESNIVEL: 1.000 m DISTANCIA: 17 km
DIFICULTADE: Alta TIPO DE RUTA: Circular MAPA: I.G.N. – 55 - III
SINOPSE: Para subir a Peña Salón hai moitos camiños, case todos bastante máis sinxelos e fáciles ca proposta desta folla, onde tanto a distancia como o desnivel a superar son considerables, pero que non se asuste ninguén que cousa máis difíciles xa fixemos neste grupo.
Para todos e todas que non teñan como premisa suar a camiseta teñen a opción de comezar a camiñada na aldea de Viego polo que se aforrarán cincocentos metros de desnivel e algúns quilómetros de andaina. Calquera destas proposta son fáciles de mudar, habendo numerosas variantes en caso de calquera inconveniente que xurdira.
DESCRICIÓN DA RUTA: Saíndo de Puente Vidosa (340 m) facemos o achego ao comezo da rota camiñando pola estrada uns oitocentos metros, dentro dun marco incomparábel pola brancura da paisaxe. Logo, aínda que pareza mentira, collemos un carreiro que sae á nosa dereita no lugar coñecido como Deguera, que vai facendo zigzags por un pedreiro inzándonos rapidamente debido ao desnivel acusado do seu trazo. Pasamos entre dous grandes penedos situados no centro da canle e uns metros máis enriba temos que cruzar dita canle de dereita a esquerda, atopándonos no lugar coñecido como Cuetón de la Canal, logo entraremos en Mata Deguera situada debaixo dunha cova do mesmo nome.
Subimos agora entre as rochas facendo un quebro á dereita, chegando a Posa e o Sendero de la Cueva que nos levará fronte a outra canle que o camiño bordexa por enriba; é a Canal de la Foz del Gatil. Proseguimos o camiño pasando polo Sierrón Rapau, xa preto de Argayo Rodrigo que temos que cruzar máis adiante e alcanzar o Hombro de los Vaqueros. Continúa o sendeiro deixando ao Leste o Argayo del Hombro de los Vaqueros e ao Oeste, Collau de Argayu, logo, tras unha nova e forte ascensión chegamos a Cabu Cantu.
Atopámonos xa transitando pola Sierruca, que nos achega á perigosa Foz de Biamón, coñecida como La Calderona. Separámonos da foz, e uns metros máis adiante pasamos primeiro Cuebellín del Seu e logo a Cuenya. En poucos pasos chegamos ao Seu Baxu que comunica a Senda do Carteiro con Biamón (710m).
Pola parte alta, abandonamos a aldea de Biamón collendo o camiño de La Tobera que sobe á Collada Nochendi; atravesamos o monte Condares en busca da cova de El Toyu que nos facilita o paso do cristeirío da serra, pola zona alta da Canal de Tuba e o val de Casielles. Despois de pasar un pequeno sedo rodeamos as verticais paredes de Peña Salón, enlazando co camiño que ven de Collado Baxenu para subir a través do paso da Gorgoleta ao cimbro Boya Capiella (1.194 m).
Dende este lugar, xiramos á esquerda e nun intre estamos no cume de Peña Salón (1.245 m).
As vistas que nos amosa esta modesta montaña, son sinxelamente impresionantes cara a todos os puntos cardinais. Cumes do Cornión, Cantu Cabroneru, Peña Subes, Sen de los Mulos,Collau Zorru, Recuencu, Pierzu, Carriá, Tiatordos...
Volvemos os nosos pasos para baixar ao cimbro Boya Capiella e despois pola Gorgoleta ata o cimbro Collado Baxenu (1.034 m) onde collemos á esquerda xa por un camiño máis cómodo entre bosques de caducifolios cara a aldea de Víboli (750 m).
O primeiro que atopamos e o cemiterio situado na parte superior da aldea e sen entrar nela collemos un sendeiro que vai faldreando rumbo ao leste. Este sendeiro chamado Senda Vibolines, de cómodo trazado ao comezo, vaise arrimando a encosta da montaña onde nos atopamos con varios pasos non moi complicados pero que debemos poñer atención debido aos caborcos que temos ao lado do sendeiro onde un erro traería, sen dúbida, graves consecuencias.
Pasamos pola boca dunha cova, sempre subindo, e nuns pasos máis chegamos ao final do murallón. Aquí ben merece a pena unha parada para contemplar a aldea de Víboli que xa nos queda bastante atrás, tendo debaixo de nós a Foz de Andamios e a aldea de Candano, que non ollamos dende esta posición.
As vistas nesta agreste zona son impresionantes e ensínannos o pequenos que somos, dentro desta paisaxe inigualable que vamos descubrindo a costa das nosas pernas e que non esqueceremos facilmente.
Logo de tomar un respiro, retomamos o camiño cara a unha cabana solitaria de Tuba, pasando xunto a ela, adiviñando o camiño de fronte e en baixada. Pasamos por unha zona de árbores cara a un cimbro que vamos vendo en todo momento. Ao pasar este lugar entre rochas, aparécenos a aldea de Casielles (800 m). Dende aquí vamos por pista cómoda ata Caviella (784 m) e xusto nesta aldea abandonada temos que coller o camiño de baixada que pasa polo medio das casas. É o Camín de Velganza, costa a baixo bastante pronunciada ata acadar a estrada en Puente Velganza. Unha vez na estrada, deberemos camiñar por esta en dirección a Cangas de Onís ata Puente Vidosa.