091115 Ponte de Wamba - Peña del Viento - Bezanes
Enlaces a: wikiloc / fotos / pdf castelán
SITUACIÓN: Puebla de Lillo (León) Caso (Asturias)
PUNTO DE PARTIDA: Ponte de Wamba (1.450 m)
ACCESO: Dende Oviedo pola autoestrada a León, collendo o desvío pola AS-253, que vai ao porto de San Isidro e dous quilómetros máis aló temos o comezo da rota
HORARIO: 7/8 h
DESNIVEIS: 310 m de subida / 1.000 m de baixada
(Subindo a Peña del Viento: 550 m de subida / 1.300 m de baixada)
DISTANCIA: 22 km DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Travesía
MAPAS: I.G.N. – 79 – I – II – III
SINOPSE: Travesía pola parte alta do Parque Natural de Redes, que atravesa o bosque de Brañagallones. Este bosque está situado na cabeceira do río Monasterio, zarrado polo sur pola Peña Los Fornos, Peña del Viento e os picos Rapaína e Rapaona, esténdese polo val do río, entre as serras de Brañapiñueli e Pintacanales, ocupando unha superficie de 600 hectáreas nas que a faia domina sobre sorbas e acivros, que chegan a formar unha mancha forestal preto de Brañagallones
DESCRICIÓN DA RUTA: Preto do porto de San Isidro en dirección a Puebla de Lillo, temos unha ponte sobre do regato Gavitos, xunto a que sae unha pista en dirección norte que vai subindo suavemente a dereita do val de Wamba por entre pradeiras con gando pacendo.
Esta ruta que se supón de orixe romano, foi máis tarde aproveitada polos arrieiros que en ambos sentidos transportaban produtos das súas comarcas e que comunicaba a terra leonesa de Venta de San Isidro coa asturiana de La Felguerina.
Tras un recanto, esta cómoda subida achéganos a un cimbro chamado Acebal que se atopa a 1.730 m de altitude despois de camiñar durante hora e cuarto. Esta zona e o límite entre as comunidades de Asturias e Castela -León.
Para subir a Peña del Viento, neste lugar deberemos tomar un sendeiro que vira diagonalmente cara ao leste, pasamos xunto aos farallóns meridionais de Los Fornos por un terreo de herba e pedreiros, aquí temos a pendente máis pronunciada de todo o percorrido. Vamos subindo en zigzags por entre as penas de Pico Fornos e Peña del Viento ate unha campa. Aquí tomaremos un respiro antes de acometer a trepada final que culmina no cristeirío de Peña del Viento (2.000 m) dende a que podemos ver mirando ao sur o cercán Rapaína (2.022 m), e máis lonxe a estación invernal de San Isidro, mirando cara ao oeste temos o Pico Torres (2.100 m) e cara o norte a inconfundible e alargada pena de Tiatordos (1950 m.).
Aos nosos pés esténdese parte do Parque Natural de Redes, cheo de frondosos faiais e variada fauna, tendo a braña de Valdevezón moi preto e xa un pouco máis lonxe Brañagallones, unha veiga que aparece entre o bosque, por riba dela o maxestoso pico de Cantu del Oso (1.800 m). Tamén dende o cumio de Peña del Viento, podemos achegarnos ao veciño Pico Fornos (1.932 m.) camiñando rumbo ao poñente por enriba do cristeirío e asomándonos a vertical cara norte.
Baixada por Acebal
Podemos baixar polo mesmo camiño ate o paso do cimbro Acebal para retomar o sendeiro cara a braña de Mericueria onde temos unha fonte, proseguimos o camiño cara abaixo para internarnos nun frondoso bosque de faias. Todo o camiño a partir do cimbro de Acebal é baixada, primeiro por un sendeiro e logo xa por unha pista de excelente trazado e bo piso que nos leva nun entretido camiñar ata Brañagallones, fermoso lugar con varias cabanas en uso feitas de pedra e laxe.
Na saída desta braña, temos outra fonte, a pista sempre con tendencia a baixada e paralela ao río Monasterio, vainos arrimando a unha zona boscosa de faias e acivros, dando paso entre os altos paredóns da serra de Pintacanales ao túnel do Crestón -cavado nas rochas a golpe de pico - e facendo un brusco xiro a dereita dende o que temos un balcón natural do máis fermoso do percorrido.
Seguimos o camiño que nos leva a outra braña chamada Andorviu onde tamén temos unha fonte de fresca auga que nos convida a facer unha parada e a un ben merecido descanso. Van aparecendo outras brañas na ruta como son as de Biaiz, El Fondín e El Raigáu sempre en cómodo descenso ate chegar a unha paraxe de singular nome. El Texu L´Oración que segundo a lenda no pasado foi lugar de ritos pagáns, máis tarde cristianizados e asociados a esta árbore.
Pasamos por unha zona de uceiras e chegamos a un frondoso bosque de castiñeiros que nos dan sombra no camiño, soamente aberto ao tránsito motorizado de servizo de explotacións e outros servizos públicos. E así chagamos a Bezanes despois de percorrer fermosos paraxes aos que quedamos convidados a volver en posteriores e diferentes rotas das moitas que existen dentro do Parque Natural de Redes.
Baixada por Las Agujas e a Cueva de Valdevezón (nacemento do Río Monasterio)
Esta baixada que non coñecemos, pero que non parece difícil, está reservada para os máis intrépidos do Grupo de Montaña "Pena Tallada” e xa que subiron a Peña del Viento tampouco terán atranco en facer este descenso.
Dende o cumio de Peña del Viento deberemos baixar cara o sur-leste para chegar a outro paso ou cimbro chamado Las Agujas e baixar por unha forte pendente deixando a esquerda as afiadas cristas de La Cuchilla. Chegamos así a cova de Valdevezón onde nace o “meu” río para proseguir ate as brañas de Valdevezón e Brañagallones, sempre con o río Monasterio ao noso lado.