040627 Ruta do Cares (Poncebos - Caín - Poncebos)
Enlaces a: wikiloc / fotos / pdf castelán
ACCESO: Dende Oviedo a Cangas de Onís e de aquí a Arenas de Cabrales, coller a estrada que leva a Poncebos, onde comezamos a rota.
HORARIO: Entre 6 e 7 h. DISTANCIA: 18 km. Ida e volta
DESNIVEL: 240 m. DIFICULTADE: Baixa
DESCRICIÓN DA ROTA: A Garganta do Cares constitúe un dos escenarios máis fermosos dos Picos de Europa. Chamada tamén La Garganta Divina, forma un tremendo desfiladeiro tallado nas rochas polas augas do río Cares.
Por esta garganta descorre a famosa travesía que hoxe nos ocupa, angosta corredoira de pedra tallada a man para dar servizo a unha canle de auga que baixa dende Caín ate Poncebos para mover as turbinas dunha central hidroeléctrica.
O punto de comezo desta travesía sitúase en Puente Poncebos, onde iniciamos a camiñada con paso lento pero seguido para superar a primeira e única pendente do día subindo en pequenos zigzags por pedra solta ate chegar ao lugar chamado Los Collaos. Aquí temos un singular farallón colgado moitos metros sobro do río fronte a unha enorme parede chamada Murallón de Amuesa.
Merece a pena descansar aquí para contemplar a impresionante panorámica que nos ofrece a aínda ancha garganta do Cares. A partir de aquí a marcha faise mais cómoda, con unha breve baixada que debemos pasar coas debidas precaucións tanto polas pedras soltas como polo precipicio que temos á nosa esquerda. Quédannos uns poucos metros para acadar o camiño tallado sobro da rocha que xa vemos ao fronte coma unha pista branca.
Tras esta baixada, a senda intérnase con pouca pendente pero con varias revoltas por un sinuoso trazado encaixado á dereita polos muros da canle da auga empotrada nas paredes verticais da rocha, e a esquerda os derrubes feitos pola erosión do río.
A senda non ten perda ningunha, segue pola garganta cada vez máis estreita deixando tódalas sendas que saen á dereita ou á esquerda.
Despois de camiñar varios metros debemos fixarnos nas canles de Saiago i Estorez, profundos tallos entre os macizos de Ostón e Amuesa. Tras camiñar outros dez minutos encontramos as canles de La Paloma e Sabugo, comunicadas por unha ponte que atravesa o río (Puente Sabugo); aquí o sendeiro comeza a xirar ao sur e a garganta parece volverse máis angosta.
Un pouco máis tarde chegamos ate unhas cabanas, paraxe chamado Culiembro, xustamente debaixo da canle do mesmo nome onde existe unha fonte. Por esta última canle baixa un carreiro que vén da Majada de Ostón e que cruza o río pola ponte Pando para internarse entra ásperas paredes do Murallón de Amuesa.
Nos seguimos sempre ao fronte, por un val cada vez máis angosto; na distancia perfílanse outros dous novos cortes, son as canles da Raiz e das Párvulas por onde pasa un camiño procedente de Vega de Ario. Non tardamos en cruzar unha nova ponte (Puente de los Papos), que constitúe o límite entre Asturias e León. Penetramos en terras leonesas e o sendeiro parece estreitarse mais aínda, só nos quedan cincocentos metros para superar a Canal de la Ria que baixa pola vertente de enfronte, logo aparecerá a mais famosa de todas estas bagoadas, a Canal de Trea que baixa dende a Majada de Ario. Unha célebre ponte colgante sobro das augas profundas aparece fronte a nos: Puente Bolín, pola que a senda cruza e avanza uns metros pola vertente oposta. O val está encaixado profundamente e uns metros máis adiante a senda volve a cruzar o río por outra ponte chamada dos Rebecos e recuperando así a marxe esquerda do río.
Mentres tanto a Canal de Dobresengros e o regato Casiellas baixan polo outro lado dende o mesmo corazón do Macizo Central. A senda intérnase agora polo tramo máis angosto da garganta e encaixase profundamente na rocha por medio de varios túneles socavados nas paredes verticais de caliza.
Chegamos ate unha pequena presa onde ben merece a pena parar un pouco para contemplar a fervenza e a escala salmoneira. Despois desta presa, ábrese a paisaxe e todo é menos agreste, aparecen as primeiras casas da aldea de Caín. Apenas queda cruzar o río pola ponte dos Pinteros e xa estamos na aldea.
Caín e o lugar ideal para xantar e descansar antes de dar a volta.