010930 Ponte de Wamba - Peña del Viento - Valdebezón - Brañagallones - Bezanes
ACCESO: Dende Oviedo pola autoestrada a León, collendo o desvío pola AS-253, que vai ao porto de San Isidro e dous quilómetros máis aló temos o comezo da rota.
SITUACIÓN: Parque Natural de Redes
HORARIO: Entre 7 e 8 horas. DISTANCIA: 16 km TIPO DE ROTA: Circular
DIFICULDADE: Media.
DESCRIPCIÓN DA ROTA: Preto do porto de San Isidro en dirección a Puebla de Lillo, temos unha ponte sobre do regato Gavitos, xunto a que sae unha pista en dirección norte que vai subindo suavemente á dereita do val de Wamba por entre pradeiras con gando pacendo.
Esta rota que se supón de orixe romano, foi máis tarde aproveitada polos arrieiros que en ambos sentidos transportaban produtos das súas comarcas e que comunicaba a terra leonesa de Venta de San Isidro coa asturiana de La Felguerina.
Tras un recanto, esta cómoda subida achéganos a un cimbro chamado Acebal que se atopa a 1.730 m. de altitude despois de camiñar durante hora e cuarto. Esta zona e o límite entre as comunidades de Asturias e Castela-León.
Para subir á Peña del Viento, neste lugar deberemos tomar un carreiro que vira diagonalmente cara ao leste, pasamos xunto aos farallóns meridionais de Los Fornos por un terreo de herba e pedreiros, aquí temos a pendente máis pronunciada de todo o percorrido. Vamos subindo en zig-zags por entre as penas de Pico Fornos e Peña del Viento ate unha campa. Aquí tomaremos un respiro antes de acometer a trepada final que culmina na crista de Peña del Viento (2.000 m.) dende a que podemos ver mirando ao sur o achegado Rapaína (2.022 m.), e máis lonxe a estación invernal de San Isidro, mirando cara ao oeste temos o Pico Torres (2.100 m.) e cara o norte a inconfundible e alargada pena de Tiatordos (1950 m.).
Aos nosos pés esténdese parte do Parque Natural de Redes, cheo de frondosos faiais e variada fauna, tendo a braña de Valdevezón moi preto e xa un pouco máis lonxe Brañagallones, unha veiga que aparece entre o bosque e por riba dela o maxestoso pico de Cantu del Oso (1.800 m.). Tamén dende o cume de Peña del Viento, podemos achegarnos ao veciño Pico Fornos (1.932 m.) camiñando rumbo ao poñente por enriba da crista e asomándonos a vertical cara norte.
Baixada por Acebal e volta pola Cueva de Valdevezón e Collado de Las Agujas
Pode mos baixar polo mesmo camiño ate o paso do cimbro Acebal para retomar o camiño que vai cara ao lago Ubales e a Felguerina. Logo de andar un anaco atopamos un desvío a nosa dereita que baixa a braña de Mericueria onde temos unha fonte e logo de xuntarnos todos (os que non suban a Peña del Viento esperarannos nesta braña) proseguimos o camiño cara abaixo para internarnos nun frondoso bosque de faiais. Todo o camiño a partir do cimbro de Acebal e baixada, primeiro por un sendeiro e logo xa por unha pista de excelente trazado e bo piso que nos leva nun entretido camiñar ate Brañagallones, fermoso lugar con varias cabanas en uso feitas de pedra e laxe.
Baixada por Collado de Las Agujas, Cueva de Valdevezón e volta por Acebal
Esta baixada que non coñecemos, pero que non parece difícil, está reservada para os máis intrépidos do Grupo de Montaña "Pena Tallada” e xa que subiron a Peña del Viento tampouco terán inconveniente en facer este descenso.
Dende o cume de Peña del Viento deberemos baixar cara o sur-leste para chegar a outro paso ou cimbro chamado Las Agujas e baixar por unha forte pendente deixando a esquerda as afiadas cristas de La Cuchilla. Chegamos así a cova de Valdevezón onde nace o río Monasterio para proseguir ate as brañas de Valdevezón e Brañagallones, sempre co río ao noso lado.