270821 Fragas do Eume
Enlaces a: wikiloc / fotos / pdf castelán
SITUACIÓN: Parque Natural das Fragas do Eume
Concellos de A Capela, Cabanas e Pontedeume (A Coruña)
PUNTO DE PARTIDA: O Gallel (574 m)
ACCESO: Desde Ribadeo pola A-8 ata coller a AG-64. Deixar esta autoestrada na saída 33 para coller a AC-564 dirección Pontedeume. En Goente, collemos á esquerda pola DP-1802 ata o cruce no lugar de O Gallel, km 2,2.
HORARIO: 6/7 h DESNIVEIS: 90 m de subidas / 640 m de baixadas
DISTANCIA: 17 km DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Travesía
COTA MÍNIMA: Centro de Interpretación (20 m)
COTA MÁXIMA: A 200 m do punto de saída (590 m)
MAPAS: I.G.N. – 22 – I – II –III – IV NOTA: O mapa II solo ten os 2 primeiros km. O mapa IV ten entre o km 3 e 4 aproximadamente.
SINOPSE: As Fragas do Eume, impresionantes noutro tempo, van perdendo terreo fronte ao cultivo intensivo e invasivo do eucalipto.
As queimas, a man cobizosa do home, e sobre todo a nefasta política medioambiental, acabarán desaparecendo o que queda deste marabilloso bosque.
As Fragas do Eume comprenden un abrupto val, con gargantas e cubertas arbóreas de frondosas – carballos, ameneiros e piñeiros – que forman un dos bosques máis extensos de Galiza.
O marco natural que ofrecen estas Fragas danos a posibilidade de realizar un sen número de rotas, todas elas de gran beleza. A que hoxe nos ocupa trata de descubrir o máis significativo das Fragas aproveitando parte do trazado dun longo percorrido que sae de Río Chelo e remata no Cabo Ortegal.
Os mosteiros de Sta. María de Monfero e San Xoán de Caaveiro, forman parte do sendeiro de longo percorrido e están relacionados con o medievo.
DESCRICIÓN DA RUTA: Comezamos a camiñada no cruce de estradas do lugar de O Gallel, onde hai uns carteis de rutas polo Parque, pola pista forestal que sae á dereita en dirección oeste. (Ruta dos altos de Fontardión).
Nos primeiros pasos aparece unha cancela que deixamos pechada, e un ramal á dereita que sobe aos altos de Fontardión. A pista xira á esquerda en suave baixada e logo ao oeste. Cando levamos 1,5 km camiñados temos un alxibe de auga á dereita e unha área recreativa, lugar no que deixamos a pista para coller á esquerda e baixar por un corta lumes. Pasamos por debaixo do tendido eléctrico e de seguida aparece un carreiro pola dereita que se dirixe claramente a o miradoiro de Teixido, situado enriba dunhas penas (473 m).
Bordamos o miradoiro por carreiro claro e comezamos a baixar. O camiño pasa xunto a unha área recreativa entre bidueiros, e un pouco máis abaixo a poboación de Teixido. Agora seguimos por estrada asfaltada en dirección oeste, quedando as casas de Teixido á nosa dereita. Despois de camiñar uns 650 m por asfalto, comeza a baixar aparecendo á nosa esquerda un camiño e unha marca do Parque (350 m) que indica á Central da Ventureira.
Collemos este camiño que pasa de novo por debaixo do tendido eléctrico e baixamos entrando na fraga transformándose agora en carreiro. Non teremos problema para seguir este carreiro que comeza a zigzaguear ata a central eléctrica da Ventureira e a ponte sobre o río Eume da estrada que une A Capela con Monfero.
Nesta ponte temos dúas opcións: Cruzar o río e seguir pola súa marxe esquerda ou non cruzar e seguir pola marxe dereita cara ao mosteiro de Caaveiro. Para iso, seguimos por asfalto uns 800 m ata que aparece unha pista de terra pola esquerda sinalizada cunha estaca e un cartel.
Collemos esta pista envolta en vexetación autóctona e tamén algún eucalipto levaranos sen problema ata o mosteiro de Caaveiro.
Logo da obrigada visita e este mosteiro, temos varias opcións para seguir a ruta. Unha é coller un camiño que sobe monte arriba pasando xunto a unha fervenza e unha fonte. Este camiño, axiña volve a baixar e enlaza con o que vai pola marxe dereita do río. Outra opción é baixar ata o río pero sen cruzar a ponte, seguir por esa marxe que enlaza cono camiño anterior.
A outra opción é cruzar pola ponte de Santa Cristina e seguir todo por pista asfaltada ata o Centro de Interpretación, a máis fácil sen dúbida.
Seguindo o carreiro que vai pola marxe dereita, aparece o carreiro que ven das fervenzas e unha ponte sobre o rego da Mazoca. Seguimos camiñando para chegar a un tramo no que teremos que ter precaución, existindo unhas corda para facilitar o paso. Un pouco despois temos unha bifurcación onde seguimos o carreiro principal para chegar a unha presa. No tramo seguinte pasamos xunto á ponte colgante de Fornelos que tampouco cruzamos para seguir por este fermoso camiño de pescadores.
O río comeza a xirar á esquerda e o camiño tamén tendo xusto na metade da curva un refuxio situado ao outro lado do río. Pouco despois aparece a ponte colgante de Cal Grande, que temos que coller e atravesar o río para seguir pola outra marxe ata o Centro de Interpretación. Uns 2.5 km de asfalto totalmente chans.