270417 Senda Verde de Valderosa
Enlaces a: wikiloc / fotos / pdf castelán
SITUACIÓN: Caso (Asturias)
PUNTO DE PARTIDA: Ponte de Coballes (500 m)
ACCESO: Pola estrada AS – 117 que vai ao porto de Tarna
HORARIO: 5/6 horas DESNIVEL: 850 m DISTANCIA: 15,5 km
DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Circular
COTA MÍNIMA: Ponte de Coballes (500 m) COTA MÁXIMA: Majada La Gallera (1.100 m)
MAPA: I.G.N. – 54 – III
SINOPSE: Fermosa ruta circular que comeza e remata na poboación de Coballes. A ruta está sinalizada con as marcas de PR – AS – 244, de fácil andar pois transita por pistas de formigón, grava e terra maiormente. Aínda que o desnivel non é moi grande, ten ramplas de forte pendente que esixen esforzo.
A ruta pasa por bosques de castiñeiros e faias moi fermosos e tamén por unha pequena área recreativa con mesas no Collado de la Trapa.
Esta ruta, ao ser circular, pode facerse en calquera sentido, a descrición aquí feita está no contrario ao sentido das agullas do reloxo.
DESCRICIÓN DA RUTA: O punto de saída será a ponte que atravesa o encoro de Tanes cara a Caleao. Collemos a estrada que sobe a Coballes, lugar que atravesamos ata o seu final en dirección noroeste deixando atrás un bebedeiro e unha cancela situada ao lado do mesmo.
O camiño sobe con suave desnivel internándose nun bosque de faias. Ao pouco o camiño bifúrcase, tendo que coller o ramal da dereita pois o da esquerda vai ao lugar de Lavayos. O camiño aínda se suaviza máis para chegar á Majada de Sevares, desde a que podemos ver as aldeas de Abantro e a de Bueres.
Continuamos a camiñada para pasar xunto á primeira fonte que hai comezando unha pequena subida que remata nun miradoiro sobre o encoro de Tanes. Neste punto o camiño xira á esquerda en dirección sur pasando pola aldea de Ablaneu composto por un par de casas que nos mostran a construción tradicional da zona.
Seguimos baixando para cruzar un rego despois do cal, o camiño cambia de vertente e sobe a Valderosa. Seguimos gañando altura pasando xunto a unha fonte nas aforas da aldea e máis adiante temos un fermoso rego- fervenza nunha pequena bagoada que da paso a unha longa pendente onde, na súa metade, hai unha mesa e bancos de pedra, sitio ideal para coller folgos e gozar das vistas cara ao Maciédome e Tiatordos.
Logo da parada, seguimos subindo ata chegar á Majada La Gallera (1.100 m) punto máis alto deste percorrido. Comezamos a baixar polo camiño que fai varias voltas ata cruzar o río Medina. Agora comeza a subida ata o Collado La Trapa (998 m) onde hai unha área con mesas e bancos e un estratéxico miradoiro con vistas a todo o val e o encoro de Tanes.
Desde este punto quédannos cinco quilómetros de continuo descenso para o remate da ruta. Seguimos baixando e aparece unha bifurcación pola dereita que non collemos xa que este camiño baixa a Buspriz. Pouco despois chegamos a La Pandiella, unha braña con cabanas; seguimos o itinerario que pasa pola Campa Collados cunha cabana á nosa dereita. O camiño pasa por riba de Lavayos chegando á parte superior de Coballes. Desde aquí volvemos á ponte do encoro polo mesmo camiño que subimos.