270325 Puerto de Béjar - La Garganta - Hervás

 Enlaces a: wikiloc / fotos / pdf castelán

 

SITUACIÓN: Valle de Ambroz

Concellos: Puerto de Bejar (Salamanca) La Garganta e Hervás (Cáceres)

PUNTO DE PARTIDA: Puerto de Béjar (940 m)

ACCESO: Pola autoestrada A – 66 que une Salamanca con Cáceres, collendo a saída 424.

HORARIO: 4 h                     DESNIVEL: 450 m de subidas / 700 m de baixadas    

DISTANCIA: 14 km            DIFICULTADE: Media                   TIPO DE RUTA: Travesía

COTA MÍNIMA: Ponte Fuente Fría (650 m)                  

COTA MÁXIMA: Límite comunidades autónomas (1.220 m)

MAPAS: I.G.N. – 553 – III – 576 – I   

SINOPSE: En decembro de 1985 chegaba á estación de ferrocarril de Béjar o último tren de pasaxeiros. Un ano máis tarde, en agosto de 1986, pasaba o último tren de mercancías. Na actualidade os camiñantes e amantes das bicicletas de montaña substituíron o ruído das locomotoras.

            Seguindo as pegadas do Ferrocarril Astorga – Plasencia, máis coñecido como o ferrocarril Vía de la Plata, que nos ofrece un camiño para gozar dos espectaculares lugares como a Paisaxe Protexida Castañar Gallego na localidade de Hervás ou a través da fermosa paisaxe que discorre a media ladeira pola abas da Serra de Béjar, declarada Reserva da Biosfera.

DESCRICIÓN DA RUTA: Entramos en Puerto de Béjar pola Calle Mayor, xirando pouco despois á esquerda para pasar diante da igrexa de Nuestra Señora de la Asunción e a casa do Concello. Un pouco máis adiante, seguimos subindo pola estrada que vai a La Garganta camiñando por ela un quilómetro aproximadamente.

            Uns metros despois dunha curva á dereita abandonamos a estrada para seguir un camiño que aparece á nosa esquerda, indicado como ruta de San Antón. Subimos por este camiño que nos levará ata o punto máis alto do percorrido, situado no límite das comunidades de Castela e León con Extremadura. Xusto neste lugar, o camiño de San Antón xira á esquerda pero nós, iremos á dereita, baixando cara a La Garganta (1.114 m).

            Saímos desta localidade pola estrada que desde a casa do concello sobe en dirección sur. Logo de pasar unha curva pechada que hai a saída do lugar, abandonamos a estrada para seguir un camiño que sobe á esquerda con sinais brancas e marelas. Axiña cruzamos a estrada de novo seguindo a subida polo antigo camiño de gando. Pola dereita temos magníficas vistas, aos nosos pés o Valle de Ambroz e Terras de Granadilla, e sobre o horizonte a Serra de Gata.

            Rematada a subida, e logo de cruzar unha cancela para o gando, temos que cruzar un amplo prado, onde debemos estar atentos as marcas brancas e marelas, para non perder o camiño, ata chegar a ermida de San Gregorio, no remate do prado, desde onde se baixa a unha estrada que se cruza para coller o Camiño de Arrieiros, case todo empedrado, que leva a Hervás.

            Aumenta a vexetación de silvas e carqueixas, castiñeiros e carballos con muros que separan campos abandonados, aínda que queda algún con gando vacuno. Pola esquerda podemos ver os cumes da Serra de Béjar, con o Pinajarro como o derradeiro pico pola súa dereita.

            O camiño serpexa ao longo da carballeira, sen perda posible, rematando a baixada nunha pista forestal onde collemos á esquerda uns setenta e cinco metros para deixala por un estreito carreiro que sae pola dereita indo paralelo ao regato. Unha vella ponte de pedra tapada pola vexetación serve para cruzar o rego Balozano e nada máis pasalo, xiramos á dereita para seguir pola súa beira ao longo dunha zona encharcada. A baixada por un espeso bosque de galería onde se separa o camiño do río collendo o carreiro a identidade de camiño.

Atravesamos por outra ponte comezando a aparecer as vivendas, entroncamos con a Vía Verde de la Plata e sen ningunha dificultade chegamos ao río onde está prohibido cruzar pola ponte ferroviaria polo que xiramos á dereita para ir paralelo ao río Ambroz que nos amosa fermosas vistas do Barrio Xudeo entrando logo pola ponte de La Fuente Fría, atravesamos o Barrio Xudeo e subindo pola Calle Abajo ata o parque.

 

Publicacións populares deste blog

NOVAS

260914 Madotz - Irañeta

260916 Circular Midí d'Ossau