261121 Alto da Farrapona - Valle de Lago
Enlaces a: Wikiloc - fotos - pdf castelán
SITUACIÓN: Parque Natural de Somiedo (Asturias)
PUNTO DE PARTIDA: Alto da Farrapona (1.710 m)
ACCESO: En Cornellana, coller a estrada que vai a Cangas del Narcea e desviarse ao Porto de Somiedo. A altura de Las Mestas coller o desvío a Saliencia. Unha vez aquí, temos oito quilómetros de pista de terra ata o Alto da Farrapona.
HORARIO: 5/6 h DESNIVEL: 350 m de subidas / 800 m de baixadas
DISTANCIA: 14 km DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Travesía
COTA MÍNIMA: Valle de Lago (1.210 m)
COTA MÁXIMA: Alto da Farrapona (1.710 m)
MAPAS: I.G.N. – 76 – II – IV – 77 – III - Mapa Topográfico Excursionista Parque Natural de Somiedo de Ediciones Adrados
SINOPSE: Esta rota é, sen dúbida, unha das máis fermosas das que se poden realizar dentro do Parque Natural de Somiedo porque, os Lagos de Saliencia xunto co Lago de Valle, forman a zona lacustre máis relevante da Cordilleira Cantábrica. O Lago de Valle e o máis grande de toda a cordilleira.
DESCRICIÓN DA RUTA: Esta camiñada parte do Alto de La Farrapona ou Collada Balbarán, para recorrer unha cómoda pista de un quilómetro que nos leva ata un aparcadoiro xunto ao primeiro lago que vamos atopar. O lago Cueva ou Mina (1.654 m), chamado así debido as proximidades dunha desaparecida industria mineira, da paso a unha subida preto a uns muros en ruínas que antano formaban parte das instalacións mineiras de Santa Rita. Neste punto o camiño aparece de cor vermella debido ao mineral desprendido, facendo varios zigzags e ascendendo por pronunciada pendente sobre o lago que cada vez nos parece mais pequeno.
Despois de superar a que vai ser unha das poucas subidas desta xornada, acadamos un cimbro que nos sitúa por riba do lago, posiblemente, mais fermoso dos lagos de Saliencia. E o lago de Calabazosa ou Negro, que tamén e o mais fondo de todos. As súas beiras poden alcanzarse con facilidade abandonando o camiño principal, para coller un sendeiro a esquerda. Xustamente enfronte, elévanse as siluetas de dous picos xemelgos, separados por un cimbro: son os Picos Albos, e detrás das súas caras posteriores escóndese o célebre Lago del Valle.
Tras pararnos a contemplar este fermoso lago, volvemos ao camiño principal e proseguimos en suave descenso cara as primeiras veigas coñecidas como Cervériz (1.765 m). Neste punto remata a pista transformándose nun carreiro que recorre lonxitudinalmente a veiga entre mato subalpino e herba.
O camiño pasa por riba doutro lago que nos queda a esquerda, lago Cervériz, e sigue por un extenso val de cómodo andar deixando tamén a nosa esquerda as cabanas que compoñen a Majada Cervériz. Subimos a un cimbro que da paso a outra extensa veiga de verdes prados. A Veiga de Camayor, que seguimos ata outro cimbro que divisamos dende a nosa posición. Neste cimbro chamado a Llomba de Camayor, temos que fixarnos e coller un sendeiro que rodea as rochas de Fana Brava virando a esquerda (1.800 m) para de seguida dar paso a vista de El Valle.
De fronte temos agora o Lago del Valle ata o que temos que baixar por un sendeiro bastante marcado. Unha vez xunto ao lago, podemos dirixirnos a unhas cabanas que vemos onde existe unha fonte. Este lugar chámase Cobrana, un bo sitio para descansar e dar conta do xantar (1.620 m).
Logo proseguimos a camiñada, xunto a unha parede que fai de contención do lago, pois foi represado, para coller un camiño que sen perda e case todo costa a baixo nos vai levar a Valle de Lago en pouco mais dunha hora. Entramos primeiro no lugar coñecido como o Outeiro (1.320 m) e un quilómetro mais abaixo temos El Valle, lugar onde remata esta andaina.