260620 Cabo Touriñán - Praia do Rostro

 Faro de Touriñán – Praia do Rostro

                                                                                Enlaces a:  wikiloc  /  fotos  /  pdf castelán

SITUACIÓN: Muxía, Cee e Fisterra (A Coruña)

PUNTO DE PARTIDA: Faro de Touriñán (50 m)

ACCESO: Polas autoestradas A – 8 e A – 6 ata Arteixo. Logo pola AG – 55. Logo collemos a AC – 552 ata Berdoias, logo pola CP – 3403 dirección Touriñán

HORARIO: 4/5 horas          DESNIVEL: 400 m                         DISTANCIA: 16,8 km

DIFICULTADE: Baixa         TIPO DE RUTA: Travesía            MAPAS: I.G.N. – 67 – IV – 92 – II

COTA MÍNIMA: Varias (5 m)         COTA MÁXIMA: Monte da Vela (124 m)

DESCRICIÓN DA RUTA: Esta etapa parte do faro de Touriñán baixando pola zona oeste ata o coído de Touriñán onde existe un pequeno embarcadoiro logo do cal saímos á estrada de aceso ao faro. Camiñamos por ela uns metros deixando á nosa dereita o hotel Lusco e Fusco. Uns metros despois aparece unha pista pola dereita que temos que coller. Seguimos por esta pista de terra ata que enfronte dunha cancela metálica, arrinca un carreiro que nos leva a entroncar cunha pista asfaltada uns metros antes do miradoiro de Touriñán. (ollo, este tramo pode estar moi pechado de maleza, nese caso o mellor e seguir a pista uns poucos metros ata entroncar coa asfaltada)

Seguimos por asfalto ata a seguinte bifurcación onde, pola dereita sae unha pista pola que chegaremos á aldea de Talón, e a praia de Nemiña. Temos que seguir por pista asfaltada e dar un pequeno rodeo ata o aparcadoiro desta praia desde o que percorremos lonxitudinalmente a praia uns metros máis arriba que o areal. Entramos nun piñeiral ata chegar á desembocadura da Ría de Lires, a máis pequena de Galicia que é un paraíso ornitolóxico.

Bordeamos esta pequena ría, río arriba para cruzar pola ponte de Vaosilveiro e entramos en Lires, unha fermosa aldea, pasando entre hórreos e casas rurais restauradas sendo esta a última poboación ata Fisterra.

En Lires temos a igrexa de Santo Estevo que foi construída no século XVII sobre os restos dunha anterior.

Desde a ponte parte o Camiño de Santiago pola esquerda, pero nós continuamos por O Camiño dos Faros, á dereita polo cemiterio, para descubrir este paraíso natural que é a Ría de Lires. Esta ría formada na desembocadura o río Castro na praia de Nemiña é a máis pequena de Galicia. Desde a ponte comezamos o cómodo paseo entre as sombras das árbores pasando fronte á piscifactoría e saíndo á Praia de Lires, un cativo areal formando neste lado da ría.

Desde este lugar, un miradoiro natural, vemos a praia de Nemiña a duna cuberta de vexetación e toda a desembocadura e se fora o caso, unha das mellores postas de sol da Costa da Morte.

Desde a Praia de Lires á Praia do Rosto, o camiño ten un tramo no que se mete onde vamos a ver o litoral de Canosa, antigamente chamado Ribeira de Calvoa, con os cantís de Punta Lagoa e a Mexadoira como principais protagonistas. Este é un tramo complicado de camiño onde non debemos meternos en condicións de chuvia forte ou vento. Saímos do carreiro ancho de terra que parte da praia e chegamos as calas de Area Pequena e Area Grande.

Aquí comeza unha subida curta pero intensa, que nos levará a unha altura desde a que contemplamos o que imos deixando atrás. Ao chegar a Punta Lagoa baixamos a ver os cantís desde as alturas tendo vistas tamén do Petón Vermello e Punta Besugueira coa Praia do Rostro ao fondo.

O carreiro vai de novo cara ao interior saíndo dos cantís de Punta Lagoa, agora máis ancho, mentres camiñamos a cen metros sobre o nivel do mar. Así chegamos á Punta Mixirica, comezo dos cantís da Mexadoira, que atravesamos en fila de un, debido a caída vertical dos cantís que temos á nosa dereita. Ao remate do cantil, un regato que baixa do monte cae nos bolouros da costa formando unha pequena fervenza outra vez nun tramo salvaxe é único do Camiño dos Faros.

Saímos da Mexadoira desde onde vemos a inmensidade da Praia do Rostro, xa en terras de Fisterra, á que chegamos en poucos minutos. Esta praia é outra marabilla salvaxe da Costa da Morte de case dous quilómetros de larga, aberta ao Océano Atlántico e formando un extenso sistema de dunas con alturas importantes e cheas de vexetación.

Aquí damos por finalizada esta etapa xunto ao chiringuito La Ola.

Publicacións populares deste blog

260914 Madotz - Irañeta

190813 Circular Ibón de Acherito - Subida ao Mallo a Ralla