251018 De Degaña ao Porto de Zarréu
SITUACIÓN: Degaña (Asturias)
PUNTO DE PARTIDA: Degaña (840 m)
ACCESO: Dende a N – 634 no porto de La Espina, coller a AS – 215 e 214 ata un cruce preto de Soto de la Barca onde se colle a AS – 15 dirección a Cangas de Narcea, atravesamos a vila e a través do porto de Rañadoiro chegamos a capital do concello de Degaña.
HORARIO: 5/6 h DESNIVEL: 885 m DISTANCIA: 16,7 km
DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Travesía MAPAS: I.G.N. – 100 – II – 101 – I
COTA MÍNIMA: Degaña (840 m) COTA MÁXIMA: Área recreativa de Zarréu (1.357 m)
SINOPSE: O bosque principalmente de carballos e verdadeiramente fermoso, parece mentira que aínda queden camiños tan agradables como o que aquí atopamos, camiño que vai pasando sucesivos regatos a través de pontes rústicas.
DESCRICIÓN DA RUTA: A ruta aquí descrita é para a opción longa que é a mesma ca curta agás en dous quilómetros. No centro da capital do concello (840 m.) está situado o punto de partida destas rotas. Saímos baixando cara ao río Ibias, o cal cruzamos por unha ponte de formigón e collemos unha ancha pista. De seguida chegamos a unha bifurcación onde seguirá polo ramal da esquerda a xente que escolla a opción fácil, mentres que pola dereita seguirá o resto da xente que terá que camiñar dous quilómetros máis e subir douscentos metros máis de desnivel que pola opción curta.
O camiño principal segue sempre en subida e debemos esquecer todos os ramais que aparezan a calquera lado. Case sen darnos conta atopámonos na braña da Veiga de Bustieguas ou Barrocos (1.200 m.) onde existen unhas mesas e bancos e tamén unha cabana. Desde este lugar sae un camiño que sobe as lagoas de Fasgueo e ao Teso Mular. A partir de aquí, seguimos o muro que zarra a cabana e metémonos na espesura do bosque. Hai que fixarse porque o sendeiro está moi pouco marcado e ten algún paso esvaradío, máis abaixo aclárase o carreiro e convértese en camiño.
Así chegamos á pista que rexeitamos ao pouco de saír de Degaña, a partir deste lugar o camiño é o mesmo para as dúas opcións. A ruta vai en dirección leste, atravesando a estrada de Valdeprado. Seguimos polo cómodo camiño pasando xunto á fonte de Manuel Florez é un pouco máis adiante, nunha curva á esquerda, sae pola dereita un camiño que sobe á lagoa de Chagüeños. Seguimos pola esquerda cara ao entrante que forma o rego Regueiral para pasar por unha antiga canteira situada baixo a pena de Entrecastiechos para buscar unha ancha pista pola que camiñamos uns metros tendo que coller axiña un ramal que aparece pola dereita no lugar de Las Corradas.
Aquí comeza unha forte subida que nos permite chegar ao límite provincial situado xunto á área recreativa do porto de Zarréu.