250622 Lires - Cabo Touriñán

 De Lires ao Cabo Touriñán

                                                                      Enlaces a:  wikiloc  / fotos  /  pdf castelán

SITUACIÓN: Cee e Muxía

PUNTO DE PARTIDA: Santo Estebo de Lires (40 m)

ACCESO: A Lires chégase pola estrada AC – 552 saír na localidade de Vilanova para coller a DP – 2303 cara a Muxía. Logo, na aldea de Bermún coller a CP – 2301 ata Lires.

HORARIO: 4/5 h                 DESNIVEL: 300 m                             DISTANCIA: 12 km

DIFICULTADE: Baixa         TIPO DE RUTA: Travesía                   MAPAS: I.G.N. 67 – II – IV

COTAS Mínima: Restaurante Saburil (4 m)  Máxima: Zona do miradoiro de Touriñán (94 m)

SINOPSE: Aproveitando que estamos en Lires, ofrecemos esta ruta como alternativa á de Muxía a Cabo Touriñán, moito máis longa e de peor camiñar.

Temos que lembrar que iremos en dirección contraria as sinais do Camiño dos Faros e, nalgúns tramos, ao Camiño de Santiago.

O cabo Touriñán é o punto situado máis ao oeste do Camiño dos Faros e tamén da España Peninsular, o último lugar onde se esconde o sol.


DESCRICIÓN DA RUTA: Partimos do hotel As Eiras cara ao norte pasando xunto ao campo da festa que queda á nosa dereita. Seguimos a pista entre casas pola que saímos da poboación ata que chegamos a un desvío. Pola dereita aparece unha pequena área recreativa con bancos e mesas xunto á que temos que pasar e un pouco máis adiante temos outra bifurcación onde tamén collemos á dereita.

Aquí remata o asfalto neste camiño que baixa cara ao río para atravesalo pola Ponte do Castro ou Ponte Vaosilveiro. Cruzamos outro pequeno regato onde o camiño xira á esquerda e entra no concello de Muxía. Pasamos xunto as casas de Vaosilveiro para seguir de fronte, obviando a pista da dereita, que é a que da acceso a este núcleo.

O camiño transcorre entre prados e sae á pista de acceso a Vaosilveiro pero non temos nin que tocala xa que fai unha curva pechada xunto á pista para xirar á esquerda e volver a internarse no monte.

Camiñamos entre piñeiros e eucaliptos ata acadar unha pista asfaltada onde collemos á esquerda comezando a ver enseguida a desembocadura da ría de Lires, a máis pequena de Galicia, por entre o piñeiral. Axiña saímos a campo aberto aparecendo o areal da praia de Nemiña camiñando pola pista que nos ofrece unhas vistas incribles.

Chegando ao remate da praia, facemos un pequeno rodeo a unha urbanización e axiña volvemos á beira do mar. Será pouco tempo xa que xunto ao restaurante Saburil, o camiño afástase do mar camiño da aldea de Talón.

Na parte traseira do restaurante, sae a pista bordeando unha lomba que nos tapa a vista do mar. Camiñamos deixando á nosa esquerda un piñeiral cara á aldea de Talón. Aquí non cruzamos a aldea xa que na entrada, xunto a unha cadra, collemos un camiño pola esquerda que sobe pasando xunto a un hórreo de 14 cepas, todo de cantería.

O camiño vai deixando este núcleo á dereita xirando á esquerda para saír por camiño cara ao mar. Máis adiante, esta pista entronca con outra asfaltada pola que seguimos de fronte entre piñeirais e prados. Logo, á nosa esquerda aparece o miradoiro de Touriñán e pouco despois, deixamos a estrada asfaltada para coller un camiño que baixa cara ao mar.

Agora, durante un treito, imos máis preto do mar ata que este camiño desemboca nunha pista na que collemos á esquerda que nos levará a outra asfaltada. Camiñamos uns metros pola pista asfaltada ata que, despois de pasar unha granxa, aparece unha bifurcación. A pista asfaltada para o tráfico rodado vai ao faro de Touriñán así que collemos o ramal da esquerda que tamén vai ao faro pero máis preto do mar. O camiño pasa xunto ao Coído de Touriñán onde pouco despois perde a entidade de pista para converterse nun atractivo carreiro, que pasa xunto a Illa do Castelo ou do Castro, bordeando o cabo Touriñán polo oeste e pouco despois chega ao faro.

Publicacións populares deste blog

260914 Madotz - Irañeta

190813 Circular Ibón de Acherito - Subida ao Mallo a Ralla