210919 Ruta da Cubela

 Ruta de A Cubela

                                                                    Enlaces a :  wikiloc  /  fotos  /  pdf castelán

SITUACIÓN: Ribas de Sil (Lugo)

PUNTO DE PARTIDA: Ponte de Augasmestas (290 m)

ACCESO: A ponte de Augasmestas está situada no encoro de San Estebo, na estrada N – 120 Logroño – Vigo.

HORARIO: 5/6 horas           DESNIVEL ACUMULADO: 650 m       DISTANCIA: 18 km

DIFICULTADE: Media         TIPO DE RUTA: Circular                       MAPA: I.G.N. – 189 – I – II

COTA MÍNIMA: 275 m         COTA MÁXIMA: 715 m (Igrexa de Stª Mª de Torbeo)


SINOPSE: O Canón do Sil é un xardín botánico natural de gran valor ecolóxico, o meandro de A Cubela, as pequenas aldeas, antigos camiños e mostras do románico xunto con soutos de castiñeiros centenarios e unha aldea abandonada fan que esta ruta teña un gran atractivo, posiblemente unha das rutas máis fermosas da Ribeira Sacra.


DESCRICIÓN DA RUTA: A Camiñada comeza xunto á ponte de Augasmestas, no lado esquerdo do encoro de San Estebo. Camiñamos en dirección á Castro de Abaixo onde, segundo parece, atopáronse os restos dun castro e unha explotación mineira de ouro romana. Cruzamos a aldea cara ao sur para nas derradeiras casas coller o camiño á esquerda polo que iremos subindo entre viñas, prados e bosques de castiñeiros centenarios, aciñeiras, sobreiras e érbedos.

Nesta entretida camiñada pasamos xunto á aldea abandonada de Souto, completamente escondida no medio do bosque, para un pouco máis adiante chegar á aldea de Torbeo onde podemos visitar a igrexa románica de Santa María de Torbeo dos séculos XII – XIII.

Logo da visita á igrexa, seguimos por pista asfaltada que abandonamos á saída do lugar collendo un carreiro á dereita que baixa por Pena Tallada, antigos camiños tallados na rocha, cara á Cubela, tramo no que podemos gozar de espectaculares vistas panorámicas o meandro de A Cubela onde o río Sil describe unha curva de case 360 graos e das plantacións de viñedos nas ladeiras de enfronte pertencentes ao concello de Sober.

Camiñamos un tramo por pista asfaltada para entrar na aldea de A Cubela, que da nome a esta ruta. Situada enriba dunha antiga explotación mineira romana de ouro, A Cubela ten algunhas casas abandonadas e outras restauradas e viñedos colgantes así como un balcón natural con vistas impresionantes.

O camiño segue agora pola beira do río cruzando o río Lousedo por unha pequena ponte e pasando, máis adiante, polo miradoiro de O Fuxulento, xa moi preto do remate desta fermosa camiñada. Pasamos de novo por Castro de Abaixo e seguimos o camiño que xa coñecemos ata a ponte de Augasmestas.

Publicacións populares deste blog

260914 Madotz - Irañeta

190813 Circular Ibón de Acherito - Subida ao Mallo a Ralla