210320 De Sisterna a Zarréu
SITUACIÓN: Degaña (Asturias)
PUNTO DE PARTIDA: Sisterna (800 m)
ACCESO: Desde Ribadeo pola A – 8 ata Canero onde se colle a N – 634 ata a Espina. Alí collemos a AS – 216 cara Tineo e Cangas del Narcea. Desde aquí pola AS – 15 ata Sisterna.
HORARIO: 5/6 horas DESNIVEL: 772 m de subidas / 734 m de baixadas
DISTANCIA: 18, 5 km DIFICULTADE: Baixa TIPO DE RUTA: Travesía
COTA MÍNIMA: Comezo da subida de Rebollar a Degaña (790 m)
COTA MÁXIMA: La Cochadina (1.197 m) MAPAS: I.G.N. – 100 – II – 101 – I
SINOPSE: Entre carballos e castiñeiros centenarios ábrese paso un camiño que comunica Sisterna con Zarréu, dous pobos do sur occidente asturiano onde os seus habitantes comparten este camiño cunha especie tan emblemática como é o oso, que habita esta zona. Só a calidade e espectacularidade do bosque a zona preto de Zarréu e os vellos castiñeiros de Degaña ou Sisterna ben merecen esta visita. Os liques amósannos a pureza do aire destes bosques que agochan outros secretos como a “fábrica da luz”. Tamén, na parte máis próxima a Sisterna, hai carteis dalgunhas obras mineiras da época romana que explotaban as abas en busca de ouro.
DESCRICIÓN DA RUTA: No chamado val Cunqueiro aséntase o pobo de Sisterna, terra de “tixileiros”, artesáns que traballaban facendo vaixelas de madeira e punto de partida desta andaina.
Os primeiros oitocentos metros camiñamos pola estrada AS – 212, polo que temos que ter precaución con o tránsito rodado. Logo abandonamos a estrada pola marxe dereita collendo un camiño que nos leva a Tablau.
Saímos de Tablau por unha pista asfaltada que nos leva de novo a estrada AS – 212 uns metros máis adiante, a que cruzamos para entrar nun camiño que primeiro vai en baixada para coller á esquerda unha pista moi descomposta que sobe á cimeira de La Cochadina (1.197 m), punto máis alto do percorrido, seguindo a traza da Senda Moura. Desde aquí xa podemos ver Zarréu.
Pasado este outeiro, o camiño intérnase entre o mato de breixos e escobas, que atrancan o noso andar e cuxo trazo non só cambia de vertente senón que de novo nos leva á estrada que cruzamos anteriormente.
Cruzamos a estrada AS – 212 e camiñamos por un carreiro cara á Rebollar cruzando a estrada por terceira vez. Pasamos o lugar en dirección á área recreativa, situada nun espeso bosque de carballos e castiñeiros que tapan o camiño cara a Degaña. O camiño pasa antes pola fábrica da luz e a área recreativa de La Medal.
Remontando o val, atravesamos a parte baixa de Degaña continuando en subida, deixando os desvíos de Braña Barrocos e o de Valdeprado, os dous á dereita, e continuando nun sobe e baixa, cruzamos o río Ibias para chegar a Zarréu por pistas sinalizadas ou pola estrada.