190420 Cárcavos de Quecedo

 Enlaces á : wikiloc / fotos / pdf castelán

 

SITUACIÓN: Valle de Valdivieso (Burgos)

PUNTO DE PARTIDA: Quecedo de Valdivieso (630 m)

ACCESO: Desde Quintana Martín Galíndez pola BU – 530 ata Trespaderne onde se colle a N – 629 ata enlazar con a N – 232 que abandonamos a altura de Cereceda onde collemos unha estrada secundaria ata Quecedo. A distancia total é de 32 km.

HORARIO: 4/5 horas       DESNIVEL: 500 m         TIPO DE RUTA: Circular                         

DIFICULTADE: Baixa       DISTANCIA: 15 km      MAPA: I.G.N. –109–IV–110–III–135–II–136-I

COTA MÍNIMA: Quecedo (640 m) COTA MÁXIMA: Ermida de Pilas (1.100 m)

SINOPSE: Debemos aproveitar a viaxe para visitar a ermida de San Pedro de Tejada que está considerada unha das de maior importancia do arte románico de Burgos é a máis fermosa ermida románica das Merindades. Situada en Puente Arenas, a 4 quilómetros de Quecedo.

DESCRICIÓN DA RUTA: Desde a pequena aldea de Quecedo saímos en dirección norte onde atoparemos as sinais do sendeiro PRC – BU – 179, Sendero de las Pilas.

    Nada máis saír do lugar, a afiada Peña de San Martín daranos a benvida, deixamos atrás unha granxa para de inmediato atopar un poste que indica o camiño de Las Pilas. As cómodas revoltas da pista permítennos acadar en pouco máis de tres quilómetros o chan onde se abica a solitaria ermida. Detrás dela podemos ver o punto culminante da serra de La Tesla, Peña Corba a que se pode subir desde este punto por unha cómoda pista.

    Neste punto, abandonamos o sendeiro balizado para faldrear cara á nosa dereita polas abas rochosas da pena meténdonos pouco a pouco nun verde val seguindo o regato de Quecedo. A ladeira norte deste val esconde entre as súas grandes rochas de arenisca o eremitorio de Pilas, pequena cavidade que alberga no seu solo hormacinas e cruces talladas, xa moi desgastadas pola erosión. Á nosa dereita e baixando polo val podemos apreciar a tallada dos Cárcavos.

    Pouco a pouco achegámonos a un piñeiral onde o carreiro que traemos convértese en pita. Axiña, logo dun quebro á dereita, atoparemos as sinais do PRC – BU – 190, Sendero de los Hortelanos, que baixa en busca do desfiladeiro de La Hoz. Estamos chegando a un dos puntos máis espectaculares da ruta, o estreito paso das Canalejas de Tesla. Unha fermosa garganta corta as verticais paredes permitíndonos atravesar o que parece un inexpugnable lugar acompañado polo rego de San Pedro.

    Seguindo o camiño chegamos ao tranquilo lugar de Arroyo de Valdivieso. Unha pista pola nosa dereita enfíanos cara a Quecedo. A medio camiño e tendo á nosa dereita a xa coñecida Peña de San Martín, atopamos un ramal de pista que vai cara ao farallón. Seguimos por ela atravesando a muralla rochosa e logo, na outra vertente, achegámonos á parede para atopar un camiño que sobe pegado a ela ata o máxico lugar onde se abren as Cuevas de los Moros. Queceda queda preto, desandamos o acceso ata a base do rochedo e polo norte bordeando as penas achegámonos por un cómodo carreiro a granxa que vimos ao comezo da ruta onde pechamos este magnífico itinerario.