180519 Fragas de Ribeira e Lostegal

 Fragas de Ribeira e Lostegal

                                                                         Enlaces a:  wikiloc  /  fotos  /  pdf castelán

SITUACIÓN: As Pontes (A Coruña)

PUNTO DE PARTIDA: Polideportivo do Poboado do Barreiro (340 m)

ACCESO: As Pontes está situado na estrada que vai de Vilalba a Ferrol. Tamén na autoestrada AG – 54 que, indo de Vilalba abandonaremos na saída 36 para cruzar o polígono industrial ata a central eléctrica. Logo, na rotonda collemos a primeira saída para internarnos polas rúas do lugar ata o polideportivo.

HORARIO: 5/6 horas DESNIVEL: 650 m DISTANCIA: 19 km

DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Circular MAPA: I.G.N. – 23 – I

COTA MÍNIMA: Polideportivo (340 m) COTA MÁXIMA: Alto da Fraga (670 m)

SINOPSE: Este percorrido sitúase nun dos mellores espazos naturais da provincia de A Coruña a cabalo entre o LIC da Serra do Xistral e o Parque Natural das Fragas do Eume.


DESCRICIÓN DA RUTA: Esta camiñada parte do polideportivo seguindo a canle do río Eume pola seu lado dereito. Logo chegamos ao muíño da Ribeira, camiñando por un tramo sen ningunha dificultade que ao pasalo, incorporámonos á estrada asfaltada que vai ao encoro de Ribeira. A estrada comeza a gañar altura e xa, moi preto da presa collemos un atallo que nos leva ao propio muro da presa. Este tramo tamén podemos facelo no autobús e aforrar uns catro quilómetros de ida e volta.

Cruzamos a presa para, no outro lado, coller un carreiro que vai preto do encoro. Este de seguida se interna por zona arborada e cruza o rego do Inferno. O sendeiro fai tantas voltas como ten o encoro, ben sinalizado, chega a un cruce no lugar de Couce da Cabana onde collemos á esquerda camiñando por unha pista ata o rego de Malvis onde existe un muíño.

O sendeiro segue a liña do encoro, sempre preto del, ata o Chao do Habanero, lugar onde xira á dereita para seguir a canle do río Eume e os derradeiros metros do encoro. Pasamos xunto ao campamento de Vilarbó e pouco despois temos unha bifurcación na que seguimos polo ramal da esquerda, máis próximo ao río. Desta maneira entramos na fraga de Lostegal na que atravesamos o rego do mesmo nome. O camiño comeza a ascender pola fraga ata que chegamos a unha zona aberta desde a que damos vista ao campo de aeroxeneradores da Carballeira.

Temos un cruce de camiños onde seguimos de fronte cara ao lugar de A Meda, logo de dar unha volta, o camiño volve a cruzarse coa pista anterior no Alto da Fraga da Carballeira, punto máis alto deste recorrido.

A partir de aquí comeza a baixada na que tamén temos dúas opcións, ben ir ata a presa ou baixar ata o polideportivo.

Publicacións populares deste blog

260914 Madotz - Irañeta

190813 Circular Ibón de Acherito - Subida ao Mallo a Ralla