161217 Río Eo - Pena Millares

 Río Eo – Pena de Millares

Enlaces a:  Wikilok  /  fotos  /  pdf castelán

SITUACIÓN: Ribeira de Piquín (Lugo)

PUNTO DE PARTIDA: Área recreativa de Chao de Pousadoiro (185 m)

ACCESO: Desde a estrada N – 640, na Praza Maior de Meira, coller a LU – 571. O Chao de Pousadoiro dista uns 13 km de Meira.

HORARIO: 4/5 horas         DESNIVEL: 460 m                  DISTANCIA: 15 km

DIFICULTADE: Baixa       TIPO DE RUTA: Circular           MAPAS: I.G.N. – 48 – IV – 49 – II

COTA MÍNIMA: Chao de Pousadoiro (185 m)      COTA MÁXIMA: Pena de Millares (640 m)

SINOPSE: Esta rota transcorre integramente polo concello de Ribeira de Piquín, integrado na Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón.


DESCRICIÓN DA RUTA: Esta camiñada comeza na área recreativa do Chao de Pousadoiro. Cruzamos a ponte sobre o río Eo e na marxe dereita temos os muíños da Aceña de Barcia, logo seguimos pola marxe do río entre prados regadíos e as praderías do Carrizal de Barcia.

O camiño lévanos ata a ponte de San Xorxe onde temos a opción, desviándonos uns metros, de visitar a igrexa románica do mesmo nome construída no século XVIII na cal destacan os seus arcos románicos así como altar neoclásico.

Logo desta visita, un pouco máis abaixo, comezamos a escoitar o murmurio da auga sobrante da presa. Ao pé podemos observar os restos, en ruínas, da Aceña de Campos e tamén os restos da ponte. Axiña chegamos á área recreativa de A Retorta, a partir deste lugar comeza a subida.

Seguimos a camiñada ata a estrada onde, no Rego de Mestre temos a Aceña do Fidalgo, seguimos cara a Mestre ata desviarnos polo Camiño das Gardiñeiras que vai polo medio de prados e bosque de frondosas. Pasamos xunto a unha fonte e de fronte a Pena de Millares.

Seguimos o camiño ata a confluencia do Rego das Gardiñeiras con o Rego da Súa Pena, entrando no monte de Acebedo e Mestre onde comeza unha subida en zigzag por unha zona de repoboación de piñeiros na parte alta e frondosas nas bagoadas. Temos un pedregal, debaixo do cal podemos oír o son da auga, sempre dando vista, pola nosa dereita á Pena de Millares.

Chegamos ao miradoiro desde o que podemos ver unha gran parte do val do Eo así como a Serra de Pena Armada por un lado e a Serra de Meira polo outro.

Agora toca baixar cara á aldea de Sadrarín que conserva moitos hórreos e a súa capela de San Xoán Degolado. Entre monte de eucaliptos, piñeiros e bosques de frondosas imos baixando ata chegar á estrada que nos levará ao punto de inicio.

Publicacións populares deste blog

260914 Madotz - Irañeta

260916 Circular Midí d'Ossau