050420 Canón do Sil
Canón do Sil (Tramo encoro de San Pedro - Miradoiro das Gándaras)
Enlaces a wikiloc / fotos / pdf castelán
SITUACIÓN: Concellos de Ramuín e Parada do Sil (Ourense)
PUNTO DE PARTIDA: Encoro de San Pedro
ACCESO: Ó encoro de S. Pedro chégase pola estrada Monforte – Ourense, a altura de Os Peares, collemos o desvío que nos leva pola beira do río Sil.
HORARIO: De 5 a 6 h DESNIVEL: 400 m DISTANCIA: 18 km
DIFICULTADE: Media TIPO DE ROTA: Travesía
DESCRICIÓN DA ROTA: A rota proposta nesta ocasión e unha parte do Sendeiro Transourensán que parte das proximidades da desembocadura do río Sil no río Miño, preto de Os Peares, pasando xunto ó encoro de San Pedro para seguir a estrada asfaltada pola beira do río Sil en dirección a Santo Estevo, pasando pola Escola de Escalada do Sil, unhas penas na beira da estrada onde existen unhas vías de escalada equipadas polo Club Alpino Manzaneda.
Esta parte da rota, pola beira do río, transcorre sen desnivel, entre árbores de ribeira ata que chegamos a unha curva onde hai unha ponte sobre un regato. Aquí hai un cartel indicador e sen cruzar a ponte, comeza o sendeiro, e tamén a subida, a nosa dereita que nos vai levar cun excelente trazado e bo camiño ata o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. Esta subida pasa polo medio de numerosos soutos, e amósanos as primeiras vistas sobre o encoro.
Unha vez, en Santo Estevo, podemos contemplar o mosteiro e o seu inmellorable emprazamento, reconvertido actualmente en Parador de Turismo. O camiño segue pola estrada ata unha curva onde collemos un camiño que baixa a esquerda para atoparnos uns metros máis abaixo con estrada asfaltada, que seguimos outro pouco ata que logo o camiño sae a dereita paralelo a estrada e por riba dunha parede vainos levar de novo, máis adiante, a dita estrada que iremos cruzando en diversas ocasións.
Pasamos xunto a un refuxio e polas aldeas de Loureiro, Alberguería, Vilar de Cerreda e Cerreda sucesivamente. Nestes tramos, os soutos vanse sucedendo e intuímos o río Sil a nosa esquerda, o cal podemos observar se nos apartamos do camiño ata unhas penas a uns cantos metros do camiño, xusto antes de comezar a subida a Vilouxe.
Pasada esta aldea, podemos dicir que nos queda o tramo máis pendente de todo o percorrido. Deixamos Vilouxe polo camiño que se interna no val, cruzamos un regato e comeza a subida, pendente pero curta. Unha vez enriba, saímonos do camiño a esquerda para mirar o Sil encaixado dende unhas penas que fan un miradoiro natural.
Verdadeiramente fermoso.
Xa nos queda pouco, seguimos o camiño e mesmo antes da estrada o sendeiro vira a esquerda e lévanos ó miradoiro de As Gándaras, de recente construcción, onde podemos dar por rematada esta fermosa travesía.