031216 Revoqueira - Mon - Pesoz

 Enlaces a:  wikiloc  /  fotos  /  pdf castelán

SITUACIÓN: Concellos de San Martín de Oscos e Pesoz (Asturias)

ACCESO: A San Martín chégase pola estrada AS - 11 que sobe dende A Veiga ó Porto da Garganta. Logo aquí seguimos en dirección Vilanova de Oscos pola AS - 13 ata San Martín onde temos que coller a esquerda por unha pista local que nos vai levar a aldea de Revoqueira, onde comeza esta rota.

HORARIO: De 4 a 5 horas       DESNIVEL: 560 m de baixada e 150 m de subida.

DIFICULTADE: Baixa             DISTANCIA: 12 km                   TIPO DE ROTA: Travesía 

DESCRICIÓN DA ROTA: En Revoqueira comeza esta camiñada, paralela o río Ferreira pero bastante por riba del porque nesta parte o relevo do chan faino practicamente inaccesible. O camiño, primeiro pista, pasa a ser un sendeiro de cómodo andar, con fermosas vistas do río e as aldeas que temos enfronte. Vamos andando en dirección sur - leste, que será mais ou menos durante todo o percorrido, para chegar a aldea de Mon onde existen as ruínas dun vello pazo.

Seguimos o camiño que sae polo fondo desta aldea case deshabitada para tomar un sendeiro entre bosques de castiñeiros que nos vai seguir deleitando con fermosas vistas sobre do río e os cantís que o rodean. Atopamos unha cabana nun prado e unha especie de miradoiro, ao cal non está demais achegarnos, para botar unha ollada a paisaxe que temos nun amplo horizonte con o río Ahío despois de recibir as augas do Ferreira. Logo comezamos a baixada, bastante marcada en dirección ao mazo de Mon. Este fermoso paraxe xunto ao río, vese ensombrecido pola pésima reconstrución do mazo, con cuberta a base de chapas de “uralita” que o fan bastante desagradable. Aínda queda nesta antiga edificación os restos duns xeradores que daban electricidade as aldeas do entorno.

Dende este sitio, un camiño cruza o río por unha precaria ponte de madeira mais nós debemos volver polo mesmo sendeiro ata unha curva próxima. Aquí seguimos de fronte atravesando un tramo de monte bastante pechado, logo o sendeiro pasa a ser unha chan e cómoda pista a cal seguiremos un bo tramo.

Debemos ir pendentes porque mais adiante temos que abandonar a pista e baixar por un sendeiro case imperceptible que sae a nosa esquerda. Pasamos xunto a unhas casas abandonadas chamadas El Molino, o sendeiro e do mais fermoso neste tramo, rodeado de castiñeiros e árbores frondosas, fan agradable o noso camiñar. Máis adiante atopamos outro núcleo rural chamado Sequeiros e tamén abandonado para proseguir faldreando a Loma de Sequeiros e baixar o río Agüeira o cal temos que cruzar por unha ponte de formigón.

Dende esta ponte, todo o andar que nos queda e costa arriba pero xa queda moi pouca distancia para acadar as primeiras casas de Pesoz.

Publicacións populares deste blog

NOVAS

260914 Madotz - Irañeta

260916 Circular Midí d'Ossau