030216 Rota do Lor (Folgoso - Seoane)

Enlaces a:  wikiloc  /  fotos  /  pdf castelán

SITUACIÓN: Folgoso do Courel - Lugo

PUNTO DE PARTIDA: Fologoso

ACCESO: Dende a estrada A – 6, no Porto de Pedrafita, collemos a estrada que vai a Sarria polo Cebreiro ata preto de Hospital onde temos que coller a esquerda en dirección a Fologoso do Courel e Quiroga.

HORARIO: De 4 a 5 horas                 DIFICULDADE: Baixa

DISTANCIA: 12 km                            TIPO DE ROTA: Travesía

DESCRICIÓN DA ROTA: O primeiro tramo parte de Folgoso para baixar cara ao río Lor por cómoda pista. Despois de pasar dúas revoltas temos que deixar a pista e coller a dereita por un sendeiro que no primeiro tramo presenta as dificultades mais grandes desta rota e no que temos que prestar maior atención.

Esta dificultade preséntase ao estar o sendeiro en moi mal estado e pola pendente da costa da ladeira que temos que atravesar. (En caso de neve sería aconsellable unha variante da primeira parte da rota polo perigo engadido dun posible esvarón con consecuencias cando menos desagradables). Superado este primeiro tramo, por monte baixo de uces e carqueixas, adentrámonos no bosque, sempre por riba do río que vamos levando a nosa esquerda durante todo o percorrido.

Vamos pasando varios regatos e unha cabana abandonada. O camiño agora e de fácil e entretido andar polo medio do bosque espido nesta época do ano. Despois de hora e media de camiñar, alcanzamos a estrada asfaltada, a que debemos seguir uns metros ata a primeira curva a altura de Ferreirós de Abaixo, onde cruzamos o Rego da Veiga e collemos a dereita para, ao momento, virar de novo a esquerda e subir por un camiño de cemento que se vai alongando do rego, onde hai varias casas.

Recorrido opcional: Dende Ferreirós de Abaixo os mais andadores poden achegarse ata Ferreirós de Arriba distante dous quilómetros, para logo desandar o andado e proseguir o camiño cara a Seoane.

Pasada a última casa o camiño perde o cemento e convértese en sendeiro. Vamos subindo pola faldra oeste do Teso da Louseira paralelos ao Lor aló no fondo e pasando fermosos soutos de castiñeiros.

Podemos ver as aldeas de Mercurín e Sobredo. A cinco quilómetros está Ferrería Vella, no fondo asentada sobre o río mais grande do Courel. Continuamos por soutos e vales por pasos de algunha rocha calcaria onde temos aciñeiras e madroñas ata o souto de Ferrería Nova, mesmo debaixo de Seoane.

Nesta aldea, onde nos espera o autocar, temos o resto dunha ferrería restaurada con un espectacular banzado.

Na parte baixa de Seoane aínda se conservan algunhas casas típicas, que e o mais interesante desta localidade.

Publicacións populares deste blog

NOVAS

260914 Madotz - Irañeta

260916 Circular Midí d'Ossau