250418 Pasarelas do rio Vez – Brandas de Sistelo

                                    Pasarelas do rio Vez – Brandas de Sistelo

                                                                       Enlaces a: wikiloc   -   fotos   -   pdf castelán

SITUACIÓN: Sistelo (Arcos de Valdevez)

PUNTO DE PARTIDA: Sobreira (150 m)

ACCESO: Desde Ponte da Barca pola estrada N – 202

HORARIO: 6 h                    DESNIVEL: 700 m de subidas / 600 m de baixadas

DISTANCIA: 15 km             DIFICULTADE: Media         TIPO DE RUTA: Circular - Travesía

COTA MÍNIMA: Ponte de Cabreiro (120 m)   COTA MÁXIMA: Branda do Río Covo (800 m)

MAPA: Parque Nacional Peneda – Gerês (Adventure Maps) Escala: 1:50.000

Viana do Castelo / 8 - Cabreiro (Arcos de Valdevez) Escala: 1:25.000

Centro de Informaçao Geoespacial do Exército

SINOPSE: Unha das rutas máis coñecidas desta zona son as pasarelas de Sistelo. O camiño, fermoso e moi ben integrado no medio, posúe moitos metros de pasarelas que seguen a canle do río Vez onde podemos ver pequenas fervenzas nun entorno verdadeiramente fermoso. En caso de choiva debemos ter precaución pois o chan é esvaradío.

    O Trilho das Brandas de Sistelo, unha pequena ruta a pé (PR), sinalizada segundo os estándares internacionais, sitúase na beira da Serra da Peneda, precisamente na aldea de montaña de Sistelo, o pequeno Tibet portugués. O paseo comeza a carón dun curioso edificio coñecido comunmente como Castelo de Sistelo, residencia do primeiro e único Vizconde de Sistelo, un comerciante local que fixo fortuna en Brasil, dende onde continuamos entre as casas rústicas e os típicos hórreos, por un camiño que nos levará, nunha subida en serpentina, a fermosas paisaxes.

    Nesta ocasión mesturamos dúas rutas de moi diferentes, unha pola beira do río Vez, fermosa pero con vistas curtas, e a continuación outra que nos empoleira pola montaña ofrecendo unhas panorámicas de conto.

DESCRICIÓN DA RUTA: Esta camiñada parte do lugar de Sobreira (Cabreiro) na estrada que vai a Sistelo. Nesta bifurcación temos que coller á esquerda seguindo as indicacións da Ecovía polo que temos que camiñar por pista asfaltada 400 m. ata atravesar o río Vez por unha ponte, logo da cal comezan as pasarelas que seguiremos río arriba pola nosa dereita.

    A pasarela baixa paralela á estrada uns metros xirando á esquerda de seguida para seguir a cunca do río Vez. Sen perda posible seguimos estas pasarelas onde atoparemos moitos sitios para facer fotos. Cando levamos uns cinco quilómetros de andaina, aparece á nosa dereita unha pequena presa que se usa como zona de baño no verán. Atravesando por riba do muro, tamén subiríamos a Sistelo pero iso depende do caudal do río. O mellor é seguir pola mesma marxe ata unha ponte situada cincocentos metros máis arriba, pola que cruzamos o río e subimos un tramo de catrocentos metros para entrar en Sistelo xunto a unha praciña cun cruceiro.

    Desde este lugar, onde hai carteis que sinalan diferentes rutas, seguimos o Trilho das Brandas, aínda que é común con os outros en varias zonas. Imos en dirección á igrexa pasando xunto á fonte e un conxunto de espiqueiros. Un pouco despois aparece o castelo e a igrexa onde collemos un carreiro que en forte descenso por escaleiras baixa ata o río Vez que atravesamos pola ponte metálica Visconde de Sistelo que dá a unha área recreativa. Seguimos as indicacións por un camiño empedrado que de novo nos leva a atravesar o río pola ponte de Sistelo.

    A partir da ponte comeza unha longa subida. Chegamos á estrada, que atravesamos para seguir subindo por terreos de socalcos que nos van levar ata Padrâo. Pasamos xunto á capela de San Antonio para xirar ao sur e subir ata a estrada asfaltada onde collemos á esquerda uns metros para de seguida subir por un camiño que nos aparece pola dereita.

    Aquí comeza o camiño das brandas ou brañas sendo a primeira que atopamos a Branda do Alhal e máis adiante a Branda do río Covo. Logo desta última, o camiño xira en dirección oeste comezando unha longa baixada cara a Sistelo onde atravesamos en dúas ocasións a estrada asfaltada de Padrâo.

    O Trilho das Brandas pódese facer en dirección contraria, así teremos de fronte unhas boas vistas por riba da aldea de Padrâo.

Publicacións populares deste blog

190813 Circular Ibón de Acherito - Subida ao Mallo a Ralla

080320 Trilho dos Moinhos de Parada