250417 De Lindoso a Paradamonte
De Lindoso a Paradamonte
Enlaces a: wikiloc - fotos - pdf castelán
SITUACIÓN: Freguesías de Lindoso, Parada, Cidadelhe e Britelo (Ponte da Barca) Portugal
PUNTO DE PARTIDA: Lindoso (440 m)
ACCESO: Desde a A – 52 en Ourense, coller a AG – 31 que remata no sur de Celanova. Logo seguir pola OU – 540 ata a fronteira con Portugal. Logo seguir pola N – 203.
HORARIO: 4 h DESNIVEL: + 330 m / - 530 DISTANCIA: 13 km
DIFICULTADE: Baixa TIPO DE RUTA: Travesía
COTA MÍNIMA: Paradamonte (225 m) COTA MÁXIMA: Saída de Lindoso (506 m)
MAPAS: Parque Nacional da Peneda – Gerês (Adventure Maps) Escala: 1:50.000
Viana do Castelo / 17 - Lindoso (Ponte da Barca) Escala: 1:25.000
Centro de Informaçao Geoespacial do Exército
SINOPSE: Esta camiñada segue en sentido contrario ao GR – 50 Peneda – Gerês. Destaca a poboación de Lindoso debido a súa importancia histórica e monumental con o núcleo constituído por o castelo medieval, cruceiro, eira comunitaria e o conxunto de 67 cabazos ou espigueiros. Tampouco debemos deixar de apreciar a típica arquitectura e as súas rúas.
DESCRICIÓN DA RUTA: Esta camiñada parte da estrada N - 203 – 1 enfronte ao café Vilarinho pola pista que sobe ao núcleo urbano ou collendo o primeiro ramal que aparece pola dereita. Calquera das dúas opcións debe levarnos xunto ao castelo e os espigueiros catalogados como Monumento Histórico, de obrigada visita.
Logo da visita ao castelo e ao conxunto de espigueiros buscamos unha pequena praza cun cruceiro desde a que seguimos o camiño dando as costas ao castelo e espigueiros para dirixirnos cara á igrexa de Lindoso. Deixamos a igrexa á nosa esquerda entrando no núcleo superior de Lindoso, pasando máis adiante xunto á fonte da Lamela (450 m) para saír do núcleo urbano. Logo dunha pequena subida, desde o camiño temos unha boa panorámica de Lindoso con o castelo e os espigueiros, sendo este o punto máis alto do percorrido (506 m).
Comezamos a baixar para cruzar o rego de Parada de Lindoso e entrar na poboación de Parada. Á entrada temos unha fonte e a eira da Portela da Leija (382 m) onde podemos ver outro conxunto de espigueiros. Aquí xiramos á esquerda para seguir pola rúa central desta poboación onde pasamos xunto á Tasquinha das Delicias e as Casas do Tribunal e a Priçao do antigo concello de Lindoso.
Xa saíndo do lugar temos a fonte e lavadoiro da Eira de Tapado e un novo conxunto de 21 espigueiros logo dos cales deixamos esta poboación. O camiño agora vai en dirección sur para atravesar o rego pola Pontella do río da Ponte logo da cal xiramos en dirección norte pasando xunto á pequena fervenza do Poço da Gola.
O camiño xira ao oeste en suave pendente ata a cota de 463 m logo da cal baixa cruzando un rego por unha ponte ata a parte superior de Cidadelhe. Seguimos en dirección oeste para entroncar coa estrada que vai a Mosteirô onde collemos á esquerda para seguir un tramo por ela. Á nosa dereita aparece unha finca de viñedos e a capela de Nossa Senhora da Penha xunto a unha área recreativa con fermosas vistas. Un pouco máis adiante temos un cruceiro no medio dunha explanada, seguimos de fronte, á nosa esquerda, queda o cemiterio logo do cal, abandonamos a pista collendo pola dereita o camiño sinalizado en dirección a Soajo.
Pasamos o rego no lugar da Poça de Mosteirô e unha zona con eucaliptos en dirección suroeste ata que o camiño xira á dereita para baixar a Paradamonte. O camiño deixa á esquerda a represa para chegar á N – 203 xusto enfronte ao café Pires.
Penedo do Encanto (engadir 4 km )
O Penedo do Encanto que contén unha serie de petróglifos datados da Idade de Bronce, testemuña da presenza da humanidade en tempos antigos situado nunha fermosa carballeira.
Logo de saír de Parada e pasar xunto aos espigueiros, antes da Pontella temos unha desviación á esquerda que nos leva ao Penedo do Encanto. O camiño en tramos fermoso e empedrado achéganos ao Penedo do Encanto logo de desviarnos un tramo pequeno do camiño. De novo volvemos ao camiño para seguir xunto ao rego que cruzamos por unha ponte de pedra o Ribeiro das Mulas.
O camiño segue ata unha bifurcación con a ruta dos Moinhos de Parada onde xiramos á esquerda pasando xunta as ruínas dun muíño. Atravesamos o rego por unha pontella para camiñar agora por terreo descampado. Camiñamos subindo levemente ata a Ribeira do Pozo do Inferno e comezamos a baixar ata entroncar coa ruta anterior.