240831 Alquézar - Asque - Colungo - Alquézar
Alquézar – Asque – Colungo – Alquézar
Enlaces a: Wikiloc - fotos - pdf castelán
SITUACIÓN: Comarca do Somontano de Barbastro (Huesca)
PUNTO DE PARTIDA: Alquézar (640 m)
ACCESO: Desde Sabiñánigo pola autoestrada A – 23 ata Huesca e logo pola N – 240 un tramo para coller a autoestrada Huesca – Lleida A – 22 ata a saída 77 onde collemos a A – 1229 ata Adahuesca desde onde seguimos pola A – 1233 e pola HU – 352 ata Alquézar.
HORARIO: 6 h DESNIVEL: 750 m DISTANCIA: 17 km
DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Circular + tramo de 4 km de ida e volta
COTA MÍNIMA: Ponte Fuendebaños (475 m) COTA MÁXIMA: Balsas de Basacol (820 m)
MAPAS: I.G.N. – 249 – IV – 287 – II
SINOPSE: A vila de Alquézar está declarada Conxunto Histórico Artístico. O seu trazado e de orixe medieval aínda que, a maior parte da vila foi restaurada a partir do século XVI. As súas casas están construídas cos materiais propios do terreo, pedra, ladrillo e tapias. A praza maior posúe pórticos con arcos de medio punto e outros adintelados. Ademais desta vila podemos ver a ermida de San Gregorio, vistas ao barranco do Vero, a Ponte de Villacantal, a localidade de Asque, a Ponte do Demo e a Ponte Fuendebaños.
DESCRICIÓN DA RUTA: Á entrada da poboación de Alquézar existen varios aparcadoiros desde os cales podemos comezar esta andaina. Camiñamos en suave baixada pasando a carón da escola refuxio de Alquézar. Saímos con rumbo norte da poboación para de seguida xirar á esquerda pasando xunto a unha balsa de auga. O camiño agora cara ao oeste transita con vistas a Alquézar e axiña chegamos a un cruce onde pola dereita temos a igrexa de San Gregorio. Seguimos de fronte pola ampla pista ata unha intersección na que collemos á dereita rumbo as Balsas de Basacol e Asque.
Comeza unha curta subida que atravesa o barranco de Poyuela por unha ponte de pedra para chegar as Balsas de Basacol, punto máis alto deste percorrido (820 m) onde hai unha área recreativa. Seguimos o camiño, agora en baixada, en dirección sur leste por camiño con boas vistas dos barrancos. Pasamos unha bifurcación que vai a Alquezar para seguir pola esquerda ata a ponte románica sobre o río Vero de Villacantal (514 m) desde a que comezamos a subir polo barranco de Lumos ata unha bifurcación que vai a Lecina e Cueva del Trucho. Seguimos polo amplo camiño da dereita que sobe pasando xunto a unha área recreativa primeiro e logo polo cruce que vai ao abrigo de Regacens.
Camiñamos en suave descenso ata a poboación de Asque na que entramos pola parte norte ata o bar Centro Social. Desde aquí sae o camiño a Colungo de catro quilómetros ida e volta. Collemos á esquerda deixando o bar á nosa dereita para pasar xunto a unha fonte con lavadoiro. O camiño baixa cruzando o barranco de Malpaso pola Ponte do Demo (530 m) e sobe ata Colungo (600 m). Logo dunha parada, volvemos polo mesmo camiño entrando en Asque xunto ao Centro Social pero agora xiramos á esquerda en dirección á igrexa de Santa Columba.
Agora camiñamos en dirección suroeste ata un miradoiro natural logo do cal comeza a baixada ata a ponte Fuendebaños (475 m) tamén sobre o río Vero desde a que comeza a subida que en dous quilómetros nos situará de novo en Alquézar.