240826 O Camiño dos Frades
O Camiño dos Frades
Enlaces a: Wikiloc - fotos - pdf castelán
SITUACIÓN: Agurain (Álava)
PUNTO DE PARTIDA: Egileor (670 m)
ACCESO: Dende a autoestrada A - 1, coller a saída 379 en dirección Agurain – Opakua. Seguir pola A – 2128 e logo pola A – 4112 e pola A – 4141 ata a primeira casa de Egileor.
HORARIO: 3 h DESNIVEL: 450 m DISTANCIA: 9,7 km
DIFICULTADE: Baixa TIPO DE RUTA: Ida e volta - circular
COTA MÍNIMA: Egileor (670 m) COTA MÁXIMA: Larredez (1.100 m)
MAPA: I.G.N. – 139 – I
SINOPSE: O nome do Camiño dos Frades, parece ser que era usado polos frades Claretianos de Agurain camiño do cume Larre Eder na serra de Iturrieta.
As mans de Aitor Gorospe veciño de Agurain, modelou distintas figuras mitolóxicas e seres do bosque, que balisman o carreiro que une o pobo de Egileor con o porto de Alangua nos estribamentos da Serra de Iturrieta.
DESCRICIÓN DA RUTA: Na mesma entrada de Egileor, no cruce xunto á primeira casa sae unha pista de grava á man esquerda que vai directamente á serra.
Logo de camiñar por ela un quilómetro, que será o mesmo camiño que faremos á volta; chegamos a un cruce sinalizado como Larre Eder – Senda dos Frades. Deixamos a pista para coller un camiño pola esquerda que nos leva ao bosque. Logo dun tramo practicamente chan, abandonamos este camiño e pola dereita gañamos altura xunto a un barranco onde uns ollos que nos vixían desde unha árbore dannos a benvida a este máxico bosque.
Axiña, pola dereita, atopamos o desvío á cova de Lezao, logo de camiñar 2,3 km, a cal visitamos por un camiño de ida e volta onde atoparemos con algún ser do bosque. De volta no anterior desvío, seguimos subindo tendo que atravesar o paso aberto na rocha de Peña Hueca, gardado por unha bruxa que ten como mascota unha víbora. Faremos soar a choca no interior do paso para escorrentala.
Gravadas na rocha atoparemos unhas cruces como as que deixan marcadas os peregrinos de tempos históricos. Noutro recuncho do carreiro atoparemos a Tartalo. o ciclope que ten unha ola lista para cociñar e comer a quen moleste aos seres do bosque.
Corvos, mouchos, e todo tipo de personaxes sáennos ao camiño antes de topar con Basajuan, outro dos gardiáns destas montañas. Ten varias caveiras a modo de trofeos. Segundo nos achegamos ao remate do camiño, e superado o seco manancial de Arbaras un dragón coida da saída deste bosque máxico.
Así chegamos ao alto do cordal da Serra de Iturrieta, despois de 4,5 km de andaina no porto de Alangua (1.080 m) onde xiramos á dereita para coroar Larredez ou Larre Edez, antes coñecido como Atxuri (1.100 m).