190616 Pico Bodón

 Pico Bodón

                                                                          Enlaces a:  wikiloc  -  fotos  -  pdf castelán

SITUACIÓN: Valdelugueros (León)

PUNTO DE PARTIDA: Valdeteja (1.220 m)

ACCESO: Desde Boñar pola CL – 626 ata Valdecilla de Curueño, aquí cóllese a LE – 321 ata o cruce que vai a Valdeteja

HORARIO: 5/6 horas                              DESNIVEL: 850 m                             DISTANCIA: 11 km

DIFICULTADE: Media                             TIPO DE RUTA: Travesía

COTA MÍNIMA: Valdeteja (1.220 m)      COTA MÁXIMA: Pico Bodón (1.957 m)

MAPA: I.G.N. – 104 – I

SINOPSE: O Bodón quizais sexa un dos picos máis fermosos desta zona da montaña leonesa ou un dos máis carismáticos. Con 1957 m de altura, o pico Bodón érguese sobre a veiga de Tolibia de Abaixo, sobre os bosques de Llamazares e por riba das costas de Valverde de Curueño e Valdeteja.

ADVERTENCIA: Temos que ter en conta que para subir e baixar este cume debemos facer uso das mans en varias ocasións polo que non é aconsellable para as persoas que non teñan acostumadas a este tipo de terreos.

DESCRICIÓN DA RUTA: Nesta ocasión saímos de Valdeteja por estrada asfaltada cara a Valverde de Curueño, camiñando uns 300 m por ela, ata que aparece unha pista pola nosa dereita. Seguimos por esta pista uns 500 m, atravesando o rego Valdeteja, para abandonala en plena Vega del Rincón.

    Imos subindo entre a Sierra del Castro e o Cueto de la Pila sempre e dirección norte camiñando agora pola Vallina Carbajal que nos da un resollo antes de comezar a derradeira subida antes do cume. Neste tramo temos que extremar as precaucións e facer uso das mans dada a inclinación das abas do Bodón (1957 m) neste lugar. Así chegamos a un cimbro no cal xiramos á dereita para encarar a subida final, unha curta pendente pola cara sur e xa estamos enriba.

    Desde o cume, as vistas son sinxelamente inconmensurables, abarcando practicamente toda a cordilleira e os Picos de Europa. Polo sur temos o val de Valdeteja e ao outro lado Peña Valdorria e o sector da Peña el Sumidero e Sancenas, máis ao lonxe as chairas leonesas. Cara ao poñente temos o cordal que vai ata o outro Bodón, o de Cármenes. Ao fondo Lugueros e Tolibia de Abaixo aparecen como aldeas de xoguete.

    Baixamos ao cimbro anterior para proseguir a camiñada en dirección oeste. Pasamos xunto a La Cuevona, unha gran cova natural onde os pastores resgardaban os seus rabaños, temos un continuo sube e baixa desprazándonos a un ou outro lado do cimbro segundo conveña por carreiro ben marcado e sen ningún perigo, sempre e cando non aia neve. Pasamos polo Collado Valverde seguindo na mesma dirección ata o Cueto Cabañas (1904 m) desde o cal tamén temos boas vistas.

    Desde este derradeiro pico podemos baixar á Collada de Valdeteja, xa na estrada asfaltada ou ben a Valverde de Curueño.

Publicacións populares deste blog

190813 Circular Ibón de Acherito - Subida ao Mallo a Ralla

260914 Madotz - Irañeta