240921 Fragas de San Xoán de Río e Pena Folenche

 Fragas de San Xoán de Río e Pena Folenche

                                                                               Enlaces a:  wikiloc  /  fotos  /  pdf castelán 

SITUACIÓN: Concellos de San Xoán de Río e A Pobra de Trives (Ourense)

PUNTO DE PARTIDA: San Xoán de Río (880m)

ACCESO: Desde Ribas de Sil pola estrada LU - P - 5301

HORARIO: 4/5 h                      DESNIVEIS: 350 m subindo /465 m baixando

DISTANCIA: 14 km                 DIFICULTADE: Media ;TIPO DE RUTA: Travesía

COTA MÍNIMA: Ponte Navea (670 m)                     COTA MÁXIMA: S. Xoán de Río (880 m)

MAPA: I.G.N. – 189 – IV

SINOPSE: Algúns castiñeiros que veremos no camiño son xa centenarios, un patrimonio natural digno de admirar e conservar para xeracións futuras. As castañas ocupaban na gastronomía galega o lugar que hoxe lle corresponde as patacas chegada de América fai menos tempo da idade dos castiñeiros máis singulares.

Aínda que non é tan apreciada como antano, a castaña é un eixe puxante da industria artesanal, sobre todo en zonas do interior de Galicia como é esta.


DESCRICIÓN DA RUTA: Esta camiñada comeza no centro de San Xoán de Río, collendo a rúa que baixa á Fondo de Vila. Aquí temos un cruce onde un poste indica Ruta da Fraga. Seguimos esa indicación cruzando A Alenza e camiñando pola pista sen coller ningún ramal ata que levamos un quilómetro e medio. Neste punto xiramos á dereita para baixar cara ao rego Lentellas (680 m).

A partir de aquí comeza a subida pola fraga de Domecelle entre carballos e vellos castiñeiros. Temos o miradoiro da Fraga de Domecelle (720 m) chegando a Leiras Longas (820 m).

A partir de aquí comeza a baixada na que a aldea de Mouruás queda á nosa dereita e máis adiante pasamos polo souto de vellos castiñeiros de As Sacedas e acadando a estrada xeral, na que xiramos á esquerda para camiñar uns metros por ela, abandonándoa de seguida no Miradoiro de Ponte Navea.

Cruzamos o río Navea pola antiga ponte medieval e camiñamos por diante da deshabitada aldea de Ponte Navea onde aínda podemos ver a ermida da Encarnación.

Agora comeza a subida ata o lugar de Marxas onde entroncamos con o sendeiro de pequeno percorrido de Os Sequeiros, lugar que aparece un pouco máis adiante, con construcións que servían para o secado das castañas, encravado nun fermoso souto con antiquísimos castiñeiros.

O camiño segue xirando amplamente á dereita para entrar en Pena Folenche (870 m) onde existe un espectacular miradoiro.

A partir de aquí, a camiñada é por estradas asfaltadas ata A Pobra de Trives (745 m) distante uns tres quilómetros e medio.



OPCIÓN LONGA

Esta opción engade á ruta uns dous quilómetros de percorrido.

Cando a pista xira á dereita cara a Pena Folenche, temos a opción de seguir de fronte por un camiño que nos achega á estrada que temos que cruzar para visitar o fermoso miradoiro das Penas de Rome feito de ferro e vidro, situado a uns cincuenta metros da estrada.

De volta, camiñamos un treito pola estrada en dirección á Pobra de Trives, ata a cerca dun almacén de madeiras. Aquí collemos o camiño que sobe xunto á cerrume tendo unha primeira bifurcación na que collemos pola dereita. Pasamos por debaixo da liña eléctrica e chegamos a outra bifurcación onde tamén seguimos pola dereita. Imos subindo polo bosque ata a seguinte bifurcación onde agora collemos á esquerda primeiro e logo a dereita para entrar en Pena Folenche. Logo da obrigada visita ao miradoiro seguimos cara á Pobra seguindo o percorrido da ruta curta.