240217 Faial de Tronisco
Faial de Tronisco
Enlaces a: wikiloc - fotos - pdf castelán
SITUACIÓN: Lillo (León)
PUNTO DE PARTIDA: Cofiñal (1.178 m)
ACCESO: Desde o porto de San Isidro pola LE – 331 ata Puebla de Lillo. Alí coller a LE – 333 que vai ao porto de Las Señales e porto de Tarna.
HORARIO: 4/5 horas DESNIVEL: 420 m DISTANCIA: 11 km
DIFICULTADE: Baixa TIPO DE RUTA: Circular MAPA: I.G.N. – 79 – IV
COTA MÍNIMA: Cofiñal (1.178 m) COTA MÁXIMA: Refuxio (1.568 m)
SINOPSE: Sinxelo e fermoso percorrido circular no que coñeceremos o faial de Tronisco, un bosque espectacular do Parque Regional da Montaña de Riaño e Mampodre con moi boas vistas e a fervenza de Los Forfogones como remate desta camiñada.
DESCRICIÓN DA RUTA: A ruta comeza na área recreativa de Cofiñal onde hai un cartel informativo e unha fonte, camiñando pola estrada en dirección ao porto de Las Señales uns cincocentos metros. Aquí aparece unha pista á nosa dereita pola que comezamos a subida cara ao faial de Tronisco.
A pista non ten ningunha complicación, pasamos xunto a unha fonte (1.270 m) desde a que, mirando cara atrás podemos ver o val formado polo río Porma. Logo dun quilómetro de subida, cambiamos o rumbo norte que traíamos para xirar cara ao leste e comezar o primeiro tramo do fermoso faial de Tronisco. O camiño segue a ser ancho e cómodo polo que seguimos gañando altura deixando atrás un desvío e a fonte Canalina (1.400 m). Pouco despois aparece outra intersección na que nos desviamos polo ramal da esquerda que baixa lixeiramente cara ao rego Tronisco.
Aquí saímos do bosque (1.380 m) e temos outra bifurcación, onde collemos á dereita e un pouco máis adiante noutro cruce, seguimos de fronte para de seguida comezar a forte subida polos prados de Tronisco. Máis arriba cruzamos o rego de Tronisco e logo outro rego máis ata acadar, despois de pasar unha zona de escobas, o punto máis alto deste percorrido onde existe unha caseta refuxio (1.568 m).
Neste punto, pola dereita segue o camiño cara ao Collado de Tronisco e as lagoas. Nosoutros xiramos á esquerda, cara ao oeste, para internarnos no faial de Tronisco, que temos de fronte.
Camiñamos en suave baixada, agora pola outra ladeira volvendo a gozar dun fermoso monte. O camiño, fácil de andar e de seguir baixa pasando xunto a unha caseta miradoiro (1.413 m) á que podemos achegarnos para gozar dunhas fermosas vistas do val e das montañas próximas como é a Peña San Justo.
A baixadas segue cara ao rego de Tronisco, deixando un camiño que aparece á nosa esquerda, entrando de novo no derradeiro tramo do faial. Saímos do faial para facer a última parte da baixada, pola pista que non ten ningunha complicación rematando a baixada na estrada que deixamos antes pola que camiñamos uns douscentos metros en dirección norte para visitar a fervenza de Los Forfogones no río Porma.
O desvío á fervenza está perfectamente sinalizado, xiramos á esquerda e logo dunha forte e curta baixada aparece a fervenza en todo o seu esplendor. Cruzamos por unha ponte de madeira e subimos ao carreiro que hai polo outro lado, carreiro que comunica o val de Pinzón con o val de Entrevados. Seguimos en dirección a Cofiñal e enseguida atopamos outro carreiro que vai a outra fermosa fervenza nun tramo de ida e volta.
De volta á ruta principal seguimos camiñando cara a Cofiñal tendo que atravesar o río por outra ponte. Seguimos paralelos á estrada para chegar ao lugar do comezo desta fermosa camiñada.
Pico do Lago (2.009 m) desde o refuxio de Tronisco
Distancia: 6,2 km Desnivel: 440 m
Tipo de ruta: Circular Horario: 3 h
Para subir ao pico do Lago, temos que coller un camiño que sae pola parte superior do refuxio en dirección oeste ata o cordal do Piñeiral de Lillo (1.700 m). Una vez chegado ao cordal, temos que xirar á dereita, dirección leste, seguindo a liña cimeira ata o pico do Lago.
Una vez enriba, temos inmellorables vistas do macizo do Mampodre, Peña Ten e Pileñes, Pico San Justo e Susarón e tamén os Picos de Europa.
Comezamos a baixada pola cara sur con vistas aos Mampodre, o primeiro tramo con forte pendente, que se vai suavizando segundo imos perdendo altura. Así chegamos aos lagos de Tronisco (1.770 m) o maior deles de considerables dimensións.
Deixamos o lago máis grande á nosa dereita situado debaixo da crista pola que subimos ao pico do Lago. Un pouco máis adiante empalmamos cun camiño no que collemos á dereita, dirección oeste, polo que seguimos ata o refuxio onde comezamos a subida ao pico do Lago.
A partir de aquí seguiremos as indicacións do texto do faial de Tronisco.