180617 Alto da Cabrita - Teixedal de Casaio
Alto da Cabrita – Teixedal - Casaio
Enlace a : wikiloc / fotos / pdf castelán
SITUACIÓN: Carballeda de Valdeorras (Ourense)
PUNTO DE PARTIDA: Base da Cabrita (1.710 m)
ACCESO: : Ao porto de Fonte da Cova pódese chegar desde O Barco pola OU-122, pasando por A Medua e Casaio.
HORARIO: 5–6 horas DESNIVÉIS: 600 m subindo / 1 200 m baixando DIFICULTADE: Media
DISTANCIA: 19,5 km MAPA: I.G.N.-229 – I TIPO DE RUTA: Travesía
COTA MÍNIMA: Río Valvorraz (815 m) COTA MÁXIMA: Alto da Cabrita (1.710 m)
SINOPSE: A Teixeira de Casaio ten o redor de 440 teixos, a maioría centenarios que conviven con outras especies como acivros, avelaneiras, capudres e freixos. Destaca por ser un dos poucos bosques naturais de teixos existentes en Europa, xa que esta árbore soe medrar illada. É unha zona de difícil acceso que forma parte da Zona de Especial Protección de Pena Trevinca.
DESCRICIÓN DA RUTA: Comezamos a camiñada atravesando a canteira en continuo ascenso ata o Alto da Cabrita (1.710 m), punto dese o que podemos contemplar o Macizo de Pena Trevinca. Abandonamos o sendeiro que vai a Pena Trevinca xirando á nosa dereita onde hai unha sinal ó Teixedal. Comezamos a baixada polo lombo da montaña vendo á nosa dereita os restos da mina de Valvorraz. A baixada cada vez é máis pronunciada, discorrendo entre matueiro baixo. Aparece un panel con a sinalización do Teixedal tendo que fixarnos a partir de aquí nos poucos postes de madeira que aparecen. O camiño vai facendo zigzags para salvar a pendente volvéndose o terreo pedregoso. Temos que fixarnos porque hai tramos onde desaparece o carreiro ata que atopamos un sendeiro á nosa dereita que é o que seguiremos á volta.
Agora seguimos cara á esquerda en dirección ao Teixedal, aparecendo aos poucos metros os primeiros indicios do bosque con os primeiros teixos. Cruzamos o rego de Valellos seguindo o carreiro entre carballos, acivros e teixos ata cruzar o rego do Penedo que atravesa o bosque verticalmente. Ao outro lado do rego, entramos de cheo no teixedal atopando os primeiros exemplares centenarios. Seguimos camiñando pola penumbra do bosque, case sen carreiro, entre unha maraña de teixos cada vez máis mestos. Atopamos unha cabana de pedra, antigo refuxio dos maquis durante a Guerra Civil, e máis adiante, desviándonos á dereita podemos atopar un carballo centenario cun enorme burato no seu interior.
Vamos subindo paralelos ao rego Penedo entre carballos con liques, avelairas, bidueiros, freixos, fentos e edras. Pasamos xunto a pequenas fervenzas encaixadas nas rochas cubertas de musgo e auga branca debido á caída.
Seguimos subindo, agora sen carreiro, ata que chegamos a un claro con restos de cabanas, ao outro lado aparece un bosque impenetrable de acivros.
Logo dun descanso, volvemos os nosos pasos cruzando o teixedal e cruzando os regos de Penedo e Valellos ata atopar o pendente carreiro polo que baixamos. Agora seguimos de fronte, deixando este carreiro á nosa dereita, por camiño ben definido que recorre horizontalmente a media ladeira as abas da montaña. Despois dun tempo atopamos a sinalización dun GR de Macizo de Pena Trevinca, pasamos preto dunha minta abandonada chegando a un cruce de camiños. Un leva as minas de Valvorraz polo paso do Seixo, pero nosoutros seguimos pola esquerda, chegando aos poucos quilómetros a outro cruce en Pedra Fincada. Aquí o camiño bifúrcase, á esquerda baixa con un desnivel pronunciado ata a ermida de San Xil, situada no fondo do val preto do leito do río Xil. Nosoutros seguimos polo camiño da dereita en dirección a Casaio, atopando a pouca distancia outro cruce de camiños. Esta vez collemos o do medio, o máis estreito, entre castiñeiros centenarios. A baixada lévanos a unhas pistas dunha canteira de laxe. Atravesamos o río Valvorraz e subimos por un antigo camiño, ao outro lado podemos ver unhas abandonadas alvarizas, seguimos subindo e ao pouco chegamos as primeiras casas de Casaio.