101124 Camiño vello de Valdeón

 Camiño Vello de Valdeón

Posada de Valdeón – Oseja de Sajambre - Soto


SITUACIÓN: Valdeón e Sajambre (León)

PUNTO DE PARTIDA: Posada de Valdeón (940 m)

ACCESO: Dende Cangas de Onís pola estrada 625 ata o porto de El Pontón. Logo aquí collemos a estrada que vai a Posada de Valdeón.

HORARIO: 5/6 horas                                             DESNIVEL: 510 m de subida / 725 m de baixada

DISTANCIAS: Tramos de 13, 19 ou 24 km             DIFICULTADE: Baixa ou Media

TIPO DE RUTA: Travesía MAPAS: I.G.N. – 80 – I – II

SINOPSE: Este camiño era ata bastante entrada a primeira metade do século XX a única comunicación entre os vales de Valdeón e Sajambre. Ten unha lonxitude duns quince quilómetros gañando unha altura de 520 m entre Posada e o porto de Panderruedas, logo perdendo 700 m dende o porto ata Oseja. A primeira parte, dende Posada ao porto de Panderruedas segue unha pista de cómodo trazado mentres que a baixada , a maior parte realízase por sendeiros. Entre as faias mestúranse algún carballo e acivro, mentres que podemos ver pegadas de raposos, corzos, cervos ou xabarís, albergando tamén numerosas aves. Se temos sorte, poderemos gozar dun inigualable colorido de outono.


DESCRICIÓN DA RUTA: Saímos de Posada de Valdeón (940 m) onde nos espera a cósta máis pronunciada, nos primeiros tramos do traxeito. Logo a pista colle un trazo máis fácil de andar, cruzando numerosos regatos, incluíndo o Cares, sendo un agradable percorrido onde percibimos o avesío e humidade deste tipo de bosque ata que nos deposita nos chans do porto de Panderruedas (1.450 m). Aquí deberemos cruzar a estrada e a área recreativa ata a parte nor-occidental, por onde arranca o sendeiro de baixada. Á dereita queda o camiño que da acceso ao miradoiro de Piedrashitas, que podemos visitar. O camiño descorre pola vertente dereita do rego de El Joyo, baixo os paredóns do pico Camborisco, a través dun tupido bosque de faias, carballos e acivros, cada vez máis abundantes. Dúas curvas seguidas salvar unha forte baixada, chegando despois duns oitocentos metros a o prado e braña de El Prendao. O camiño segue polo recuncho oposto a entrada do prado orientándose claramente ao occidente.

Despois dunha curva no lugar de El Cabezo, abandonamos a cunca do rego El Joyo para entrar na do río Porqueras. A baixada faise máis forte desembocando nun prado con grandes bloques de conglomerado e acivros. Estamos na braña de Las Porqueras (1.100 m). Por unha pequena ponte de madeira cruzamos o río Las Porqueras seguindo en dirección oeste, tendo enfronte as paredes calías de Peña Los Mazos. Aos poucos metros, á esquerda vemos o prado e a cadra de El Torno, onde soe haber moita lama en épocas de chuvia. O camiño describe unha suave volta para salvar a base de Los Mazos chegando así a Entramboscaminos que nos mete no tramo máis chamativo do camiño, pola súa construción así como polas vista que nos depara de Verrunde, a Pica Ten e o val de Pío a nosa esquerda e a mole de Peña Niajo enfronte.

Seguimos agora en suave descenso e logo en chan, pasando polas paredes da Pica Burdió, baixo a canle de Valdelaspuertas en camiño tallado en rocha viva e con muros de contención de ata dez metros de altura. Pouco nos falta para chegar a Oseja (725 m), polo seu barrio alto de Caldevilla entre prados de sega, invernais, abeleiras e carballos.

Quen queira seguir ata Soto de Sajambre, debe seguir polo alto de Oseja, sen baixar a vila, camiñando uns catrocentos metros por asfalto, en dirección norte, por debaixo dun longo muro de contención ata chegar a fonte Quintana. Seguimos o antigo camiño por un tramo chan pasando xunto a ermida de San Roque e pola ponte de Buseco en cuxas beiras levantouse o muíño do Arcediano. A partir de aquí, o camiño vai subindo, tendo tramos empedrados, aínda que máis adiante o camiño en inverno soe ser un tremendo lamazal tendo que saírse aos prados para poder pasar.

Chegamos a Piedrajita (953 m), cruce de camiños onde seguimos de fronte polo tramo chamado Camino del Llamazal, que como o seu nome indica é un continuo lamazal en tempo de inverno. Na baixada cruzamos os regos de Llamazal, Los Castañales e La Muda, seguindo despois preto do río Agüera pola súa marxe esquerda, que cruzamos máis tarde pola Puente Soto para acceder a estrada, na entrada de Soto de Sajambre.

Publicacións populares deste blog

260914 Madotz - Irañeta

190813 Circular Ibón de Acherito - Subida ao Mallo a Ralla