23 08 17 CORDIÑANES - COLLADO JERMOSO

 

PUNTO DE SAÍDA TRAZADO DA RUTA GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN MAPA PARA IMPRIMIR

 

 

 

SITUACIÓN: Macizo Central de Picos de Europa

PUNTO DE PARTIDA: Cordiñanes (860 m)

ACCESO: En Cangas de Onís, collemos a estrada que sube ao porto de El Pontón, logo de pasar este collemos a esquerda e pasamos o porto de Panderruedas pola estrada que nos leva a Posada de Valdeón. Catro quilómetros mais adiante atópase Cordiñanes.

HORARIO: 6/7 h                             DESNIVEL:  1.400 m                     DISTANCIA: 16 km

DIFICULTADE: Media - alta         TIPO DE RUTA: Ida e volta - circular

COTA MÍNIMA: Cordiñanes (860 m)              

COTA MÁXIMA: Las Colladinas (2.125 m)

MAPA: Macizos Central y Oriental 1:25.000  de Adrados

SINOPSE: Sen dúbida, o principal motivo desta andaina é a visita ao refuxio de Collado Jermoso. Situado a 2.064 m de altura, sobre a Canal de Asotín ou La Sotín, debaixo das principais montañas do sector do Llambrión desde o que podemos contemplar dada a súa situación un inmenso número de cumes e o val de Valdeón. Desde aquí vense os mellores solpores sobre Peña Santa de Castilla, e serve de base para a ascensión a moitos picos como a Torre del Llambrión, Peñalba, La Palanca etc.

            O emprazamento do refuxio foi idea de Diego Mella que o 14 de agosto de 1.930 pasou por primeira vez camiño do Llambrión. A presenza dunha fonte preta, a protección do vento e sen perigo de aludes foron factores que determinaron a construción do refuxio neste lugar.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Atravésamos a aldea de Cordiñanes (860 m) directamente segundo se chega pola estrada para coller o sendeiro que sae a dereita polas últimas casas e nos leva a Rienda de Asotín.

            O camiño sobe en dirección a unha barreira de paredes verticais formada pola longa crista que baixa dende as Mojosas. Ao chegar a base da parede, o camiño atravesa, tallado na mesma rocha, para chegar a unha pequena brecha a esquerda. Desta maneira entramos a media altura na Canal de Asotín, a cal baixa por detrás de dita crista.

            Subimos polo fondo da canle atravesando diagonalmente con tendencia á esquerda, un pintoresco bosque de faias e así acadamos os chans da Vega de Asotín (1.270 m). Sen chegar a atravesar a veiga, remontamos a primeira canle que baixa pola esquerda Canal Honda (E), para, unha vez no alto da canle, ir cara á dereita e atravesar as franxas herbosas (Traviesas del Congosto) que se sitúan debaixo dos contrafortes rochosos de Torre Jermosa, cume tras o cal atópase Collado Jermoso. Algúns fitos sinalan o camiño neste comprometido tramo.

            Chegamos así a parte alta de Argayo Congosto (canle que sube directamente dende a Vega de Asotín), evitando as dificultades que esta presenta na súa primeira metade. Unha boa referencia e a Aguja Señora del Tío Toribio, un risco característico que se atopa ao lado oposto do Argayo Congosto.

            Subimos todo ao largo da canle ata unha fonte, dende onde intuímos xa o  refuxio situado a 2.050 m un pouco mais arriba a esquerda. O refuxio, recentemente reformado está situado nun emprazamento espectacular con varias mesas situadas á beira dos cantís, onde podemos tomar un refrixerio observando o inmenso panorama que temos ao redor.

            Cara ao norte, temos por riba das nosas cabezas a Torre de Peñalba, Torre de la Palanca, o Hoyo del Llambrión e a Torre del Llambrión. Mirando ao sur, o cordal das Peñas Cifuentes con a Torre del Friero en primeiro termo, seguida da Torre del Hoyo Chico, Torre del Hoyo de Liordes e a Torre de Salinas.

            Desde aquí tamén podemos ver o camiño polo que subimos e tamén parte do que seguiremos, que será en subida continua ata as Colladinas, cota máxima da ruta deste día (2.125 m).

            Unha vez sobordadas as Colladinas, seguiremos con fácil camiñada ata o Sedo de La Padierna ou Padiorna.

            Desde a parte alta deste paso, un camiño segue de fronte cara á Colladina de Las Nieves, seguindo pola Canal de San Luís e Hoyos de LLoroza para acadar a parte superior do teleférico de Fuente De.

            Baixando o Sedo de La Padierna, chegamos as campeiras da Vega de Liordes (1.971 m), zona antiga de minería.

            Este lugar é un cruce de camiños. Seguindo cara ao leste, o camiño baixa polos Tornos de Liordes a Fuente De, o mesmo polo que baixaban os carros con o material das minas.

            Cara ao sur, parte outro camiño que a través da Canal de Pedabejo, atravesa o cordal das Peñas Cifuentes para dirixirse á esquerda por pista a Fuente De e á dereita ao porto de Pandetrave.

            Polo oeste sae unha travesía que sobe superando o rochedo cara á Collada Chavida, paso de montaña desde o que so poden acadar os cumes da Torre del Friero, Torre del Hoyo Chico, Torre de Olavarría ou a Torre del Hoyo de Liordes. Así mesmo tamén da paso á zona do porto de Pandetrave.

            A nosa ruta, tamén vai en dirección oeste, pero neste caso, polo fondo da Veiga de Liordes. O carreiro ben marcado, supera diferentes e fáciles buratos e rochas pasando xunto ao Lago Bajero, seco moitos meses do ano.

            O carreiro lévanos ao alto que separa a Vega de Liordes de Asotín. Comeza unha baixada con moitas reviravoltas ata que chegamos ao punto onde, na subida nos desviamos á esquerda cara a Collado Jermoso.

            Desde aquí, solo nos queda seguir baixando polo mesmo camiño ata Cordiñanes.