23 08 16 SOTO DE SAJAMBRE - PICO JARIO

 

PUNTO DE SAÍDA TRAZADO DA RUTA GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Sajambre (León)

PUNTO DE PARTIDA: Soto de Sajambre (920 m)

ACCESO: A Soto de Sajambre chégase pola estrada N – 625, que une Cangas de Onís e Riaño, a través do porto de El Pontón.

HORARIO: 5/6 horas                     DESNIVEL:  1.300 m                     DISTANCIA: 14 km

DIFICULTADE: Media                   TIPO DE RUTA: Circular

COTA MÍNIMA: Soto de Sajambre (900 m)        COTA MÁXIMA: Pico Jario (1.900 m)

MAPA: I.G.N. – 55 – III – IV – 80 -  I – II

SINOPSE: Podo asegurar sen dúbida que a Majada de Vegabaño é un dos sitios máis fermosos e entrañábel que coñezo. Situada en pleno parque de Picos de Europa a 1.320 m de altura, nunha fermosa pradería rodeada dun vello faial posúe numerosas cabanas ben coidadas e no seu extremo sur oriental un refuxio do que podo asegurar o mellor trato e amabilidade coa xente e onde se pode comer cunha relación calidade – prezo difícil de mellorar.

            As panorámicas que nos ofrece o pico Jario, nada teñen que ver coa súa modesta altitude. Ben situado, este cume nada ten que envexar en canto a vista se refire a outros bastante máis altos. 

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Saímos do aparcadoiro en dirección a Soto, percorrendo esta aldea ata o seu remate. Cruzamos por unha ponte e comezamos a seguir as marcas do PR – PNPE – 9 camiño de Vegabaño cara á esquerda.

            Por cómoda pista vamos subindo por terreo aberto ata pasar unhas cabanas derruídas onde a pista xira á dereita para internarse no bosque. Durante a subida, podemos coller varios atallos polo monte arriba, aínda que máis pendentes que seguindo a pista. Logo de 2,8 km accedemos a unha ancha pista pola que imos cara á esquerda pasando un aparcadoiro no medio do monte. Axiña damos vista as campeiras de Vegabaño, un sitio precioso con moitas e coidadas cabanas, é, ao fondo da veiga podemos ver o refuxio, cara ao cal temos que camiñar.

            Podemos ir ata o refuxio (1.320 m) pola pista ou directamente polo prado. Logo dunha parada, seguimos pola parte de riba do refuxio onde hai unha fonte e atravesamos o rego Turégano por unha ponte de madeira saíndo de novo á pista, que cruzamos para comezar a subir polo faial arriba.

            Logo de varias reviravoltas polo medio do monte, remata a arborada á altura da braña de Larella (1.500 m) camiñando agora polas campeiras desta braña. A nosa dereita queda a cabana e logo de atravesar unha pequena arborada, aparece á nosa esquerda unha canle entre rochas pola que vamos subir. Pasamos así a outra canle encaixada entre rochas pola que subimos sen perda algunha. No remate desta canle, ábrese o espazo, seguindo agora facendo varios zigzags ata o cume do pico Jario (1.900 m).

            As vistas desde o cume son un verdadeiro espectáculo. Podemos ver nos Picos de Europa a Torre Bermeja, Peña Santa e Torre de Enmedio. Tamén temos á vista a Torre del Llambrión, o Friero e a Torre de Salinas. Asoman tamén o Pierzo, a Porra de Valdepino e o Cantu Cabroneru, ademais de Peña Ten, Maciédome, Tiatordos ou La Llambria.

            Logo de tan extensa panorámica, comezamos a baixada que nos ofrece dúas opcións moi parecidas. Unha é baixar ata a Collada Boa Neón (1.771 m), seguir en dirección oeste primeiro e sur despois ata a cadra de Llaveño (1.300 m). Outra opción e baixar desde o cume seguindo a liña de cimbro pasando xunto a o bebedeiro de Neón e a Horcada de Llaveño (1.422 m) onde comeza a pista que nos leva á cadra da braña de Llaveño.

             De calquera maneira, acadamos esta grande cadra para seguir a pista en suave baixada que pasa xunto ao miradoiro de Los Porros (1.140 m), desde o que vemos Oseja de Sajambre e os cumes que rodean a capital do concello.

            Seguimos a pista sempre en baixada que nos levará ata Soto.