21 12 18 SEIMEIRA DE VILAGOCENDE

 

PUNTO DE SAÍDA

TRAZADO DA RUTA

GALERÍA DE FOTOS

PDF CASTELÁN

MAPA PARA IMPRIMIR

 

 

SITUACIÓN: A Fonsagrada (Lugo)

PUNTO DE PARTIDA: A Fonsagrada (950 m)

HORARIO: 5/6 horas                                    DESNIVEL: 700 m                DISTANCIA:  16 km

DIFICULTADE: Media                                  TIPO DE RUTA: Circular

COTA MÍNIMA: Seimeira (420 m)               COTA MÁXIMA: A Fonsagrada (950 m)

MAPA: I.G.N. – 74 - I

SINOPSE: A seimeira de Vilagocende é unha fervenza de caída libre no río da Porteliña, preto do lugar de Vilagocende, entre as parroquias de San Martín de Suarna e Cereixido. Trátase dunha das fervenzas de maior caída das que hai en Galiza, cuns 50 metros de altitude

DESCRICIÓN DA RUTA: Esta ruta comeza na Praza de España da Fonsagrada para seguir pola estrada de Vilagocende collendo máis adianta á dereita pola Rúa Antonio Fraguas ata as inmediacións do depósito da auga onde xiramos á esquerda pola rúa Mesón.

            Axiña deixamos esta rúa para coller unha pista que pasa por detrás do cemiterio e xunto ao campo de fútbol que con bo trazo e sempre en baixada nos levará ata a aldea de O Fito.

            Xunto á estrada asfaltada, xiramos á dereita para coller a pista asfaltada que nos leva ata unha casa illada na parte superior de Aldomán. Por debaixo desta casa sae unha calella pola que baixamos ata o núcleo principal desta aldea.

            Cruzamos recto a pista asfaltada que vai a O Vilarón para seguir unha pista en chan ata que atopamos unha bifurcación onde seguimos pola esquerda subindo un pouco ata atopar un carreiro que sae pola dereita o cal seguimos  de fronte cara a un fermoso souto. Agora con forte pendente por terreo esvaradío baixamos entre grandes castiñeiros ata entroncar con a pista da seimeira pola que seguimos baixando ata a fervenza.

            Logo de deleitarnos con o espectáculo desta caída de auga duns cincuenta metros de altura, volvemos os nosos pasos por esta pista ata a estrada asfaltada. Na entrada desta pista, temos un cartel informativo da fervenza. 

            Baixamos uns metros pola estrada asfaltada camiño de Vilagocende, collemos unha pista que sobe pola esquerda cruzando así a aldea de sur a norte e internándonos en seguida nun fermoso bosque de frondosas. O camiño ten un bo tramo de trazo horizontal ata que chegamos a unha bifurcación. Collemos pola dereita en suave baixada ata a seguinte bifurcación na cal temos que coller o ramal que sobe pola esquerda.

            O camiño, sen perda, vainos levar polo medio do monte ata saír á pista asfaltada que ven de O Fito. Seguimos pola dereita cara a unha casa cunha grande balconada xuto á que pasamos para seguir o camiño á Rozabragada

            O camiño segue cara a Os Fornos da Cal, onde temos xunto ao camiño os restos dun antigo forno. Aquí temos un tramo de subida ata chegar a un casarío illado onde seguimos a pista asfaltada cara á esquerda que nos levará a entroncar con o Camiño Primitivo.

            Este tramo supón o remate da ruta e a subida máis pendente do día con a vila da Fonsagrada por riba das nosas cabezas. Entramos pola rúa principal e volvemos xunto ao autobús onde damos por rematada esta fermosa ruta.