03 09 13/14 Fuente De – Torrecerredo – Poncebos (Camaleño) Cantabria (Cabrales) Asturias

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN: Macizo Central de Picos de Europa (Urrieles)

PUNTO DE PARTIDA: Fuente Dé

ACCESO: Na estrada N-634 en Unquera collemos a que vai a Panes, Potes e Fuente Dé

HORARIO: 15 horas en dous días                                                                

DESNIVEL: 1.821 m de subidas e 3.043 m de baixadas subindo a Peña Vieja, Tesorero e Torrecerredo

DIFICULTADE: Alta                                                 TIPO DE ROTA: Travesía

DESCRICIÓN DA ROTA (1º día): Saímos de Fuente Dé, en teleférico (5 minutos) ou andando pola Canal de Jenduda (2 horas), ata o Mirador del Cable. Unha vez neste lugar non podemos continuar sen volver a vista atrás para admirar o val de Fuente Dé e a agreste Peña Remoña.

            Se subimos en teleférico (o mais probable), proseguimos o camiño por unha pista dende a mesma estación en dirección norte ata unha bifurcación. Aquí temos unha pista a dereita que vai a Áliva, pero nós seguimos pola esquerda, cara ao interior do macizo. Este camiño atravesa uns pedreiros que caen da parede occidental de Peña Olvidada ata outra bifurcación con unha curva cerrada xunto a unha grande rocha. É  La Vueltona, onde, a pista da esquerda servía para comunicar con as minas de Altaiz, hoxe abandonadas, pero nosoutros proseguimos de fronte por un sendeiro ben marcado entre os pedreiros que agora caen de Peña Vieja. O sendeiro vai gañando altura comodamente en zigzag ata situarnos debaixo da rechamante Aguja de Bustamante. Debaixo deste afiado penedo temos outro cruce de camiños, collemos o da dereita que se dirixe cara ao Collado de la Canalona e vai a Peña Vieja sen grandes esforzos, unha vez que cheguemos ao cimbro, non temos mais que seguir o sendeiro que atravesa os pedreiros cara a dereita (SE) e sen maiores complicacións superar a rampla cimeira en cómodos zigzag.

      Baixamos deste cume polo mesmo camiño ata o cruce da Aguja de Bustamante para seguir cara a Horcados Rojos. Atravesamos unha pequena depresión que se abre na base da espectacular parede sur da Torre de los Horcados Rojos, situados na vertente oposta.

            Antes de comezar a subida cara ao cimbro, viramos a esquerda ata Cabaña Verónica, refuxio situado nun dos paraxes mais agrestes dos Urrieles. Ascendemos pola mesma lomba rochosa sobre a que se sitúa o refuxio e seguímola medio trepando ata un primeiro outeiro, xusto debaixo dos primeiros resaltes da aresta SE do Tesorero. Evitamos este obstáculo pola dereita, atravesando ata un pequeno foxo situado baixo a cara este do pico. Remontamos unha empinada canle que conduce a esquerda da aresta SE e trepamos directamente por ela ata o cume.

            A baixada facémola directamente ao Collado de Los Horcados Rojos.

                        Dende o Collado de Los Horcados Rojos podemos contemplar unha excelente vista do Picu Urriellu e outros  cumios da vertente Norte do macizo.

            O Collado de Los Horcados Rojos é  un dos pasos máis altos e  transitados do macizo por ser unha das entradas cara ao Picu Urriellu. Atravesamos cara a dereita (E), por debaixo da Torre de los Horcados Rojos (vertente norte), seguindo un sendeiro que nos leva a un cable. Este cable, suxeito con varios tranqueiros, facilita a baixada ao Jou de los Boches, sinalando ademais o mellor camiño. E o tramo da rota mais difícil e tamén perigoso debido a posible caída de pedras orixinadas polos propios camiñantes.

            Unha vez no fondo do jou, temos que atravesalo cara a súa saída natural (N), a Garganta de Jou de los Boches e pasar a un novo jou, o Jou sin Tierre. O sendeiro flanquea agora esta grande depresión pola dereita (E) e alcanza a súa garganta norte tras uns curtos pasos sobre da rocha. Dende este cimbro, a vista da cara oeste do Picu Urriellu e impresionante. Ao seu pé, descansa a Vega de Urriellu e o refuxio do mesmo nome ao cal chegamos sen maiores traballos. 

DESCRICIÓN DA ROTA (2º día):

      Despois dun merecido descanso, aprovisionámonos de auga e dirixímonos cara ao noroeste por un sendeiro sinalado con fitos que nos aproxima a estreita Brecha de los Cazadores (2.253 m). Pasada esta avanzamos con rumbo a Collada Arenera (2.283 m) flanqueada polas Agujas Areneras e o Neverón de Urriellu.

            Facemos agora unha pequena baixada ata un jou onde temos unha bifurcación con o sendeiro que vai directamente ao refuxio de Cabrones. Nós collemos a esquerda por un sendeiro sinalado con fitos o cal vai superando pequenos jous e lombos debaixo dos estribamentos setentrionais do Neverón de Urriellu e da Párdida. Nada mais rebasar unha foxa que nos queda a esquerda, baixamos ao Jou de Cerredo (2.300 m) onde concorre coa rota procedente de Cabrones.

            Dende esta aberta zona, dirixímonos cara aos esporóns de Torrecerredo para acadar o seu cume despois de varias trepadas por camiño sinalado.

            A baixada facémola polo mesmo camiño ata o Jou de Cerredo, onde collemos un sendeiro ben marcado que nos vai levar ao refuxio de Cabrones, o cal divisamos bastante antes de chegar a el.

            Despois da obrigada cervexa no refuxio, collemos auga na fonte que alí existe para seguir o noso itinerario.

            Saímos do refuxio de Cabrones en dirección norte subindo cara a un cimbro tras do cal temos unha corda para facer mais seguro un paso delicado que alí existe. Vamos atravesando aéreas cornixas para pasar a outra brecha. Temos outra corda para facilitar a baixada a un novo jou que pasamos horizontalmente. Este camiño descorre baixo os Cuetos del Trave e existes fitos de pedra para indicarnos o mellor camiño a seguir. Vamos abandonando os últimos contrafortes dos Traves para asomarnos a unha pendente ladeira herbosa. Chámase La Cuesta del Trave pola que temos que baixar por camiño ven marcado cara a unha charca que alí existe, a cal deixamos a nosa esquerda e nos encamiñamos a unhas cabanas. Estamos agora na Majada de Amuesa. Abandonamos este fermoso paraxe para coller un sendeiro en dirección este, a dereita, que baixa pola Canal de Amuesa facendo innumerables zigzags, en dirección ao barrio de Bulnes de Arriba ou o Castillo.

            Pasamos esta aldea sen necesidade de adentrarnos nela porque o noso camiño segue baixando cara ao río del Tejo que temos que cruzar pola ponte Colines seguindo sen perda pola esquerda  a través da Canal del Tejo que nos leva a Poncebos.