03 02 16 Ruta do Lor (Folgoso do Caurel) Lugo

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

De Folgoso a Froxán

SITUACIÓN: O Courel

ACCESO: A Folgoso do Courel chégase dende a estrada A-6 a altura de Pedrafita collendo a que vai ao Cebreiro e Sarria. Desta estrada desviámonos cara a Seoane e Folgoso do Courel.  

HORARIO: De 4 a 5 horas                DISTANCIA: 15 Km.    TIPO DE ROTA: Travesía 

DESNIVEL: Sinxelas subidas e baixadas                 DIFICULTADE: Baixa

SINOPSE: O percorrido que hoxe nos ocupa ofrece unhas panorámicas formidables do río Lor e as aldeas veciñas.

                Varias veces achegarémonos a mesma canle do río para logo gañar altura e así obter fantásticas panorámicas do Lor e o seu entorno. E fermoso mirar nesta época do ano as florecentes cerdeiras, a cor violeta das carqueixas, as mimosas e as primeiras follas das árbores de ribeira.

                En canto a fauna, o animal que máis predomina e o xabarín, dando boa mostra os innumerables rastros que atoparemos, poderemos con sorte mirar algún Martiño Peixeiro, a parte se quenta o sol, largatos arnais.

 

DESCRICIÓN DA ROTA:  O comezo desta rota atópase en Folgoso do Courel, dende o cal baixaremos por un ancho camiño cara ao río Lor atopándonos de seguida con unha ponte de madeira a cal temos que cruzar. Agora camiñamos pola beira dereita do río e a primeira aldea que aparece chámase Touzón. Paseniño vamos camiñando seguindo a corrente da auga para un pouco máis tarde pasar por Pendella que se cruza de contado.

                Despois de deixar estas aldeas por un camiño moi fácil de andar, chegamos a Valdomir,  na estrada asfaltada que vai de Folgoso a Pobra de Brollón xunto a unha ponte. Cruzámo-la ponte cara a esquerda e nada máis pasala collemos a dereita por diante dun bar. Agora comeza unha forte subida por uns prados, debaixo de castiñeiros que nos leva a aldea de A Campa a cal teremos que cruzar polo mesmo medio facendo varias revoltas pero non hai problema pois a rota está ben sinalada.

                Deixamos as derradeiras casas de A Campa para internarnos subindo suavemente por un monte con castiñeiros, carqueixas e tamén toxos. O sendeiro de fácil andar, sobe ata unha ancha pista a cal colleremos cara a dereita para seguir por ela un bo tramo. Remata esta ancha pista e temos un indicador que nos dirixe a un sendeiro, moito máis agradable, con pasos nos que deberemos fixarnos pois están moitos metros por riba do río, cruzando varios regatos cara a aldea de Vilar.

                Vilar, ben merece un alto para darnos unha volta pola aldea onde temos un taller artesán e un pequeno museo etnográfico. Tamén e un lugar ideal para dar conta da xanta no souto en que está situada esta aldea.

                 A saída de Vilar debemos prestar atención, despois de cruzar polo mesmo medio da aldea, pasamos o souto e dirixímonos por un camiño entre paredes e prados cara ao castro. Chegamos a  unha bifurcación: de fronte o camiño vai ao castro e a aldea de Vilamor. Podemos visitar o castro pero a nosa rota na anterior bifurcación, colle a esquerda para de seguida pasar por outro souto de castiñeiros e xa todo en baixada, facendo varios zigzags achegarnos a mesma canle do río e a través de unha ponte de madeira, cruzamos e con suave pendente vamos achegándonos a Froxán.

                Froxán, xunto con Seceda e a aldea que se escolleu para escaparate do Courel. Está moi arranxada con calellos de pedra de indubidable encanto. Ben merece a pena unha visita con deteñemento a esta fermosa aldea.

                Máis a rota non remata de momento. Para os máis marchosos, o camiño segue cruzando Froxán polo pico da aldea e baixando cara ao río para seguir pola beira da canle outros dous quilómetros máis. Aquí temos, para o meu gusto, a parte máis fermosa do percorrido. Árbores de ribeira, castiñeiros e corcheiros forman un conxunto forestal que deleita a vista dos máis esixentes.

                Logo de chegar a un souto con cabanas en ruínas, dámo-la volta ata Froxán onde nos espera o autocar.

                No mesmo pico da aldea, xunto a estrada, temos unha fonte con lavadoiro na que  podemos aproveitar para asearnos un pouco antes de volver a casa.