25 08 16 DE VILANOVA A SANTALLA D´OSCOS

 

PUNTO DE SAÍDA TRAZADO DA RUTA GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Vilanova e Santalla d´Oscos (Asturias)

PUNTO DE PARTIDA: Vilanova d´Oscos (650 m)

ACCESO: Desde A Veiga pola estrada AS – 11 ata o porto de A Garganta. Na rotonda collemos a segunda saída que en 6 km chea a Vilanova d´Oscos.

HORARIO: 5/6 h                           DESNIVEL: 500 m              DISTANCIA: 13 km

DIFICULTADE: Media                   TIPO DE RUTA: Travesía

COTA MÍNIMA: Cruce do río en San Mamede (530 m)            COTA MÁXIMA: Vilarello (740 m)

MAPAS: I.G.N. – 49 – I – II

SINOPSE: As visitas as terras de Os Oscos nunca defraudan. Nesta ocasión imos facer unha travesía entre Vilanova e Santalla aproveitando tramos de varias rutas existentes e tamén algún que non está marcado polo que teremos que ir atentos e atentas para non despistarnos nos diferentes cruces que temos que pasar.

DESCRICIÓN DA RUTAEsta camiñada comeza en Vilanova collendo o camiño que hai xunto a un cartel informativo da ruta Senda Verde de La Agüera. Este camiño sobe suavemente os primeiros catrocentos metros paralelo á estrada, pasamos xunto ao cemiterio e baixamos á estrada onde temos que ter moito coidado pois temos que transitar por esta estrada uns metros ata a igrexa de Santa Eufemia. Collemos a pista que baixa con indicación a Pacios deixando o eco Museo do Pan (615 m) á nosa dereita. Máis abaixo temos un muíño e unha casa rural onde a pista asfaltada comeza a subir ata que chegamos  a unha curva á dereita onde hai un cartel indicativo da Ruta das Zarras. Aquí deixamos a pista para seguir este camiño que aparece pola esquerda.

            Posiblemente este sexa un dos tramos máis fermosos do percorrido. Si non fora porque oiremos o ruído dalgún coche que circule pola estrada que vai a San Martín, pareceríanos que estamos a quilómetros dalgunha poboación. O carreiro sobe polo medio dun frondoso bosque ata un punto en que baixa en forte pendente para cruzar un rego por unha ponte de madeira. O camiño agora sobe con o rego á dereita ata unha bifurcación onde xiramos á dereita cara á aldea abandonada de Vilarello.

            Deixamos esta aldea á nosa dereita seguindo a Ruta das Zarras, agora por un tramo de camiño con maleza que se pasa sen dificultade. O camiño chega a unha bifurcación onde pola dereita baixa a Ruta de los Bosques. Seguimos de fronte, obviando esta baixada, para seguir subindo suavemente ata unha curva (770 m) pechada á esquerda desde a que comezamos a baixar cara á aldea de Pacios.

            O camiño pasa xunto a unha casa na parte superior desta poboación e cruza unha pista asfaltada para seguir de fronte baixando lixeiramente ata cruzar un rego logo do cal temos unha pequena subida antes de comezar a baixar cara a San Mamede con tramos de bosque e monte baixo desde o que temos boas vistas de parte da subida que nos espera logo de cruzar o río de Vilanova.

            Cruzamos a estrada que vai de Vilanova a Santalla para baixar a San Mamede, seguindo o camiño que baixa ata o río de Vilanova que pasamos por unha ponte para comezar a subir pola ladeira oposta superando a pendente máis pronunciada do día.

            Unha vez superado este curto tramo de subida, o camiño vai en chan acadando facilmente o punto onde temos un miradoiro natural desde uns penedos que aparecen á nosa esquerda (722 m). Agora comeza unha  baixada entre monte baixo por un lado e un piñeiral polo outro. Máis abaixo aparece unha ancha pista pola que camiñamos en chan que pasa xunto á capela da Virxe do Carme situada na partes alta de Vega del Carro. Esta pista entronca con outra asfaltada onde collemos á esquerda ata  onde fai unha curva pronunciada á dereita, lugar no que seguimos de fronte un pequeno tramo para abandonala por un camiño que baixa á dereita que se dirixe ao río. Cruzamos o río de Barcia por unha ponte para subir a Millarado por pista ben acondicionada. Na parte superior desta pista, xunto as casas, seguimos a pista asfaltada cara á esquerda aparecendo enseguida unha bifurcación na que seguimos pola dereita. Máis adiante pasamos xunto á área recreativa de Millarado desde a que seguimos polo ramal superior. Máis adiante temos outra bifurcación onde abandonamos a pista para baixar con forte pendente ata a rotonda de entrada a poboación de Santalla.