24 05 18 CAMPA DA BRAÑA - CAMPA TRES BISPOS - GOLADA DA VARA - CAMPA DA BRAÑA

 

PUNTO DE SAÍDA TRAZADO DA RUTA GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN MAPA PARA IMPRIMIR

 

SITUACIÓN: Parque Natural de Ancares  (Cervantes) Lugo

PUNTO DE PARTIDA: Albergue de Campa da Braña (1.360 m)

ACCESO: Desde a A – 6 na saída 451 coller a estrada que vai a Navia de Suarna LU – 722. Desviarse pola LU – P – 0702 que pasa por San Román e seguila ata A Degrada onde empalmamos coa LU – P – 1401 ata Campa da Braña. Alí collemos a estrada que sobe ao albergue que dista 1,5 km do cruce.

HORARIO: 5 horas                         DESNIVEL: 460 m              DISTANCIA: 14 km

DIFICULTADE: Baixa                    TIPO DE RUTA: Circular

COTA MÍNIMA: Río da Vara (1.160 m)           

COTA MÁXIMA: Campa Tres Bispos (1.576 m)

MAPA: I.G.N. – 125

SINOPSE: A comarca de Ancares, en Galicia, pertence aos concellos de Becerreá, As Nogais, Baralla, Cervantes, Navia de Suarna e Pedrafita do Cebreiro.

            A cordilleira separa as provincias de Lugo e León estando o segmento máis alto no tramo de Pena Rubia ao porto de Ancares. O cume máis alto desta serra e o pico Cuíña (1.992 m) pero o máis rechamante é sen dúbida o pico Mostallar (1.880 m).

            O nome de Golada úsase na toponimia local e significa un paso alto entre vales.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Saímos do aparcadoiro do albergue de Ancares en sentido ascendente pola ancha pista en dirección suroeste. Cando levamos un quilómetro camiñado, aparece unha bifurcación (1.420 m). Seguiremos o ramal da esquerda, o da dereita será o do regreso. Esta ancha pista vai polas abas do pico Fieiró sempre con moi bo firme e con pouca pendente, sendo este tramo, a parte menos interesante da ruta.

            Pasamos pola Golada do Medio (1.493 m) onde xiramos lixeiramente á esquerda camiñando agora polas faldras do Pico dos Bois ata a Campa dos Tres Bispos (1.576 m). Nesta pequena campeira remata a cómoda pista e aparece unha bifurcación de carreiros. O da esquerda sobe en dirección ao pico Tres Bispos mentres que o carreiro da dereita comeza a baixar. Logo duns setecentos metros desde a Campa dos Tres Bispos aparece outra bifurcación onde collemos o ramal da esquerda pois o da dereita levaríanos á Golada da Trapa.

            O carreiro baixa polo monte ata desembocar na Golada da Vara (1.467 m). Á esquerda queda o refuxio de Brego ao que podemos visitar nun percorrido de ida e volta. Pola dereita sae o camiño polo que comezamos a baixar entre carballos e moitos acivros para chegar ao punto máis baixo da ruta, un cruce onde á esquerda temos o rego da Vara e unha ponte de madeira que non temos que cruzar.

            O noso andar segue o camiño principal onde comeza a subida. Primeiro aparece a ruína dunha casa á nosa dereita é un pouco máis adiante, despois dunha curva temos as ruínas doutra casa á esquerda. Este lugar é coñecido como Cabana Vella.

            O camiño segue gañando altura polo medio do fermoso monte, pasamos un pequeno estanque e unhas columnas de pedra para chegar á bifurcación onde seguimos á esquerda pola cómoda pista que transitamos na saída.

            Así remata esta fácil camiñada de novo no albergue de Ancares.