Artículos

02 05 17 PICO MOSTALLAR (Cervantes) Lugo

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

ACCESO: Na A-6 dende Becerreá ata Liber, e dende aquí óptase por desviarse á dereita por Doiras ou por San Roman de Cervantes ate Degrada e Piornedo.

SITUACIÓN: Concello de Cervantes, parroquia de Donís, aldea de Piornedo.

HORARIO: 5 - 6 horas ida e volta.    TIPO DE ROTA: De ida e volta

DIFICULDADE: Media                     DESNIVEL: 800 m.

 

DESCRICIÓN DA ROTA: Saímos da aldea de Piornedo e tras sobardar a capela por detrás, collemos unha pista en dirección SE. Ascendemos de forma continua por un camiño pedregoso ata unha campa que foi desbrozada. O sendeiro descorre pola esquerda da campa, achegándose de seguida a outra máis pequena, onde o camiño sitúase na parte baixa. Aquí deixamos a ancha pista e collemos un carreiro que horizontalmente nos vai achegando a un bosque.

            Metémonos de cheo no medio de carballos e acivros, por un fermoso camiño de pedreiros, e auga que corre por el, de seguida tórnase un pouco mais costo para  levarnos a unha extensa campa.

            En suave descenso divisamos Campa Redonda, moi grande, con moita vexetación e canles de auga. É importante facerse unha composición do lugar por onde vai o sendeiro, porque unha vez abaixo a vexetación, composta maiormente de xestas, é alta sendo fácil perderse. A corredoira  decorre a dereita da campa tras sortear o río Piornedo e deixalo á esquerda por unha ponte de madeira.

            Séguese subindo, divisando algunha fervenza por un camiño pedregoso chegando ás ruínas dunha cabana gandeira. Xa divisamos a esquerda, impresionante, o Pico Mostallar.

    Atravesamos esta campa e ao remate da mesma collemos un sendeiro que vira cara a esquerda en dirección a unha liña de arames. O camiño tórnase máis costo, ata que chegamos ao que se chama a  Golada do Porto, mesmo xunto a cerca metálica. Aquí non teremos máis remedio que facer unha parada por dous motivos ben diferentes:

    Primeiro,  a vista que nos aparece de repente, con os límites da provincia de Lugo e León que o fai a propia liña de arames  e a fermosura da vertente leonesa con a aldea de Burbia en primeiro lugar. Máis lonxe aparecen as minas romanas de As Médulas  e a cidade e central térmica de Ponferrada.

    Segundo, coller un resollo pois a pendente que temos de fronte faranos dubidar da nosa forma física. Nada máis lonxe da realidade porque, este último tramo, temos que collelo con tranquilidade. Haberá alguén que lle leve subilo quince minutos e a outros e outras máis de media hora, pero de ningún modo, se o día está despexado poderemos pasar sen ollar o cume do Mostallar.

    Unha vez enriba saberedes porque mereceu a pena este último esforzo.

    A volta; farémola polo mesmo camiño, só que moito máis fácil por ser todo en baixada; pero para os que teñan gañas de liorta temos outra variante se o día acompaña.

    Esta variante consiste  en seguir dende o Pico Mostallar en dirección sur-oeste para facer varios cumes que nos quedan de camiño e baixar ao Albergue de Ancares en Campa da Braña.

    Para isto deberemos pasar a ladeira norte do Mostallar sen perder moita altura cara ao Pico Lanza, á dereita deixamos a Serra de Agulleiro, pero nós seguimos en dirección sur-oeste cara ao Corno Maldito. Neste tramo á nosa esquerda podemos ver unhas fermosas lagoas onde nace o río Villouso, e a dereita o Val do Ortigal.

    Proseguimos a andaina pasando de seguida polo cume do Pico dos Charcos, máis baixo co anterior para ir achegándonos a outro cume que se chama Os Penedos de Donís.

    Aquí espéranos o máis entretido da rota, onde temos que facer unha pequena baixada, con moito coidado, agarrándonos fortemente as rochas pois un descoido poderíanos traer consecuencias cando menos desagradables.

    Unha vez pasado este tramo, que é o máis complicado da rota, agárdanos a derradeira subida para pasar polo mesmo cume do Pico Tres Bispos. Dende este cume divisamos na comarca leonesa a aldea de Campo da Auga en dirección sur, é cara ao oeste vemos o pico Pena Rubia e a Serra de Pando con un importante bosque de acivros.

    Agora só nos resta unha baixada ata o Albergue de Ancares por unha cómoda pista que nos ocupará pouco máis de unha hora.

   Todos e todas que fagan esta travesía cimeira, terán moito máis que contar a partir desta xornada.

    Este percorrido pódese facer igualmente comezando no Albergue de Ancares ata Piornedo variando cento oitenta graos as reseñas desta guía.

            A duración da travesía completa estimámola en 8 ou 9 horas dende Piornedo ata o Refuxio de Ancares.

02 05 01 SERRA DA BOBIA (Vilanova de Oscos) Asturias

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

ACCESO: Na vila de Vegadeo collemos a estrada que sobe ao Porto de A Garganta e aquí en dirección a Vilanova d´Oscos ata a Ponte de Penacoba.

HORARIO: Entre 6 e 7 horas.     TIPO DE ROTA: Circular       DESNIVEL: 450 m.

DIFICULTADE: Media.     DISTANCIA TOTAL: 20 km            MAPAS: I.G.N. – 25 – IV – 49 - II

 

DESCRICIÓN DA ROTA: O punto de partida atópase na estrada rexional que atravesa toda a comarca osqueña (AS-13) máis ou menos na pequena aldea de Penacoba, xustamente onde existe unha ponte sobro do regato Acebeiral.

 

1ª Parte: Na Ponte de Penacoba comeza a pista de inmellorable trazado. Nos primeiros pasos sae un camiño a nosa esquerda que non tomaremos para seguir de fronte, deste xeito a pista vai xirando á esquerda internándose por unha pequena bagoada e aparecendo outro cruce no cal tomaremos a pista da esquerda que nos leva cara enriba seguindo sempre de fronte en tódolos cruces ate chegar  á liña de cumios na que temos unha estrada asfaltada que comunica o Porto de A Garganta con Boal polo Gumio.

       Agora espéranos unha marcha fácil pola estrada asfaltada ate un cimbro chamado Campo da Bobia. Este tramo ofrécenos amplas vistas sobro dos cumios despexados e masas forestais, con matueiras e reforestacións de pinos.

2ª Parte: Dende o Campo da Bobia podemos subir de fronte ao Pico da Bobia (El Filso) (1.197m) que acadaremos sen moitos esforzos para poder contemplar a marabillosa paisaxe que nos depara este cumio dos Oscos.

    Despois de descansar, tomaremos o camiño de volta ate a estrada asfaltada onde camiñaremos uns douscentos metros para abandonala por un sendeiro que baixa a nosa esquerda.

   Esta parte da rota é especialmente rechamante, deberemos adiviñar, ás veces, por onde descorre o camiño medio tapado entre as xestas que o invaden, máis non ten perda porque intuímo-lo percorrido que baixa cara a aldea de A Bobia. Deixamos esta aldea abandonada e seguimos faldreando por camiños entretidos para chegar ate O Picón tamén despoboado.

   Merece a pena descansar e gozar da paisaxe, neste tempo inmellorable pola frondosidade dos bosques. Retomámo-la marcha para máis tarde entrar en San Cristobo cunha casa habitada, aquí poderemos observar a arquitectura popular é a súa igrexa.

    De tódolos camiños que existen, colleremos o que vai cara ao sur, que segue bordeando a ladeira con pequenas pendentes e que nos leva á aldea de Murias, dende aquí seguimos por un camiño á dereita, por certo bastante pendente, subimos ate a Sela de Murias onde tras descansar brevemente retomamos camiño en dirección sur pola vertente oriental do Pico Murias. Ao pouco o camiño mellora e métese uns quilómetros ate un outeiro baixo as ladeiras de Pena Cagadoira e Pena Redonda, case a medio quilómetro do cumio aparece un sendeiro pola dereita que colleremos para así abandonar a pista e descender ate o val do río Vilanova.

    Esta baixada ten uns dous quilómetros que nos leva ate Ovellariza e xa neste lugar so temos que descender outros cincocentos metros mais para chegar ate a canle do río Vilanova e acceder á capital do concello: Vilanova d´Oscos.

02 03 29 FOCES DO ESVA (Valdés) Asturias

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN: San Pedro de Paredes -  Valdés - Asturias

ACCESO: Para chegar a Paredes na N-634 a altura de Brieves temos un desvío que nos leva o comezo da rota.

HORARIO: 6 horas.                DESNIVEL: 450 m.                    DIFICULTADE: Media.

SINOPSE: O percorrido ofrece indubidable interese para os afeizoados a natureza, pois as Foces doEsva constitúen un dos paraxes máis ricos en canto á fauna e flora do Principado.

      Temos un fermoso espectáculo de vexetación con vetustos exemplares de carballos, olmos de montaña, freixos, pedrairos, bidueiros, faias, acivros, cereixos e árbores de ribeira.

      A fauna contempla exemplares como son os xabarís, lontras, lobos, teixugos, xinetas e pomba torcaz.

      Debemos poñer especial atención nos tramos de subida e baixada, sobre todo si o camiño está mollado e esbaradizo. Tamén temos tramos de notable dificultade debido as fortes pendentes tanto de subida como de baixada.

 

DESCRICIÓN DA ROTA: O comezo desta rota atópase en San Pedro de Paredes. Nada máis deixar detrás as derradeiras casas  atravesamos o río Esva por unha pequena ponte de pedra e así chegar o cemiterio desta aldea.

      Na outra beira temos uns camiños dos cales colleremos o da dereita aínda que todos eles van o mesmo punto. Este camiño gana pendente por unha ladeira cortada a pico sobre unha revolta do río, de acusada pendente, era usado polos vaqueiros de alzada que levaban o seu gando as praderías de Tineo, Cangas del Narcea e Somiedo.

      Por esta ladeira da Serra de Adrado subiremos entre uces, castiñeiros e bidueiros ate as brañas máis altas situadas no límite do concello. Ao longo do camiño van aparecendo cortíns (construcións circulares para protexer os trobos). O Esva vai bordeando esta serra e na ladeira a nosa esquerda podemos ver o dolmen de Restiello mentres os eucaliptos modifican radicalmente a paisaxe polas repoboacións feitas brutalmente desta especie.

            Segundo nos vamos achegando a Adrado vamos atopándonos con prados cercados con muros de laxe e as vivendas salpuxan a paisaxe. Adrado e Pena son brañas de alzada onde vivían os vaqueiros no inverno mentres esperaban para saír cara aos pastos de Bustellán e Somiedo. Agora temos unha paisaxe de matueiras con repoboación de piñeiros e eucaliptos aínda que tamén se conservan nas ladeiras do norte de Adrado boas carballeiras mesturadas con castiñeiros e faias.

      De Adrado seguiremos o camiño paralelo ao límite do concello entre casas prados e bosques camiñaremos  ate saír ao descampado. Colleremos un sendeiro que con dirección a Bustiello chega ate o lugar chamado Cabanón. A partir de aquí un camiño á esquerda levaranos por un sendeiro escavado na rocha  que vamos seguir ate acadar o encoro que regulaba o caudal da auga e que vai baixando cara ao río. En menos de media hora chegaremos ao Esva. As paredes das rochas están tapizadas de mofo, ouricela e fentos, polo fondo do val os amieiros acompañan o río serpexante ademais de freixos, abeleiras e carballos. Nalgúns tramos o sendeiro é un estreito paso de un metro entre o río e a parede que aparece totalmente cuberta de fentos e musgos. Camiñaremos debaixo de amieiros que fan un ambiente sombrío e húmido para por último pasar unhas escaleiras de formigón feitas enriba da pena. Logo de pasar esta escaleiras teremos que aferrarnos as rochas para acadar o encoro.

     Faremos o regreso ate o almacén e logo, pouco despois temos unha intersección a dereita que nos leva a central hidroeléctrica, hoxe en desuso e abandonada a cal podemos visitar. Logo volvemos ao camiño principal que con suaves pendentes levaranos cara a veiga de Bustiello dende a que chegaremos a San Pedro pola estrada.

02 01 24 SANTA EULALIA – SEIMEIRA – BUSQUEIMADO (Santalla de Oscos) Asturias

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN: Santa Eulalia d´OscosAsturias

ACCESO: Dende a Veiga pola estrada da Garganta e logo aquí collemos a dereita a estrada en dirección Fonsagrada.

HORARIO: De 5 a 6 horas.              DIFICULTADE: Baixa

SINOPSE: Situada no occidente de Asturias, Santalla d´Oscos ten antigas tradicións e gran interese histórico. Bosques autóctonos, arquitectura popular e talleres artesáns dentro dun marco rural tradicional que dan boa mostra do ideal que resulta a práctica do sendeirismo neste concello de Asturias.

            Seimeira e un nome que se da nesta zona a un salto de auga. Situada nas profundidades dunha fraga, esta fervenza sorpréndenos nun recuncho do camiño.

            Rota de fácil andar e de plena paz xunto ao río Agüeira.

            Aproveitaremos para visitar a fermosa vila de Santalla d´Oscos, capital do concello onde temos a Casona de Prida (s. XVII e XVIII ) e a igrexa parroquial.

 

DESCRICIÓN DA ROTA: O concello de Santa Eulalia d´Oscos é un paraíso escondido entre bosques milenarios, con unha riqueza natural e cultural sorprendente neste recuncho do Occidente Asturiano.

      Partimos do mesmo centro urbano de Santa Eulalia ou Santalla como tamén se dí, para atravesar a estrada que vai á Fonsagrada e por pista asfaltada chegar ao comezo da rota situada na área recreativa de Agüeira.

      Saímos da area recreativa a través da natureza autóctona pola beira do río entre antigas corripas e cortíns, logo de percorrer cincocentos metros chegamos a aldea de Pumares de antiga actividade ferreira. Seguimos o camiño gozando pola beira do río e subindo suavemente para chegar a aldea abandonada de Ancadeira de antiga servidume. Sigue o camiño entre castiñeiros e carballos que nos fan un entretido andar, axiña vemos a seimeira altiva, duns quince ou vinte metros, pola cal o Agüeira se precipita facendo unha fermosa fervenza para a foto de rigor.

      Volvemos uns metros para retomar o camiño subindo polo bosque por un sendeiro empinado  para chegar a Busqueimado onde xunto a capela e debaixo de dous teixos daremos conta da xanta.

      Logo de repoñer forzas e folgos volvemos polo mesmo camiño medio quilómetro onde chegamos a unha bifurcación. Aquí temos dúas opcións: Unha é coller o mesmo camiño polo que subimos e volver ao comezo da rota polo sendeiro da subida, sen dúbida máis fácil que coller a segunda opción que nos levará cara a aldea de Ventoso logo de baixar a un regato que ven  do Ventorrillo, o cal teremos que cruzar e subir por un camiño con un lameiro de considerables proporcións antes de chegar a Ventoso.

      Logo de cruzar esta aldea  por pista asfaltada collemos un sendeiro a nosa esquerda que baixa cara a aldea abandonada de Ancadeira e dende aquí seguimos polo mesmo camiño ata o comezo desta excursión. A area recreativa de Agüeira.

02 01 13 DE PESOZ A ARGUL POLO MUÍÑO DE SEQUEIRO (Pesoz) Asturias

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF EN CASTELAN

 

SITUACIÓN: Pesoz  (Asturias)

ACCESO: A Pesoz chégase pola estrada que dende a Veiga sobe a Garganta, logo aquí collemos á esquerda cara Vilanova e San Martín d´Oscos e sen desviarnos chegamos a Pesoz. A Pesoz tamén se vai dende Navia pola estrada que sobe a Grandas de Salime.

HORARIO: De 3 a 4 horas.                         DIFICULTADE: Baixa

 

DESCRICIÓN DA ROTA: Esta andaina comeza na vila de Pesoz collendo o antigo camiño que vai a Vilarmarzo. Logo de pasar xunto ao albergue comeza a baixada cara ao río Agüeira ao amparo de frondosos castiñeiros. O camiño cruza o río por unha vella ponte subindo pola ladeira do monte que temos enfronte. Tras unhas cantas pegadas atopamos unha desviación á esquerda máis nós vamos de fronte para seguir gañando altura, atravesando un frondoso souto ata que aparece unha sinal nunha bifurcación. Aquí temos dúas opcións: Podemos seguir de fronte para facer unha visita ao mazo de Mon, cun percorrido de 4 km ida e volta, ou xirar á dereita, sendeiro que debemos coller de calquera maneira, para baixar ate a mesma cunca do río Ahío.

    Aparece unha pontella de madeira para cruzar o río e, un pouco máis abaixo, as ruínas do muíño de Sequeiros. Antes de proseguir podemos descansar un anaco neste sitio tan acolledor pois a rota de hoxe e curta e sóbranos moito tempo.

    Tras esta parada comezamos o segundo tramo desta andaina, unha longa subida pero de pouca pendente para pasar debaixo do Cerro Payalín.

    O noso camiñar segue pola esquerda subindo pola ladeira debaixo de piñeiros e castiñeiros ate que rematamos chegando a unha pista. Cruzamos e seguimos de fronte avanzando pola ladeira do monte de La Gamallosa no camiño no que nos vai achegar a capela de San Miguel.

      Seguimos faldreando a media ladeira entre prados e terras de labranza saíndo ao remate a unha pista asfaltada que en pouco máis de trescentos metros levaranos á Argul.

      A esta singular aldea imos adicarlle un anaco de tempo do noso percorrido. Argul e un singular conxunto arquitectónico tradicional que nos fai lembrar tempos pasados, con casas de paredes de pedra con teitos de laxe e pasadizos escavados nas rochas que antigamente comunicaban as casas.

      Xa solo nos falta volver ao punto de saída: Pesoz. O derradeiro tramo do percorrido de hoxe segue pola pista da entrada de Argul, sempre a media ladeira e baixando paseniño polo monte durante dous quilómetros ate chegar de novo o río Augueira moi preto da confluencia co río Ahío.

      Cruzamos o río pola ponte  aparecéndonos unha volta a esquerda, e uns metros máis aló collemos un carreiro á dereita que superando unha forte pendente nos leva ao punto onde comezamos a andaina.