Artículos

13 03 28 Pico El Paisano (Ribadedeva e Peñamellera Baja) Asturias

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN

 

(Noriega – Pico el Paisano – Panes) 

SITUACIÓN: Ribadedeva e Peñamellera Baja (Asturias)

PUNTO DE PARTIDA: Noriega (90 m)

ACCESO: Dende a N – 634, a altura de La Peral, collemos cara a RD3 en dirección a estrada AS – 343.

HORARIO: 5/6 h                   DESNIVÉIS: Subida: 840 m / Baixada:900 m                            

DISTANCIA:17 km               DIFICULTADE: Media TIPO DE RUTA: Travesía                                

MAPA: I.G.N. – 32 IV

SINOPSE: O longo e alto cordal do Cuera, cuxo cume máis alto é o Pico Turbina (1.315 m). alóngase polo leste ata o río Deva, nos límites de Cantabria, separando a costa asturiana de Llanes e Ribadedeva do val de Peñamellera.

             A serra vai perdendo altura cara ao leste, se ben conserva todas as características do sector central do Cuera, con unha meseta culminante batuxada de buratos e brañas e ladeira moi pendentes. O cume máis rechamante deste sector oriental do cordal é o chamado Pico El Paisano de 804 m.

            Neste cume ubícase dende 1960 unha pequena capela adicada a San Antonio, a denominación do pico e a existencia da capela débese a un paisano veciño do lugar de Abándames (Peñamellera Baja), que como tantos outros emigrou a América levándose o recordo de estas montañas. A súa volta, este indiano sufragou a construción da capela en cumprimento dunha promesa feita entre a vida e a morte.

            Xunto a capela, agora bastante abandonada, existe unha placa en memoria dos paisanos emigrantes e indiano que di: “En memoria a todos los emigrantes de estos valles. ¡Vivan nuestros paisanos ! ¡Vivan nuestros indianos! ¡Vivan! 1492 – 1992”.

            Aos pés da serra esténdese o val de Ribadedeva, delimitado ao norte polo mar, ao este polo río Deva, que serve de fronteira con Cantabria, e ao oeste polo río Cabra, tras o cal se sitúa o Valle Oscuro, pertencente ao concello de Llanes.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: A camiñada comeza en Noriega (90m), antiga capital de Ribadedeva. Temos que coller seguindo a estrada que leva a Boquerizo uns oitocentos metros, ata o barrio de Pereda (105 m) onde collemos un desvío á esquerda por pista de formigón que remata xunto á casa de La Encina, na braña de La Teja (125 m).

            A partir de aquí o camiño faise máis pendente chegando a unha cancela que cerra o paso do gando. Axiña ganamos altura polas abas da serra tendo que cruzar, pouco despois, unha ponte sobre o río La Garma (170 m) seguindo por zona boscosa, logo da cal o camiño fai un zigzag pasando xunto as cabanas de El Fresnu (210 m). A este lugar chega un camiño que ven de La Argañosa, onde se collerá o ramal da esquerda, que de seguida chega as cabanas de El Sel (230 m). A estreita pista vólvese pedregosa e comeza a ganar altura cara a serra de El Cuera.

            A subida continúa pasando pola zona de praderías de El Acebal (340 m), onde se poden ver varias cabanas no medio de prados zarrados con paredes. Seguimos collendo altura pola ladeira da serra mediante uns zigzags, despois dos cales chegamos a unha bifurcación (460 m). O camiño da esquerda baixa cara a Alevia, que collerán aquelas persoas que non queiran subir ao Pico El Paisano

            Seguindo pola ancha pista e tras un cimbro (541 m) continuamos subindo para chegar as abandonadas instalacións das antigas Minas El Pilar (572 m). Estas minas de ferro e manganeso, foron pechadas a finais dos anos sesenta, e tiveron bastante actividade chegando a traballar nelas uns 70 mineiros. Aínda se poden ver os restos da antiga mina, quedando a caseta do transformador, o depósito de auga e unha especie de torva, ademais dos pozos de extracción do mineral. Á dereita da pista, existe un bebedeiro e un grande charco.

            Pouco despois chegamos a outra bifurcación preta dunha ruinosa cabana. O camiño da esquerda leva a Alevia, polo que seguiremos pola dereita entre fincas cerradas con muros de pedra e cabanas en ruínas.

            Pasamos polo Collado de los Gamones (605 m), seguindo entre os cercados das brañas, sendo este un tramo un pouco difuso, que seguiremos cara ao oeste contemplando entre algún cimbro que queda á esquerda o Picu Urriellu.

            Pouco despois temos dúas bifurcacións seguidas. Seguiremos pola esquerda  na primeira e pola dereita na segunda, divisando pouco despois o pico Muniaco (689 m), recoñecible polas antenas e unha caseta abicada do seu cume.

            O camiño vai cara a este cume, pasando xunto a varios prados cercados e cabanas en ruínas. Ao chegar ao pé do pico, o camiño rodea pola dereita (N) baixando un pouco, momento en que divisamos de fronte o Pico El Paisano (804 m), coroado por unha capela.

            Co cume en referencia continuamos entre cabanas atravesando un prado que pertence a Braña La Pipa (640 m), situada na mesma base do pico.

            Esta braña está formada por un grupo de cabanas, algunhas delas en estado ruinoso, e pequenas fincas cerradas con muros de pedras. Dende aquí solo nos quedan 170 m de desnivel, subindo mellor polo lado norte. Primeiro seguimos un camiño que ascende suavemente na base da ladeira, para despois seguir subindo en pronunciado zigzag con trazas de sendeiro chegando ao cume sen máis problemas.

            O cume do Pico El Paisano (804 m) esta ocupado por unha capela en honra a San Antonio. As vistas que nos amosa son realmente boas: ao norte esténdese o Valle Oscuro (Llanes) a case totalidade do concello de Ribadedeva e o mar, dominándose toda a costa occidental de Cantabria; polo leste a vista alcanza ata as montañas pasiegas e Peña Sagra; cara ao sur podemos ver os tres macizos de Picos de Europa cos seu estribamentos, destacando o Picu Urriellu; ao oeste levántanse os cumes do Cuera, destacando Cabeza Torbina, sendo a vista especialmente aérea cara ao val de Peñamellera onde podemos ver a Pica de Peñamellera; ao sur e sur leste o pico de Peñamellera.

            A baixada podemos facela de fronte pola lomba nordeste ata atopar o camiño na base, polo que comezamos a subida, seguindo despois o mesmo itinerario ata a bifurcación das Minas de El Pilar. Unha vez aquí, collemos o ramal da dereita que, por pista nos leva ata o cimbro chamado La Escalá (577 m), por onde se baixaba o mineral ata o cargadeiro.

            Neste lugar temos boas vistas da outra vertente do Cuera, xa que se domina o desnivel existente ata o fondo do val, onde na ampla veiga bañada polo río DevaCares se asenta a aldea de Alevia.

            Unha vez cruzado os arames que cerran o cimbro, collemos un sendeiro ben marcado, facendo varios zigzags no seu comezo, escavado na rocha e bordeando pola esquerda a muralla de Peña de la Espina, para despois continuar pola ladeira, por camiño estreito pero cómodo, por riba do cal é todo serra e por debaixo comezan as praderías de Alevia.

            Xa preto deste lugar, atópase unha pista na que seguiremos de fronte, para atravesar un bosque e chegar a pista que dende Noriega vai ata Alevia, preto do cemiterio, acadando as primeiras casas, unha das cales posúe un orixinal lavadoiro.

         A aldea de Alevia (330 m) está situada na vertente meridional da serra de El Cuera, na faldra do pico Llueres (706 m), dominando dende a súa estratéxica situación todo o val de Peñamellera.

12 12 16 Alto Ouroso - Teixo - Teixois - Taramundi (Taramundi) Asturias

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN

 

SITUACIÓN: Taramundi (Asturias)

PUNTO DE PARTIDA: A Vaga (986 m)

ACCESO: Dende A Veiga pola estrada que sobe a Garganta. Logo en dirección a Santalla d´Oscos para coller un desvío á dereita en dirección ao Couso

HORARIO: 4/5 horas                             DESNIVEL ACUMULADO DE SUBIDA: 438  m                              

DESNIVEL ACUMULADO DE BAIXADA: 1.158 m                                   DISTANCIA: 15,5 km                      

DIFICULTADE: Baixa/Media                  TIPO DE RUTA: Travesía              MAPA: I.G.N. – 25 – III 

SINOPSE: De amplas panorámicas no seu comezo, onde se pode ver Os Ancares e A Fonsagrada, ata fermosos soutos e lugares nos depara esta camiñada engadindo, ademais os museos etnográficos de Os Teixois, Esquíos e Mazonovo.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: A ruta comeza a uns dous quilómetros e medio da Garganta en dirección ao Couso. Neste lugar sae unha pista pola dereita ao abrigo de pequenas prantacións de pinos que sen perda ningunha en pouco máis de media hora nos achega a aldea de O Teixo.

      Seguimos a estrada asfaltada uns metros en dirección a Santa Marina para abandonala de seguida e coller unha pista que en suave baixada nos aproxima ao regato das Mestas pasando por un estreito sendeiro ao abrigo dun bosque de castiñeiros, ata acadar a fermosa aldea de Santa Marina. Este lugar aínda conserva un recio aspecto de aldea do occidente asturiano, con edificacións que se caracterizan pola súa arquitectura sólida e austera, de edificios de mampostaría e cubertas de laxe.

      Atravesamos o núcleo de Santa Marina para seguir por un sendeiro que pasa preto da capela cara a casaría de Almallos.

      De seguida comeza a longa baixada por un sendeiro que transita polo medio dun frondoso bosque de castiñeiros ata acceder á pista de Taramundi as Veigas. Neste punto collemos o sendeiro que baixa aos Teixois, lugar onde se sitúa un dos conxuntos etnográficos de maior interese do Principado de Asturias.

     Partimos dos Teixois por un camiño que sobe ata atoparse de novo coa estrada, pola que camiñamos uns metros para coller un desvío que sae pola dereita e baixa camiño do río de Turía. Cruzamos por unha ponte de madeira subindo ata os Esquíos, onde existe unha fábrica de navallas.

        Pouco máis adiante temos un desvío á esquerda que sinala a fervenza da Salgueira, que suporá un pouco máis de media hora subir a visitar este lugar. O camiño segue por pista asfaltada  ata que atravesa de novo o río Turía camiño do casarío de A Granda.

      Saímos á estrada asfaltada para coller unha forte baixada que nos deposita no lugar de Mazonovo, onde, tamén, existe outro museo etnográfico de gran interese.

Dende aquí, todo en subida, chegamos axiña a Taramundi.

 

 

13 01 20 Brañas Vaqueiras - Llan de Cubel (Cudillero) Asturias

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN

 

SITUACIÓN: Cudillero (Asturias)

PUNTO DE PARTIDA: San Martín de Luíña (100 m)

ACCESO: Dende a autoestrada A – 8 coller a saída 445 a Oviñana, Soto de Luíña, Valdredo e Albuerne. Logo na rotonda collemos a segunda saída cara a estrada N – 632, para xirar máis tarde á dereita collendo a AS – 222 ata a igrexa.

HORARIO: 5/6 horas      DESNIVEL DE SUBIDA: 645 m    DESNIVEL DE BAIXADA:     653 m            

DISTANCIA: 20 km             DIFICULTADE: Media             TIPO DE RUTA: Circular         

MAPA: I.G.N. – 12 – IV  

SINOPSE: Esta ruta amósanos un espectacular paisaxe dende o cume Llan de Cubel, da rasa costeira así como da Cordilleira Cantábrica. Pásese polas brañas de Teixidiello, Folgueirúa, La Puerca e El Cueto.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: A Ruta das Brañas Vaqueiras comeza xunto á interesante igrexa de San Martín de Luiña, camiñando ata o núcleo de Castañedo para baixar cara ao río Uncín, preto da praia da Concha de Artedo.

            Pasado o río e a vía do tren por dúas pontes, comeza unha suave subida polas abas da serra de Pumar. A ruta, ben sinalizada, segue por ampla pista pola que vamos gañando altura comezando a ver todos os núcleos do concello: San Martín de Luiña, Lamuño, Salamir, Soto de Luiña, Pramaro, Oviñana, etc.

            Logo de sobordar as faldras de Llan de Cubel, a ruta fai un xiro á dereita cara a unha casa sen teito. Baixamos xunto a dita casa para coller un sendeiro medio tapado de silvas ata que entroncamos nunha pista. Seguimos esta uns metro para deixala por un sendeiro que sae pola nosa esquerda e que nos levará polo medio do bosque a braña de Teixidiello, unha das máis altas desta serra. Agora seguimos por pista para pasar preto das brañas de Folgueirúa, La Puerca, Gallinero e El Cueto. Dende esta última temos unha pronunciada baixada ata o río Uncín o cal temos que atravesar sen que exista ningunha ponte. Logo entre bosques e prados chegamos a unha boa pista que nos leva de seguida a igrexa de San Martín de Luiña.

            Hai unha variante de gran interese, que alonga o percorrido en dez quilómetros. Esta variante cóllese seguindo a pista que nos sobe polas faldras de Llan de Cubel e, en lugar de torcer á Teixidiello, seguimos de fronte ata acadar o chamado Camino de Los Asturianos, que pasa tras as Peñas de los Vientos e o parque eólico alí instalado, para cruzar a Sierra de los Vientos e chegar a Brañaseca, dende a cal se baixa ao val dos tres ríos empezando a subida á Teixidiello, lugar dende o cal seguimos a ruta principal que baixa a San Martín de Luiña.

13 02 17 Berducedo Pola de Allande (Allande) Asturias

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN

 

SITUACIÓN: Concello de Allande (Asturias)

PUNTO DE PARTIDA: Berducedo (900 m)

ACCESO: Berducedo está situado na estrada AS – 14 que une Grandas de Salime con Pola de Allande.

HORARIO: 5/6 horas                   DESNIVÉIS: Subida: 494 m - Baixada: 856 m                        

DISTANCIA19 km             DIFICULTADE: Media             TIPO DE RUTA:Travesía                                

MAPAS: I.G.N. – 50 – I – II – III

SINOPSE: Esta ruta percorre un tramo do Camiño Primitivo de Santiago, pero en sentido contrario. Segundo a maioría das opinións é unha das etapas máis fermosa do Camiño Primitivo. As vistas panorámicas, posiblemente, sexan o que máis destaca desta ruta, suavizándose moito o nivel de dificultade ao facer este tramo ao revés, por ser o desnivel máis esixente en baixada.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Saímos de Berducedo seguindo o Camiño Primitivo, pero en sentido contrario. De seguida temos que incorporarnos á estrada AS – 14 abandonándoa pouco despois para internarnos por un piñeiral que nos achega á aldea de Lago.

            Neste punto, deixamos a estrada para seguir por terreo chan que nos amosa fermosas vistas dos vales do arredor e despois dunha pequena baixada entramos en Montefurado, aldea de catro casas de pedra situada preto dos mil metros de altitude, con vistas excepcionais e cunha capela adicada a Santiago.

            O camiño segue deixando a estrada á nosa esquerda, por terreo pedregoso, para comenzar o tramo máis pendente do día que nos levará ao porto de El Palo (1.146 m).

            Neste lugar temos a opción de deixar o Camiño Primitivo, e subir ao pico Panchón (1.411 m), teito do concello de Allande, superando uns 265 metros de desnivel baixando, logo, pola braña Braniecha.

            O Camiño Primitivo, dende o porto de El Palo segue baixando con forte pendente dentro dunha fermosa paisaxe, introducíndonos entre a vexetación propia da alta montaña.

            Cruzamos o río Nisón un par de veces por pontes de madeira pasando xunto ao casarío de Reigada, logo atravesamos tamén varios regatos que baixan da serra de Fonfaraón, agora entre abundante vexetación, sempre polo val do río Nisón, chegando así ao desvío do albergue de Peñaseita.

            Continuamos de fronte xunto ao río e de seguida subimos á estrada seguindo por ela pouco máis de un quilómetro ata Pola de Allande.

            

13 04 21 Vega de Orandi

VER PUNTO DE SAÍDA VER MAPA DA RUTA VER GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN

 

(Lagos de Enol – Vega de Orandi – Covadonga)

SITUACIÓN: Canas de Onís (Asturias)

PUNTO DE PARTIDA: Aparcamento de Buferrera

ACCESO: Desde a estrada AS – 114 (Arriondas – Panes) cóllese a AS – 262 que vai a Covadonga e desde aquí sae a estrada que en 12 kilómetros nos leva ós lagos

HORARIO: 5/6 horas             DESNIVEL: 1.055 m de baixada                        DISTANCIA: 14 km            

DIFICULTADE: Media            TIPO DE RUTA: Travesía                     MAPA: I.G.N. – 55 – I – II

 

DESCRICIÓN DA RUTA: Comezamos a camiñada no aparcadoiro de La Buferrera para subir ao Centro de Interpretación. Pasado o centro e as minas de Buferrera chegamos as campeiras de Ercina. Achegámonos ao lago pola súa marxe dereita camiñando por esponxosa herba ata que atopamos un sendeiro que nos leva a unha fonte na que podemos abastecernos de auga.

            Seguimos polo sendeiro coas fermosas vistas que acompañan o entorno, chegando así á parte posterior do lago, onde existe un cartel informativo que nos indica a dirección que debemos seguir cara ao lago Bricial, que solo está cuberto de auga en tempos de choiva.

            Subimos un pequeno repeito para pasar xunto a cabana de Las Reblagas e seguindo as marcas aparece de seguida á nosa esquerda a bagoada que aloxa o lago Bricial tendo pola dereita un pequeno bosque onde se asentan algunhas cabanas de pastores.

            O sendeiro diríxese cara á dereita, introducíndonos no conxunto de cabanas, que unha vez pasadas e logo de saír da arborada aparecendo, de fronte, unha forte subida. Neste punto temos que poñer atención porque debemos xirar á esquerda cando atopemos unha rocha na que a marca nos indica un cambio de dirección, abandonando o sendeiro e dirixímonos á nosa esquerda a media ladeira, pasando por entre rochas nas que de seguida atoparemos novas sinais.

            Comezamos unha pequena baixada entre zona rochosa no medio dun entorno fermoso. O camiño lévanos polo monte Palomberu á Vega de Enol onde collemos a pista cara á dereita ata o lago Enol o cal bordeamos deixando á nosa dereita para subir pola pista ata o Collado Les Veleres.

            No cimbro de Les Veleres imos paralelos entre a estrada e a Porra de Enol en dirección oeste para baixar a braña de La Fana. Seguimos o camiño pola Vega de Fondos pasando polo cimbro de El Sellón que da pasa á Vega Las Traviesas. O camiño ben marcado lévanos á braña de Severín e a cunca do río Mestas.

            Así chegamos a Les Mestes onde seguimos pola beira do río ata entrar na fermosa Vega de Orandi, que cruzamos en toda a súa lonxitude para rematar saltando por riba dunha parede.

            Aquí temos a opción de subir ao pico Sienra (755 m) que, a pesar da súa modesta altitude, amósanos unhas amplas vistas dos cordais interiores, incluíndo os Picos de Europa. Para iso, dende a Vega de Orandi, collemos a Vallina de la Iglesia, sendeiro que pasa xunto a unha fonte e depósito de augas para subir a un amplo cimbro cercado dun bosque de faias. Xiramos á dereita entre un labirinto de rochas de incómodo andar ata que chegamos ao cume.           

          Logo, despois de baixar polo mesmo camiño vemos a cova por onde o río desaparece para saír máis tarde na mesma Santa Cueva. Temos que subir ao cimbro de Orandi e logo a través do monte Auseva, baixar a Covadonga