17 07 26 Refuxio de Góriz - Collado de Añisclo - San Úrbez
TRAZADO DA RUTA |
GALERÍA DE FOTOS |
PDF CASTELÁN |
MAPA PARA IMPRIMIR |
SITUACIÓN: Parque Nacional de Ordesa e Monte Perdido (Huesca)
PUNTO DE PARTIDA: Refuxio de Góriz (2.195 m)
ACCESO: A maneira máis fácil de acceder ao refuxio de Góriz é desde a Pradera de Ordesa. Uns 10 quilómetros.
HORARIO: 9/10 horas DESNIVEL: 560 m de subida / 1780 m de baixada
DISTANCIA: Polo Collado de Añisclo 24 km / Polo Barranco de Arrablo 19,5 km
DIFICULTADE: Media/alta TIPO DE RUTA: Travesía
COTA MÍNIMA: San Úrbez (980 m)
COTA MÁXIMA: Abas da Punta las Solas (2.750 m)
MAPA: Valle de Añisclo – Valle de Pineta 1:25.000 de Alpina
SINOPSE: Trátase dunha ruta de dificultade media – alta tanto pola distancia como polos desniveis a salvar. Esta ruta percorre o impresionante canón feito polo río Bellós, o Cañón de Añisclo onde existe unha enorme variedade vexetal formando un enorme xardín botánico. Tamén merece unha visita a ermida de San Úrbez, onde viviu o santo na época de cristianización do Alto Aragón entre os séculos VI e IX.
DESCRICIÓN DA RUTA: Saímos do refuxio de Góriz seguindo a sinalización do GR – 11 en dirección sureste. En lixeira subida pasamos xunta a estación meteorolóxica a media ladeira cara ao Collado de Arrablo ou de Góriz, situado entre a Punta Custodia, a dereita, e o macizo de Monte Perdido, a esquerda.
No Collado de Arrablo (2.343 m) temos dúas alternativas.
- Pola Faixa deras Solas. Esta é a máis difícil, porque presenta algúns pasos aéreos que, aínda que están equipados con cadeas e cordas, é comenente evitar con neve ou xeo e tamén no caso de mal tempo.
Por este camiño temos que subir cara ao nordeste por debaixo do Morrón de Arrablo ata a Faixa deras Solas. Está é unha terraza pola metade da parede pola que contornamos a Punta de las Olas. Preto do remate, a faixa interrómpese polo que temos que agatuñar facilmente por un tramo equipado con unha cadea, continuando ata a baixada, máis perigosa con laxes inclinadas, equipada tamén con outra cadea.
Sen máis complicacións o carreiro baixa ata o cimbro de Las Solas ou dos Maquis (2.456 m) que contorna a Punta del Valle (2.501 m) e segue ata o Collado de Añisclo (2.453 m).
- Pola Fuen Blanca.Esta opción é máis curta e con menor desnivel gañando en seguridade e aforrando como mínimo dúas horas de camiñada.
Consiste, no Collado de Arrablo, coller á dereita e baixar polo Barranco de Arrablo ata a Fuen Blanca (1.680 m), desembocando no río Bellós, xusto no tramo superior do Cañón de Añisclo.
De calquera maneira, na parte superior do Cañón de Añisclo, no Collado de Añisclo (2.453 m) arranca o sendeiro en dirección oeste bastante chan no seu primeiro tramo ata que torce en dirección sur facéndose máis costo.
O camiño baixa entre zonas de prados acompañado polo río Bellós polo amplo val, alcanzando así a Fon Blanca, emerxencia de auga da mesma parede do barranco, a varios metros de altura.
Deixamos Fon Blanca á nosa dereita para seguir a baixada cara a unha estreitura do val, Los Estrechos, lugar onde sae un sendeiro en dirección lesta que vai ao refuxio de San Vicienda.
Nós seguimos en dirección sur polo barranco de Capradiza ata a confluencia do barranco do Valle Pardina, na zona de La Ripareta (1.420 m), lugar fermoso de prados a nivel do río onde podemos tomar un descanso.
O camiño segue polas Trallatas ata a Selva Plana. O bosque, principalmente de faias e abetos, vai deixando paso a outro de aciñeiras con abundantes buxos.
Logo de cruzar o río pola ponte de Sangóns comeza unha boa pista pola que chegamos á ermida e cova de San Úrbez. (980 m). Máis abaixo cruzamos o río pola moderna ponte de San Úrbez dando por rematada esta fermosa travesía.