13 06 15 Serra do Barbanza
VER PUNTO DE SAÍDA | VER MAPA DA RUTA | VER GALERÍA DE FOTOS | PDF CASTELÁN |
SITUACIÓN: Boiro e Pobra do Caramiñal (A Coruña)
PUNTO DE PARTIDA: Estación E.V.A. 18 (650 m)
ACCESO: Dende a estrada CP – 1015 que une Noia con Boiro, á altura de Moimenta, no punto quilométrico 8 desviámonos cara a estación E.V.A. 18.
HORARIO: 4/5 horas DESNIVEL: 150 m de subidas/ 280 m de baixadas
DISTANCIA:14 km DIFICULTADE: Baixa TIPO DE RUTA: Travesía
MAPAS: I.G.N. – 119 – IV – 151 – II
SINOPSE: As dúas moles graníticas, A Curotiña (368 m) e maila Curota (498 m) non son os máis altos nin os únicos miradoiros da Serra do Barbanza co punto máis elevado no monte Iroite (685 m), pero si dos mellores para ter unha perspectiva case aérea das Rías Baixas.
A pouca distancia do mar e o forte desnivel orixina abruptos descensos dos ríos. O Pedras coas súas pequenas fervenzas é un bo exemplo.
Nesta sinxela ruta habemos atopar con restos megalíticos. Dolmens como a Arca do Barbanza ou a Casota do Páramo (Boiro) e Axeitos (Ribeira); Nas chairas elevadas da serra do Barbanza aséntanse brañas e terreos de turbeira, ecosistemas de grande riqueza.
DESCRICIÓN DA RUTA: A camiñada comeza xunto á estación de radar E.V.A. – 18. Aos poucos metros temos un indicador da Ruta Megalítica do Barbanza, a que podemos seguir no trama inicial da nosa andaina para poder contemplar ata trece mámoas ou dolmens entre os que se atopa a Casota do Páramo e a Arca do Barbanza que é un dos máis grandes de Galicia.
A ruta atravesa pastos de montaña mesturados con piñeirais, tendo case sempre vistas extraordinarias sobre a ría de Muros e Noia e sobre a ría de Arousa.
Pola serra espállanse numerosos xeradores eólicos e conducións eléctricas. Camiñamos polas abas do monte Meán sempre en dirección sur ata o lugar de A Portela onde temos un brusco xiro á dereita en dirección ao Alto da Lagoa.
O entretido camiñar pasa polo Chan das Canizadas paralelo ao rego das Brañas deixando á nosa dereita o circuíto de motocross.
Un pouco máis adiante temos un desvío pola dereita que en pouco tempo nos leva ao cume dos Forcados (620 m) que posúe unhas boas vistas. De novo no camiño principal seguimos camiñando cara a o miradoiro da Curotiña que xa vemos bastante preto.
Dende este lugar, logo dun gratificante descanso, temos a opción de baixar seguindo o río Pedras e as súas pozas ata a Aldea Vella, xa preto da Pobra do Caramiñal.