23 07 15 FRAGA DAS LERIAS - CANLE DE CANOURA - FERVENZA DE TOREZ

 

PUNTO DE SAÍDA TRAZADO DA RUTA GALERÍA DE FOTOS PDF CASTELÁN MAPA PARA IMPRIMIR

 

 

 

SITUACIÓN: Serra do XistralO Valadouro (Lugo

PUNTO DE PARTIDA: Cruce da LU-P-0101 (Abadín - Ferreira) no km. 23,2 coa pista que sobe á Ferrocente. (290 m).

ACCESO: Desde Ferreira pola LU-P-0101 (Abadín - Ferreira) a 10,6 km, despois  dunha  curva pechada  sobe  unha  pista  cara á Cortegaza Ferrocente.

HORARIO: 5/6 horas                      DESNIVEL: 430 m de subidas/510 m de baixadas 

DISTANCIA: 14 km                        DIFICULTADE: Baixa        TIPO DE RUTA: Travesía

COTA MÍNIMA: Igrexa de Stº Tomé (212 m)  COTA MÁXIMA: Prado do Sexto (666 m)

MAPAS: I.G.N. – 8 – IV – 9 - III

SINOPSE: O Xistral, tan preto e tan descoñecido...

               Aínda quedan fragas, e iso que a presión histórica do monte, madeira para barcos e construción, carbón vexetal, andazos e pragas, presión gandeira e agraria e nos últimos tempos repoboacións con especies foráneas de piñeiro e sobre todo o cálitro, reducíronas á mínima extensión. Nesta ruta embeberémonos en dúas desas fragas, a da extensa das Lerias e a pequena Caxigueira da Catalina. Achegarémonos no recorrido a bens do patrimonio cultural: curros vedros, dolmen, peto de ánimas e igrexa.  A ruta recorre na súa totalidade a Canle de Canoura, desde a cabeceira do Rego da Fraga das Lerias até o que foron cubos despois do Prado das Chantas. Fragas, prados e fervenzas. Sen esquecernos dunhas vistas panorámicas do Valadouro e da costa.

 

DESCRICIÓN DA RUTA: A ruta comeza no km. 23,2 da estrada LU.P.0101 (Abadín - Ferreira), na cota de 290 m. Collemos a pista asfaltada, pola que subimos facendo varios zigzags, pasando polos lugares de Cortegaza e Ferrocente, ata a altura da derradeira casa na que levamos camiñado por pista 2,3 km. Neste lugar, remata o asfalto, polo que seguimos subindo por pista de terra.

               Unha vez nesta ancha pista e xa inmersos na fraga seguimos até o km 3,6,  deixándoa para coller un camiño que sae pola dereita. Esta corredoira ancha con varias lameiras remata no Km. 4,5 nun dos regatos que alimentan o rego da Fraga das Lerias (unha parada para observar fervenzas). Ao pouco de cruzar, subiríamos ao Prado do Xesto (Sesto, Sixto, Sestelo etc... lugares de recoller/gardar/descansar o gando. Curros). Este lugar representa como poucos a historia do rural. A súa orixe é un misterio, uns lévano ao neolítico, outros a idade tardo-antiga e non falta quen o sitúa na idade media, tamén é curioso que se atopa no medio dun monte comunal, mais, o Prado do Xesto é privado. Tamén representa o minifundio, todo el ten 12 ferrados, máis está dividido en catro parcelas de 2, 2.5, 3.5 e 4 ferrados. Atrevédevos a atoparlle os pedreiros a este curro vedro, o lugar máis alto da ruta con 653 m.          Internariámonos de novo na fraga por camiño até chegar a outro afluente do rego, avanzaríamos por el uns metros até atopar unha antiga canle no km.5,3; Este é o tramo máis complicado da ruta onde teremos que prestar atención para nos esvarar, ata coller a canle. Unha vez nela levaranos en 3 km até os dous cubos de almacenamento (recheados de turbeira).               

       A Canle de Canoura leva en desuso moito tempo, xa non corre a auga, mais está limpa, e pódese camiñar doadamente. Primeiro vai polo medio da fraga, máis tarde por monte raso. Con panorámicas moi boas, da Fraga das Lerias, do Val da Frouseira, da costa e de verdes prados... mais tarde pasamos por outra pequena fraga, a Caxigueira da Catalina, rematando no enigmático Prado das Chantas (outro curro vedro).

       Baixamos até unha pista/estrada, e no km. 9,5 na contorna do Padorno  achegarémonos até o famoso dolmen, a 250 m, das primeiras tumbas que chegaron a nós, xa no neolítico . Volveríamos até ese punto (10,2 km.) para continuar pola pista a dereita e cara abaixo e cruzando o rego do Penido Novo. No km. 11 continúamos de fronte, sempre baixando, volvemos a cruzar o rego, até o km 12, no que nos desviaremos á esquerda para visitar a fervenza da Torez (650 metros ida e volta).

        Unha vez de volta seguiremos cara ao lugar da Esqueira e de alí por asfalto até o remate na igrexa de Sto. Tomé (1 km.). Neoclásica do ano 1852, edificada sobre unha capela anterior adicada ao mesmo santo que, por outra parte, se ergueu sobre un primitivo asentamento dun castro (Villa-Amil y Castro cita un forno). De planta rectangular con dous pequenos brazos a xeito de capelas laterais. Muros de cadeirado e cachotaría de granito con cuberta a dúas augas. Frontais sobre o que se ergue unha torre - campanario de dous corpos. No interior ten o retablo maior neoclásico e posteriores os laterais. Adro e peto de ánimas neoclásico. A fachada está precedida por unha escalinata; posúe outra entrada secundaria. Cemiterio e reitoral con pombal.              

         Na man dereita da estrada que sobe cara á igrexa hai un Vía Crucis que actúa como escenario dunha representación en Semana Santa a cargo de veciños do lugar.

Texto: M. Vizoso